Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes esíxelle á Xunta que poña fin ao «pesadelo» que os veciños de Lourizán están a padecer por mor das obras da senda peonil entre Pontevedra e Marín

  • Tras un encontro coa veciñanza desta parroquia, o portavoz socialista asegura que as actuacións converteron o contorno da autoestrada vella de Marín no «epicentro do desastre»: unhas condicións de vida diarias marcadas por tráfico pesado que discorre a toda velocidade e a todas horas; po, refugallos e entullos que se acumulan ás portas das vivendas; unha insoportable contaminación acústica e visual da factoría de Ence; paradas de autobús no medio da calzada; e risco para os máis pequenos e para veciños en condicións vulnerables
  • A deputada autonómica Paloma Castro anuncia unha iniciativa no Parlamento galego para esixirlle á Xunta que este proxecto se adecúe ás necesidades dos veciños «e sobre todo, para que se trasladen ata Lourizán, os escoiten e vexan cos seus propios ollos as problemáticas que denuncian»

Pontevedra, martes 29 de setembro de 2026.- Tráfico pesado que discorre a toda velocidade e a todas horas por unha estrada cada vez máis perigosa; po, refugallos e entullos que se acumulan ás portas das súas casas; unha insoportable contaminación acústica e visual procedente da factoría de Ence (froito da eliminación da pantalla vexetal que ‘protexía’ ás casas); situacións de risco diario para os máis pequenos e para veciños en condición vulnerable… Estaba chamada a mellorar substancialmente a calidade de vida dos veciños e veciñas de Lourizán, pero as obras da senda peonil e ciclista que a Xunta de Galicia está a acometer en paralelo á estrada vella entre Pontevedra e Marín (o vial autonómico PO-546) convertéronse nun auténtico «pesadelo» para os habitantes desta parroquia.

Tras un encontro que mantivo cun nutrido grupo de afectados e afectadas, no que puido constatar ‘in situ’ a «insostible situación» que padecen os veciños e veciñas que habitan nas inmediacións de Ence, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, asegurou que Lourizán «é unha parroquia que ten necesidades de investimento importantísimas desde hai moito tempo», pero que, lonxe de satisfacerse, «froito destas obras que está a acometer a Xunta de Galicia arredor da estrada vella de Marín quedou transformada no epicentro do desastre». Tal e como subliñou no transcurso desta visita, na que estivo acompañado polo concelleiro Marcos Rey e maila parlamentaria Paloma Castro, «unha senda peonil que desde logo vai ser un activo importante para o concello de Pontevedra, non se pode converter nun pesadelo para a veciñanza».

«O problema -aclarou- non son as obras, xa que todos entendemos que hai que asumir determinados inconvintes cando estas se executan, senón as condicións nas que vai quedar esta zona unha vez que a senda se finalice».

Segundo apuntou, na zona máis próxima a Ence, onde antes había unha pantalla vexetal que evitaba ruídos, acumulación de po e contaminación visual aos habitantes da parroquia, «esa barreira verde desapareceu e que os veciños e veciñas teñen a día de hoxe é unha fábrica chantada directamente diante das súas casas e que se converteu nunha fonte constante de ruído e de po». «Unhas condicións de vida que xa non eran as máis desexables víronse notablemente prexudicadas polas actuacións efectuadas», lamentou.

Outra das cuestións máis preocupantes que os dirixentes socialistas viviron na súa propia pel foi a da tremenda perigosidade do tráfico que discorre neste treito entre Mollavao e Os Praceres, con camións e outros vehículos que atravesan a altas velocidades por esta zona (carente de medidas de calmado) e enormes dificultades de accesibilidade existentes neste contorno. Como sinalou Iván Puentes, un dos casos máis indignantes é o dun veciño maior que se ten que desprazar en cadeira de rodas, «ao que se lle impide circular polas beirarrúas e que se ve obrigado a facelo directamente polo asfalto da calzada».

«Falamos de problemas -explicou- que se poderían solucionar moi facilmente, como paradas de autobús que agora mesmo están plantadas no medio da estrada e mesmo de vehículos escolares, o que obriga aos nenos e nenas a coller o bus á intemperie e sometidos aos riscos do elevado volume de tráfico pesado que discorre por esta vía; tamén de cuestións de salubridade e limpeza, froito dos centos de camións que cada día pasan por aí para Ence cargados de eucaliptos, deixando os refugallos e cascas tirados pola estrada, as beirarrúas e as portas das casas dos veciños e veciñas».

Unha serie de situacións intolerables ás que se suma a eliminación de espazos de estacionamento (sen a previsión de aparcadoiros disuasorios, nin sequera de carácter temporal) ou a acumulación de auga a carón da senda e que, en opinión de Puentes, «a Xunta de Galicia ten que paliar». Ao seu xeito de entender, no marco do importante investimento que está a facer para esa senda en paralelo á estrada vella entre Pontevedra e Marín (6,8 millóns de euros cofinanciados con fondos europeos), o Goberno autonómico debe ter tamén «a sensibilidade que os veciños lle reclaman para achegar, con moi poucos cartos, importantes solucións que mellorarían moitísimo as súas condicións de vida». 

Castro: «Imos esixirlle á Xunta que escoite unhas demandas que son lóxicas e factibles»

Unhas reivindicacións que, como anunciou a súa compañeira, a deputada Paloma Castro, os socialistas pretenden levar ao Parlamento de Galicia a través dunha iniciativa. Segundo afirmou a propia Castro tralo encontro cos afectados e afectadas, «dadas as condicións que está a padecer a veciñanza, o que imos esixir desde o Parlamento é que este proxecto da Xunta se adecúe as súas necesidades e á súa vida diaria e, sobre todo, que os escoite, que se trasladen ata Lourizán e vexan cos seus ollos todas esas problemáticas que denuncian». 

Para Castro, «as demandas da veciñanza son lóxicas, realistas e factibles: o que piden é un respecto pola súa dignidade e pola súa calidade de vida». «Esta obra debe ser beneficiosa para o conxunto da cidadanía de Pontevedra e iso inclúe aos veciños e veciñas que viven no contorno da mesma. Imos esixirlle á Xunta -adiantou- que escoite á veciñanza e que adecúe a obra ás súas necesidades».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes