Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes ‘tritura’ as calumnias formuladas por Lores e Mosquera para non destapar o río do Gafos coa profusa batería de estudos e informes técnicos que permitiron a consecución de fondos europeos para executar a obra

  • O portavoz municipal do PSOE exhibe 15 documentos e resolucións que avalan de xeito concluínte a viabilidade e solvencia técnica da obra para renaturalizar o río ao seu paso por Campolongo, moitos dos cales implican a outras administracións «que saben tan pouco de ríos, obras hidráulicas e medio ambiente como Augas de Galicia (Xunta), o Ministerio para a Transición Ecolóxica do Goberno de España e a Comisión Europea, que financia esta actuación». «Todo o mundo sabe -ironizou Puentes- que a UE nos regala máis de dous millóns de euros para poder facer unha obra en Pontevedra sen que haxa estudos nin informes que avalen a viabilidade desa obra»
  • Puentes indicou que a Xefatura Territorial da Consellería de Educación «tamén foi xa consultada antes de elaborar toda a documentación técnica que avala a viabilidade do proxecto e, de feito, a solución formulada para a zona situada diante do colexio Crespo Rivas é a que a Xunta de Galicia nos aporta»
  • O líder socialista lamenta o «revanchismo político» do BNG e o seu aliñamento coa estratexia de Vox contra os proxectos de loita contra o cambio climático, e aclara que o estudo xeotécnico non só non é preceptivo legalmente, senón que os estudos previos non contemplan ningún tipo de afección sobre os terreos escolares e, de estimarse oportuno polo gañador, o momento de facelo é cando se coñeza o proxecto gañador do concurso de ideas

Pontevedra, 13 de outubro de 2023.- O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, respostou esta mañá con contundencia ás calumnias e subterfuxios cos que o BNG está a dilatar o proxecto para destapar e renaturalizar o río dos Gafos ao seu paso por Campolongo, poñendo en serio risco os fondos europeos acadados polos socialistas para executar esta importante actuación (2,3 millóns de euros concedidos pola UE a través da liña Next Generation para a primeira fase, entre Xeneral Rubín e a igrexa de Campolongo). Fíxoo nunha comparecencia na que expuxo a irrebatible e profusa batería de documentos (estudos e informes técnicos) que avalan a viabilidade deste ambicioso plan e ‘trituran’ unha por unha «as afirmacións falsas, por non dicir mentiras absolutas, lanzadas nos últimos días polo concelleiro César Mosquera e mailo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que foi aínda máis imprudente e máis falso nas súas afirmacións que o propio Mosquera», ao chegar a asegurar que non había absolutamente nada, nin antecedentes, nin estudos previos, nin proxecto.

Tal e como sinalou Puentes na súa intervención, na que estivo acompañado dos concelleiros Yoya Blanco, Paloma Castro e Marcos Rey, entre outros embustes e excuxas, os nacionalistas fixeron «cinco afirmacións que vou desmontar e que son radicalmente falsas: falan da necesidade de realizar un estudo xeotécnico pola posible afección ao colexio Crespo Rivas; din que hai simples memorias e non existe un estudo de viabilidade que avale esta obra; o alcalde sostén que se trata dun proxecto que carece de soporte técnico algún, e manifestan que, unha vez que se efectúe ese innecesario estudo xeotécnico, teñen vontade de consultarlles á Consellería de Educación e á Augas de Galicia a viabilidade do proxecto». «Mentiras absolutas -sinalou o líder socialista- que se desarman simplemente con acceder ao expediente desta obra e que, sobre todo, revelan algo moito máis grave: un descoñecemento ou un desinterese absoluto por este proxecto. Nin sequera tomaron a molestia de consultar a documentación existente. Esa é a razón fundamental, o desinterese por executar un proxecto que é referente a nivel nacional e internacional, que por iso recibiu financiamento da UE e que vai transformar urbanísticamente o corazón de Pontevedra».

Segundo demostrou Iván Puentes, «en efecto, non hai un estudo de viabilidade, hai dous». O primeiro é un estudo previo para a creación dun parque liñar no actual treito soterrado do río dos Gafos e o seu ámbito de influencia (entregado no Concello en xuño de 2020), que determina as solucións que debemos adoptar en cada un dos treitos da actuación para que ese río destapado, aberto, non só non afecte, senón que mellore, tanto a mobilidade peonil e ciclista da zona (garantindo o calmado do tráfico sen xerar problemas de comunicación entre ámbalas marxes do río). O outro estudo, que resulta esencial, é un Estudo de Viabilidade da Recuperación de Paisaxes no contorno da Praza da Constitución e a Rúa Alcalde Hevia (elaborado en maio de 2020): «Un estudo amplísimo, cunha cartografía e unha planimetría detalladísima de cada treito do río e no que se plantexan propostas e solucións concretas, fundamentalmente desde o punto de vista hidráulico, é dicir, do comportamento do Gafos unha vez destapado: de como funciona esa canle, de se axuda ou non a previr o risco de inundación que temos na zona de Campolongo e de como debería renaturalizarse a ribeira». Puentes asegurou que «a conclusión destes dous grandes traballos técnicos é que esta obra para destapar e renaturalizar o río é perfectamente viable tanto desde o punto de vista construtivo como da mobilidade».

Ante o argumento de que o proxecto carece de soporte técnico de ningún tipo, o portavoz do PSOE constatou (amosando toda a documentación na rolda de prensa) que, á marxe dos concluíntes estudos de viabilidade, «existen outros 13 documentos máis que, dun ou doutro xeito, avalan a viabilidade da obra proposta». «Falamos dun total de 15 documentos e resolucións que respaldan a viabilidade e solvencia do proxecto e que non só son municipais, senón que tamén implican a outras administracións que saben tan pouco de ríos, obras hidráulicas e medio ambiente como Augas de Galicia (Xunta), o Ministerio para a Transición Ecolóxica do Goberno de España e a Comisión Europea, que financia esta actuación. Todo o mundo sabe -ironizou Puentes- que a UE non regala máis de dous millóns de euros para poder facer unha obra en Pontevedra sen que haxa estudos nin informes que avalen a viabilidade desa obra».

«Augas de Galicia xa foi consultada desde o minuto un, desde antes incluso de que se fixera o estudo de viabilidade: non é que saiban o que se vai facer, é que incorporou o proxecto ás súas previsións de risco de inundacións»

A Puentes chámalle «poderosamente a atención que se fale da necesidade de consultar con Augas de Galicia a viabilidade do proxecto», cando o organismo autonómico «xa foi consultado desde o minuto un, desde antes incluso de que se fixera o estudo de viabilidade, e durante a elaboración do mesmo foron incorporadas as súas recomendacións ao mesmo». Tralo estudo, coa información contida nel, o Concello solicitoulle a Augas de Galicia a inclusión do Gafos no Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa (ciclo 2021-2027) e o Plan de Xestión do Risco de Inundación da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa (ciclo 2021-2027), concretamente como Área de Risco Potencial Significativo de Inundación (Arpsi).

«O estudo de viabilidade xurde da documentación que nos remite Augas de Galicia (en 2020), coa incorporación das súas apreciacións, e o proxecto do Gafos foi contemplado no Plan Hidrolóxico e no Plan de Xestión do Risco de Inundación. Augas de Galicia, non é que saiba o que se vai facer no Gafos, sábeo, participou da elaboración do proxecto e das súas solucións e, o máis importante, incorporouno ás súas previsións de risco de inundacións para o período 2021-2027. Isto significa que, coa súa calificación IV (de risco alto de inundación), a Xunta recoñece a necesidade urxente de actuación no leito do río dos Gafos e abre a posibilidade de novo financiamento con fondos Feder e Next Generation. Só estes ríos e concas incluídas nos Arpsi poden acceder a este tipo de financiamento». 

Do mesmo xeito, Puentes indicou que a Xefatura Territorial da Consellería de Educación «tamén foi xa consultada antes de elaborar toda a documentación técnica que avala a viabilidade do proxecto e, de feito, a solución formulada para a zona situada diante do colexio Crespo Rivas é que a Xunta de Galicia nos aporta, ou mellor dito, formúlase a partir das anotacións que a Consellería nos fai chegar sobre as necesidades de mobilidade, de entrada e saída dos centros educativos e de seguridade de todo o recinto».

«O estudo xeotécnico non é preceptivo legalmente e non ten sentido até que coñezamos a proposta gañadora no concurso de ideas»

En relación á ficticia polémica xurdida sobre a necesidade de realizar un estudo xeotécnico pola hipotética afección ao colexio Crespo Rivas, Iván Puentes aclarou que «ese estudo non é preceptivo legalmente, só Mosquera inventa a necesidade do mesmo: non hai nada que obrigue a facer ese estudo e, polo tanto, non existen condicionantes que nos digan que precisamos un estudo xeotécnico para poder redactar ou executar o proxecto». Non obstante, tamén hai estudos previos sobre as características do terreo: un topográfico, outro sobre o estado dos terreos (que se fixo para as obras en marcha no treito da Tablada) e mesmo un sobre a situación actual da canle, efectuado para determinar o estado de conservación do Paseo de Valle Inclán (que motivara a instalación dun valado polo risco de derrubamento).

Á marxe de non ser necesario legalmente, o portavoz socialista matizou que «un estudo xeotécnico non vai determinar a viabilidade ou non do proxecto, o único que podería facer sería condicionar as características do proxecto de execución definitivo, unha vez que teñamos un proxecto gañador do concurso de ideas». «Primeiro debemos desenvolver o concurso de ideas -subliñou-, seleccionar a proposta gañadora e, no marco da redacción definitiva, se o arquitecto responsable desa obra o estima oportuno e quere facer un estudo máis detallado do estado dos terreos, podería facelo… Pero sempre a posteriori, non a priori, que non ten sentido ningún cando non sabemos cal é a solución que se vai proxectar alí. Se a solución que gaña implica non tocarlle para nada aos muros de contención e os terreos do colexio, xa non é preciso ningún xeotécnico».

Neste sentido, Puentes argumentou que «é evidente que tanto o estudo de viabilidade como o estudo previo de mobilidade na zona xa determinaron, porque están ben feitos, que a zona máis sensible de toda a actuación é a próxima ao colexio Crespo Rivas, fundamentalmente polo ancho que podería ter o leito e pola sensibilidade que implican as entradas e saídas constantes dos menores e dos seus acompañantes». Non obstante, o propio estudo de viabilidade establece que o leito permanecería aberto entre Xeneral Rubín e Alcalde Hevia en tódolos puntos «excepto na zona dos colexios, onde se esixe unha afección o menor posible a ese treito do río, o que significa non entrar para nada nos terreos do colexio e manter o muro de contención». «Aí entraría en xogo o concurso -matizou- cunha pasarela voada ou outra solución técnica, pero nesta zona o que se plantexa é unha mobilidade sobre o río. Isto desmonta a mentira sobre a necesidade dun xeotécnico que nos diga como están os terreos do colexio».

En calquera caso, no propio orzamento da subvención concedida para esta obra polo Ministerio para a Transición Ecolóxica (a través da Fundación Biodiversidade) figura unha achega de 14.500 euros para estudos complementarios, que o gañador do concurso de ideas pode destinar precisamente a un xeotécnico ou a outros estudos que considere necesarios. 

Absoluto apoio institucional e da cidadanía

A estes ‘avais’ habería que engadir outros documentos como as propias solicitudes realizadas á Fundación Biodiversidade para obter as subvencións de Rede Verde e Revive Ríos (supervisadas por técnicos do Ministerio, «que algo saberán da viabilidade da obra») ou todo o estudo que se fixo das zonas de Dominio Público Marítimo Terrestre e de Dominio Público de Ríos para tentar captar fondos europeos, «que tamén fala do Gafos e que contempla esta actuación». «Trátase pois dunha obra que foi declarada como prioritaria polo Estado e por Augas de Galicia, que obtivo a máxima puntuación por parte de ámbalas administracións e que mesmo un artigo recentemente publicado nunha revista científica sitúa como futuro referente iberoamericano en renaturalización e loita contra o cambio climático. Ademais conta con apoio social, de ata nove institucións e organismos, algúns con coñecementos técnicos importantes, que manifestaron por escrito o seu aval á viabilidade desta actuación: Augas de Galicia e o Servizo de Patrimonio Natural (Xunta), a Deputación, o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Portos e Canles de Galicia, a Fegamp, a Federación Castelao, os servizos técnicos das universidades da Coruña e Vigo e o colectivo Vaipolorío».

Iván Puentes exhibiu ademais o respaldo da cidadanía ao proxecto, lembrando que un estudo elaborado en decembro de 2020 sobre a percepción das zonas verdes de Pontevedra expresaba un apoio maioritario ao destape do Gafos en tódolos barrios da cidade e en tódolos grupos de idade (sendo especialmente reseñable en Campolongo e no centro urbano). 

«O que teñen que facer Lores e Mosquera é deixarse de lerias, de enlear e paralizar, e aprobar dunha vez as bases do concurso de ideas co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), que xa quedaron elaboradas no anterior mandato. Dun lado están Augas de Galicia, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e a UE, cos mellores técnicos que existen en materia de hidroloxía, amosando que a apertura do Gafos é viable e necesaria para previr o risco de inundación; do outro están a palabrería de Lores e Mosquera asegurando que non é viable sin ningún tipo de documentación nin soporte técnico. Só lles falta chamar ao xefe da Policía Local para que lles faga un informe, como fixeron coa feira. Se non queren abrir o Gafos, que o digan claramente».

A dualidade de Mosquera e o posicionamento negacionista do cambio climático de Vox

Puentes, que anunciou a apertura dunha rolda de contactos cos colectivos implicados, criticou «a dualidade de Mosquera» ao abordar os temas que teñen que ver co Concello e coa Deputación e pediulle que se aplique a si mesmo o que el pide que se aplique no caso de Santa Clara («Cando non hai gañas de meter cartos nun sitio empézase a dicir que é moi caro, que hai que estudalo… E xa sabemos cal é a consecuencia: que non se fai ou se atrasa ‘ad calendas graecas'», expresou Mosquera). O portavoz do PSOE esixiulle ao BNG «que deixe de tomarnos o pelo e non execute o Plan Mosquera, que xa sabemos que consiste en frear os proxectos con informes políticos encargados ‘ad hoc'». «É para min inexplicable que unha forza política como o BNG, que é supostamente de esquerdas e que cre no cambio climático e aposta pola renaturalización e o reverdecemento das cidades, no caso de Pontevedra paralice estes proxectos. Onde están as recuperacións dos ríos Lérez e Gafos 24 anos despois? Non entendo que Pontevedra se sume ao carro da estratexia que seguen as cidades e comunidades onde Vox goberna co PP, freando as iniciativas de loita contra o cambio climático», sinalou.

Puentes volveu amosar a súa fonda preocupación polo cumprimento dos prazos establecidos polo financiamento dos fondos europeos, xa que «a obra ten que estar executada e recepcionada a 31 de decembro de 2025» e «se nos enredamos en máis estudos, o único que facemos é demorar a execución, perder os cartos e lograr o que eu penso que é o motivo oculto do BNG: que non se faga esta obra». O líder socialista ten claro que este novo capítulo continúa na liña de «revanchismo político» que os nacionalistas están a seguir desde o inicio do mandato de «torpedear, paralizar e poñer en cuestión tódolos proxectos herdados das concellerías que xestionaba o Partido Socialista (por outra banda, os únicos que ten, xa que neste tempo non inauguraron nin contrataron unha obra que non viñera do PSOE)».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes