Iván Puentes urxe ao Concello a «protexer o antigo Cine Gónviz» coa súa adquisición e rehabilitación «co obxectivo de destinalo a centro sociocultural de Pontevedra»
- A proposta presentada polo portavoz socialista defende que, alén de motivacións nostálxicas ou patrimoniais, existen razóns sociais e culturais que xustifican «un esforzo para preservar a única sala de cinema clásica que queda nesta cidade»: «Pontevedra ten un claro déficit de locais de mediano tamaño para a organización de eventos no centro urbano»
Pontevedra, martes 3 de febreiro de 2026.- Iván Puentes está convencido de que, alén de motivacións nostálxicas ou patrimoniais, existen razóns sociais e culturais que xustifican que o Concello de Pontevedra faga «un esforzo para preservar a única sala de cinema clásica que queda nesta cidade» e realice «as xestións oportunas para protexer o antigo Cine Gónviz, facendo as xestións oportunas para adquirir este emblemático inmoble, rehabilitalo e destinalo a centro sociocultural». O portavoz do PSOE pontevedrés considera que «Pontevedra ten un claro déficit de locais de mediano tamaño que poidan albergar eventos públicos no centro urbano», polo que, «dadas as súas dimensións e a súa versatilidade, o Gónviz tería capacidade para moito máis que a proxección de películas, significando unha oportunidade de facer realidade o gran centro cultural municipal do que adoece a nosa cidade: un espazo polivalente con sala principal e diversos locais orientados a representacións teatrais, proxeccións cinematográficas, aulas de formación, salas de exposicións… (tanto por iniciativa municipal como das asociacións e entidades que o precisen)».
«Temos salas grandes e pequenas -sostén Puentes-, pero carecemos dun local deste tipo, que sería moi útil para o día a día e que ademais aliviaría o problema de saturación que padece o Teatro Principal. O inmoble do Gónviz quedaría convertido nunha auténtica factoría cultural situada en pleno centro de Pontevedra, o que permitiría salvar unha sala de cinema que forma parte do noso patrimonio material e inmaterial e, ao mesmo tempo, mellorar notablemente a oferta cultural da nosa cidade e os recursos postos a disposición das entidades que traballan neste sector».
Unha proposta que o socialista formalizou a través dunha proposición que será debatida no vindeiro Pleno ordinario da Corporación e que esta mañá presentou nunha comparecencia ante os medios de comunicación. Tal e como subliñou, «o Concello perdeu no pasado, no contexto da aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), a oportunidade de protexer este ben», polo que «hoxe carecemos de instrumentos legais efectivos para vetar a súa destrución». Non obstante, «o que si podemos facer como Corporación Municipal é o esforzo de competir no mercado para adquirir este inmoble e algún adxacente que faga viable o proxecto, salvando os atrancos urbanísticos do pasado, derivados da ausencia dunha saída de emerxencia con conexión directa coa rúa».
Nunha sucinta ollada a tempos pretéritos, Iván Puentes lembrou que «os dos Ideal Cinema (1919), Cine Estribela (1924), Coliseum (1932), Victoria (1943), Malvar (1948) e Gónviz (1970), xunto co Cine Clube (1954), foron os nomes que protagonizaron o desenvolvemento do cinema na nosa cidade». «A arte que transformou, formou e evadiu á sociedade do século XX, que con novos formatos, e adaptada ás tecnoloxías da información e a comunicación, segue a ocupar un papel destacado na vida de calquera persoa do século XXI, e cuxa presenza en Pontevedra se ten reducido considerablemente nas últimas décadas no que a salas de proxección se refire (salvando as extraordinarias iniciativas do Cine Clube e de proxectos tan valiosos como o festival Novos Cinemas)».
«Destruílo suporía eliminar para sempre o último vestixio da época dourada do cinema na nosa cidade e significaría destruír unha parte importantísima da historia de todos nós»
Para Puentes, «á marxe das propias rodaxes e proxeccións das películas, o cinema sempre levou aparellado un valioso patrimonio material e inmaterial ligado ás salas de proxección, locais vangardistas que daban un aire de modernidade ás cidades nas que se asentaban e sobre os que calquera de nós podería facer un repaso da súa vida simplemente evocando as lembranzas que ao longo do tempo lle trae cada cine, cada película e cada butaca». Na súa opinión, «Pontevedra gozou dun bo elenco de salas deste tipo, das clásicas, que co paso do tempo, a crise do modelo de negocio tradicional e a presión urbanística, foron pechando e destruíndose, perdéndose así todo ese patrimonio pontevedrés acumulado ao longo de máis dun século».
«Xa non é posible rescatar do pasado o Ideal Cinema, o Cine Estribela, o Coliseum, o Malvar ou o Victoria. Todos foron destruídos. Pero aínda é posible intentar salvar a única sala clásica que se mantén en pé na nosa cidade, o Cine Gónviz, sobre o que, segundo puidemos coñecer recentemente, latexa a ameaza de correr a mesma sorte que o resto de salas e de deixar para sempre á nosa cidade sen un só vestixio da época dourada do cinema. Destruílo -aseverou- significaría tanto como destruír unha parte importantísima da historia de todos nós».
Unha emenda para solicitarlle ao Goberno Local que sinalice os circuítos populares de ‘runing’
Iván Puentes tamén aproveitou a súa comparecencia de hoxe, desenvolvida na Sala de Prensa do Concello, para anunciar o rexistro dunha emenda dos socialistas á proposición que o Grupo Municipal do Partido Popular levará a Pleno para solicitar a recuperación do Circuíto Popular de Carreiras de Pontevedra. En concreto, o seu compañeiro de partido, o concelleiro socialista Manuel Fariña presentou unha emenda de adición a esta moción, na que se pide que a proposta de acordo plantexada polos ‘populares’ incorpore un novo punto final: «Instar á Xunta de Goberno Local á sinalización de circuítos populares de ‘running’ no contorno da Illa das Esculturas, beiramar, Paseo de Marín e a Xunqueira da Gándara».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS