Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE aféalle á Deputación que «ignore por completo» o financiamento do treito da Vía Verde das Rías Baixas entre Portas e Pontevedra e reclámalle a súa execución inmediata

  • O socialista Iván Puentes celebra que o presidente provincial, o ‘popular’ Luis López, «asuma por fin o seu compromiso e teña cartos previstos para o tramo entre a nosa cidade e Arcade», pero demándalle que axilice tamén a conexión peonil e ciclista no tramo de 15 quilómetros entre Pontevedra e Portas, «que é precisamente o máis rápido e sinxelo de executar, ao non precisar apenas de trámites previos» 

Pontevedra, mércores 19 de novembro de 2025.- O desbloqueo do itinerario da Vía Verde entre Arcade e Pontevedra, tralas conversas mantidas onte en Madrid entre responsables da Administración de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) e a Deputación Provincial, foi recibido como unha noticia agridoce polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, artífice do impulso que este demandado proxecto recibiu durante os últimos anos. Se ben celebrou que o presidente provincial, Luis López, «asuma por fin o seu compromiso e teña cartos previstos para esta parte do itinerario (duns 14 quilómetros)», Puentes amosou a súa «preocupación» ante o feito de que o ‘popular’ «ignore por completo» o financiamento do tramo «que precisamente resultaría máis sinxelo e rápido de executar, a non precisar apenas de trámites previos, é dicir, o que discorre entre o noso municipio e o de Portas».

Ao líder socialista chámalle «poderosamente a atención» que Luis López «amose tan boa disposición e reitere que a Deputación asumirá e financiará a Vía Verde das Rías Baixas, negociando a cesión dos terreos por parte da Adif e mesmo desprazándose ata Madrid para chegar a un acordo cos responsables do Ministerio de Transportes», pero «non se estea a pronunciar en ningún momento sobre o itinerario Portas-Pontevedra». «Inquédanos que unicamente se refira ao treito entre Arcade e Pontevedra, polo que, desde o Grupo Municipal do PSOE, reclamámoslle á Deputación que dea tamén pasos na conexión con Portas».

O proxecto que Puentes desenvolveu como concelleiro de Desenvolvemento Sostible durante o anterior mandato, e que os socialistas reiteraron neste a través dunha moción que foi levada ao Pleno da Corporación, contempla «tanto o tramo entre Arcade e Pontevedra como o que debería unir Portas coa nosa cidade, que ademais é a fase executable dun xeito inmediato, ao non precisar de máis trámites que a certificación de vía verde por parte Ministerio». «Resulta insólito e desacougante que Luis López omita precisamente aquela parte do itinerario na que a Deputación xa pode actuar», asegura o portavoz do PSOE.

Neste sentido, critica que unha administración «cun presidente que debería velar polos intereses de tódolos pontevedreses, incluídos os que vivimos na capital da provincia, e o que resulta aínda peor, cun vicepresidente como Rafa Domínguez, portavoz e semella que futuro candidato por Pontevedra, deixen unha vez máis ‘colgada’ á nosa cidade». Ao seu xeito de entender, este «novo episodio de discriminación e amnesia selectiva» supón unha renuncia «ao que todo o mundo pide, que é prolongar a Vía Verde desde Portas a Pontevedra, que é o máis rápido, sinxelo e inmediato».

«Luis López e Rafa Domínguez foron moi procaces e botados para adiante á hora de facer promesas sobre o proxecto da Vía Verde -afirma Puentes-, pero agora que de verdade toca xestionar e investir os cartiños volven facer o avión e ‘escaquearse’. Agardamos que rectifiquen e activen canto antes esta parte do itinerario entre Pontevedra e Portas». 

O proxecto da Vía Verde das Rías Baixas foi concibido como un gran corredoiro peonil e ciclista que, aproveitando sendas existentes e vías ferroviarias en desuso, conecte as localidades de Vilagarcía, Pontevedra e Arcade e, nunha fase posterior, chegue ata Vigo (o que o convertería nun dos maiores corredoiros verdes do norte de España).

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes