Iván Puentes quere que Pontevedra lidere a oposición institucional contra o proxecto de Altri en Palas de Reis: «A Xunta e Rueda deben deixar de financiar industrias contaminantes en connivencia con portas xiratorias»
- Os socialistas impulsan unha iniciativa na que lle reclaman ao Goberno de España e ás catro deputacións galegas que expresen o seu rexeitamento á construción da pretendida macrocelulosa e que non se lle conceda a esta empresa ningunha subvención ou axuda pública, estatal ou de fondos europeos, que teña como fin a creación desta factoría
- A moción, que o PSOE defenderá no vindeiro Pleno da Corporación, esixiralle á Xunta que abandone o seu apoio a Altri e a inste a impulsar «proxectos industriais do século XXI, transformadores da economía galega e que primen a descarbonización e o desenvolvemento sostible, en liña coas directrices que marcan a UE e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno»
- Puentes asegura que «as mentiras son as grandes protagonistas en todo este proceso: segue sen explicarse por que, o que era unha revolucionaria factoría de economía circular para o sector téxtil, se transforma subitamente en macrocelulosa»
Pontevedra, martes 6 de maio de 2025.- O Grupo Socialista quere que o Concello de Pontevedra lidere a resposta institucional contra o proxecto de Altri en Palas de Reis. A través dunha iniciativa que Iván Puentes defenderá no vindeiro Pleno da Corporación, o PSOE pediralle ao Goberno Local que se dirixa á Presidencia de España, aos ministerios de Industria e de Transición Ecolóxica e ás catro deputacións galegas para reclamarlles que expresen a súa oposición á construción da pretendida macrocelulosa e que o Executivo de Pedro Sánchez non lle conceda a esta empresa ningunha subvención ou axuda pública, estatal ou de fondos europeos, que teña como fin a creación desta factoría. Ademais, os socialistas esíxenlle á Xunta que abandonen o seu apoio ao plan empresarial e insten a Altri «a impulsar proxectos industriais do século XXI, transformadores da economía galega e que primen a descarbonización e o desenvolvemento sostible, en liña coas directrices que marcan a Unión Europea e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España».
«En definitiva, que a Xunta e Alfonso Rueda -demanda Iván Puentes- teñan un plan industrial para Galicia, que é xusto o que non teñen, en lugar de seguir financiando industrias contaminantes en connivencia demasiado evidente con portas xiratorias e con intereses que desde logo nada teñen que ver cos dos galegos e galegas e co futuro económico e social de Galicia».
O portavoz municipal do PSOE está plenamente convencido de que «Altri é ante todo un proxecto político, apadriñado pola Xunta de Galicia desde o primeiro momento», do mesmo xeito que «o PP apadriñou tamén no seu día o fracasado proxecto de Pemex, un verdadeiro timo a tódolos galegos e galegas». Nunha comparecencia celebrada esta mañá para dar a coñecer o contido da súa proposición, Iván Puentes asegurou que este apoio a Altri supón «unha evidencia máis da lamentable carencia de políticas industriais estratéxicas por parte do Goberno de Alfonso Rueda para transformar a nosa economía en sintonía coas directrices comunitarias».
Tal e como subliñou, «a día de hoxe, o plan de Altri ten moi pouco que ver con aquel primeiro proxecto que o Consello da Xunta declarou estratéxico o 29 de decembro de 2022, no que se nos presentaba unha moderna fábrica de fibras téxtiles ecolóxicas e que ía xerar nada menos que 2.500 postos de traballo». «O que acabou expoñéndose ao público, en febreiro de 2024, é un ‘proxecto bis’ -sinalou-, que consiste nunha macrocelulosa cunha pequena liña de fibras téxtiles e na que os postos de traballo foron recurtados, teoricamente, a 500… Voces autorizadas falan de só uns 250 postos de traballo directos. Perante unha forte contestación social, a Xunta trabúcase e a conselleira de Medio Ambiente, Ángelez Vázquez, acaba por recoñecer que se trata dunha macrocelulosa e mesmo ten o papo de aseverar que ninguén bebe auga dos ríos. Por suposto, o PP obvia por completo o evidente impacto que esta macrofactoría vai producir non só no ecosistema do río Ulla, senón tamén en todo o sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Arousa e no Camiño de Santiago».

Para Iván Puentes, a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) publicada o pasado 14 de marzo foi «a crónica dunha falcatruada administrativa anunciada», na que os medios de comunicación revelaron pouco despois que un dos asinantes da DIA, que estaba no seu posto en comisión de servizo, pasará a consolidar a praza como premio. «E agora -apuntou- a mesma conselleira xa nos advirte que a Declaración Ambiental Integrada chegará antes do verán».
En opinión do portavoz socialista, «as mentiras son as grandes protagonistas en todo este proceso». Entre outras cuestións, explicou, «segue sen explicarse por que unha macrocelulosa portuguesa, provinte dun país no que o solo industrial e man de obra son moito máis baratos, opta por instalarse en Galicia; por que, o que era unha revolucionaria factoría de economía circular para o sector téxtil, se transforma subitamente en macrocelulosa; e por que a Xunta, que leva 15 anos afirmando que Ence non podía trasladarse da ría de Pontevedra por non existir localización alternativa medioambientalmente viable en toda Galicia, admite agora, a través da DIA de Altri, que se valoraron seis posibles ubicacións ata elixir Palas de Rei».
«Chama a atención que a Xunta non poña nin un euro de fondos propios para unha industria que pretende captar o 25% do investimento necesario a través de axudas públicas»
Iván Puentes criticou «a ousadía da Xunta de dirixirse de malos modos ao Goberno de España para ‘esixirlle’ que aprobe unha subvención de 250 millóns de euros parcialmente a cargo do Perte de Descarbonización, cando resulta máis que dubidoso que unha fábrica de celulosa poida cumprir cos requisitos ambientais para acceder aos fondos Next Generation da UE». Ao seu xeito de entender, «chama a atención que a Xunta non poña nin un euro de fondos propios para unha industria que pretende captar nada menos que o 25% do investimento necesario a través de axudas públicas». «Ao igual que chama poderosamente a atención -afirmou- que un proxecto industrial que, ao sumo, xerará 250 postos de traballo, pretenda recibir 250 millóns de euros, ou sexa, un millón de euros por posto de traballo».
Puentes cre que «o máis lamentable de todo é o modelo, ou mellor dito, a falta de modelo, que o Goberno de Alfonso Rueda evidencia, ao vendernos como proxecto para Galicia unha empresa portuguesa do sector da celulosa, mentres a Zona Franca de Vigo e o Goberno de España, por citar un exemplo, están a impulsar unha fábrica de microchips fotónicos en Vigo co obxectivo de reducir a dependencia da economía europea dos mercados tecnolóxicos chineses». Na mesma liña, observamos «con perplexidade» que, mentres o Estado xa financia ás empresas da provincia de Pontevedra con máis de 600 millóns de euros para avanzar cara a unha economía máis sostible, competitiva, dixitalizada e transformadora (en liña co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia), a Xunta pretenda que se invistan 250 millóns de euros públicos na construción dunha macrocelulosa.
O líder do PSOE cualificou de «profundamente opaco» o proceso de tramitación do proxecto de Altri, toda vez que o PP «agocha o memorando de entendemento que asinou a finais de 2021, como se lle dera vergoña facelo público». «Escúdase en que está amparado pola sociedade Impulsa e en que non teñen maioría no seu accionariado, elevando a categoría de ‘chiringuito administrativo’ a outro nivel», sentenciou.
Moción aprobada en Comisión co voto en contra do PP: Puentes lamenta que os concelleiros ‘populares’ non defendan os intereses de Pontevedra e exerzan como «corresponsais de Rueda e Feijóo»
A moción do Grupo Socialista superou esta mañá o filtro da Comisión de Urbanismo, Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do Concello, onde foi aprobada cos votos favorables do PSOE e mailo BNG e co voto contrario do PP. «Unha vez máis -lamentou Iván Puentes-, os concelleiros e concelleiras do Partido Popular en Pontevedra, en lugar de exercer de edís da súa cidade e de defensores dos seus intereses, exercen simplemente como corresponsais de Alfonso Rueda, do PP e de Alberto Núñez Feijóo».

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS