Iván Puentes urxe a Xunta e Concello a que «poñan as pilas» e «aceleren» os traballos para acabar cos alagamentos de Fernando Olmedo: «Xa pasaron case tres anos desde que os socialistas puxemos enriba da mesa a solución de crear balsas de inundación natural en Valdecorvos»
- O portavoz do PSOE reclámalles ao Goberno Local e ao ‘popular’ Rafa Domínguez que deixen de «boicotear» este proxecto «só por ser unha iniciativa socialista» e considera que a Xunta «ten unha moi boa oportunidade de incluír nos orzamentos autonómicos de 2026 unha partida específica para a creación destas balsas»
Pontevedra, mércores 3 de decembro de 2025.- A magnitude dos recentes asolagamentos que as fortes choivas volveron producir na rúa Padre Fernando Olmedo incrementaron a preocupación do portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, polas constantes dilacións á hora de tramitar o proxecto que os socialistas impulsaron desde o Concello e que permitiría poñer fin a décadas de alagamentos: a creación de balsas de inundación natural no parque de Valdecorvos. Por tal motivo, Puentes urxe á Xunta de Galicia e ao Goberno Local a que «poñan dunha vez as pilas» e «aceleren» os traballos para facer realidade esta ansiada actuación: «Xa pasaron case tres anos desde que puxemos esta solución enriba da mesa».
Tal e como sinalou esta mañá no marco dunha comparecencia ante os medios de comunicación, o proxecto socialista foi deseñado no anterior mandato en coordinación con Augas de Galicia, optando por «unha solución baseada na natureza», consistente na construción desas balsas de inundación natural «para que as crecidas do rego de Valdecorvos se acumulen nesa zona alta do cauce, evitando así os desbordamentos na parte baixa e, polo tanto, os graves danos que se producen cada vez que hai alagamentos deste tipo». «O episodio que vivimos esta pasada fin de semana -asegurou- o que nos recorda é a necesidade de acelerar ao máximo posible a execución destas obras».
Iván Puentes lamentou que levemos «moitísimo tempo perdido discutindo sobre esta proposta que o Partido Socialista deixou enriba da mesa hai xa practicamente tres anos (cumpriranse en marzo de 2026), simplemente polo feito de seren elaborada polo PSOE». Segundo criticou, «o Goberno Local estivo un ano dándolle voltas a ese proxecto e negándose a executalo, alegando que non era a solución acaída», mentres que o portavoz ‘popular’, Rafa Domínguez, «simplemente porque a proposta xurdira dunha concellería socialista, estivo durante un ano tentando boicotear coa Xunta de Galicia que se executasen estas balsas de inundación natural».
«Para que finalmente, un ano e pico despois, a Xunta recoñecese publicamente que a solución proposta polo Partido Socialista era a máis acertada, a máis económica e a máis sostible para evitar esas inundacións. Nin os tubos que propuxo Rafa Domínguez polo medio da rúa, canalizando novamente o río e reincidindo no mesmo erro do pasado; nin outras solucións que se achegaron desde o Goberno Local», relatou.
Puentes esixiulles á Xunta e ao Goberno Municipal de Pontevedra «que poñan as pilas xa, que empecen a traballar canto antes e que comecen a dar os pasos necesarios para executar esas balsas de inundación natural en Valdecorvos que eviten os recorrentes episodios de inundacións en Fernando Olmedo». «Hoxe sabemos como solucionalo -engadiu- e a cuestión é saber cando se van poñer en marcha eses traballos e como se van executar. A Xunta está elaborando os orzamentos para o ano 2026 e é unha oportunidade magnífica para que nesas contas se inclúa, como xa propuxo o PSOE, unha achega económica para esas balsas; e tamén para que o Concello de Pontevedra faga tamén a parte que lle corresponde para adaptar toda esa zona».
O portavoz socialista incidiu en que «desgraciadamente, mentres non se executen, non é só que se vaian producir máis inundacións, senón que os períodos de alagamentos que os veciños e veciñas padecen desde hai décadas (con graves consecuencias, sobre todo materiais) van ser aínda máis recorrentes cada día». Puentes aseverou que «o cambio climático, por moito que algúns o neguen, está aí», os episodios de choivas torrenciais «son máis frecuentes do que eran no pasado e, por tanto, imos vivir este tipo de situacións cunha recorrencia máis cotiá do que estabamos acostumados no pasado».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS