Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes eleva ao Pleno a súa ofensiva para impedir que Rafa Domínguez «saque a motoserra e perpetre un atentado ecolóxico e patrimonial» nos xardíns de Santa Clara: «O exterminio de 150 especies arbóreas na zona verde máis antiga da cidade é unha aberración inxustificable»

  • O portavoz do PSOE solicítalle ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia «que teña a sensibilidade que non teñen o señor Domínguez e a Deputación e non autorice esa tala masiva»
  • Puentes acusa a Rafa Domínguez de mentir sobre o informe técnico elaborado polos técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, «que non di en ningún punto que esas árbores teñan que talarse»: «O que hai detrás desta tala de árbores en Santa Clara non é unha decisión técnica; é unha decisión política do PP e de Rafa Domínguez, que decide cometer esta aberración ecolóxica para construír un novo edificio anexo a Santa Clara»

Pontevedra, mércores 18 de marzo de 2026.- Alén do absoluto abandono que marcou o devir do proxecto de restauración desde que a Deputación o incorporou ao seu patrimonio no ano 2023 trala oportuna cesión do Concello de Pontevedra, a nefasta xestión do seu vicepresidente, Rafa Domínguez, viviu o seu episodio máis grave cando se coñeceu a decisión política de destruír uns 1.600 metros cadrados de xardín para construír un novo edificio museístico e, sobre todo, a súa intención de talar máis de 150 especies arbóreas (58 exemplares de grande e mediano porte e froiteiras e 96 arbustos e especies de menor tamaño, entre elas varias camelias). Un «exterminio de árbores e arbustos» na zona verde máis antiga da cidade que, en opinión do portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, supón «unha aberración inxustificable» que urxe frear canto antes.

Unha ofensiva para esixirlle a Domínguez a paralización do contrato de tala (publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público o pasado 10 de febreiro) e evitar que «saque a motoserra e perpetre un atentado ecolóxico», que Puentes decidiu elevar ao Pleno da Corporación. Farao a través dunha proposición na que insta ao Goberno Provincial a rehabilitar a zona verde do convento de Santa Clara «preservando tódalas especies arbóreas e leñosas, salvo aquelas para as que, por razóns sanitarias de accesibilidade ou de ordenación do espazo, se recomende expresamente talar nos oportunos informes técnicos, aplicando os labores culturais e de coidado necesarias para a súa supervivencia a longo prazo».

No marco dunha comparecencia celebrada esta maña ante os medios de comunicación, o portavoz do PSOE lembrou que, «cando collemos a Rafa Domínguez co carriño dos xeados e sacamos á luz a operación encuberta que a Deputación tiña planificada», o vicepresidente provincial xustificou esta brutal intervención alegando «que existían innumerables informes técnicos que, curiosamente, determinaban que tódalas árbores dentro da liña do ámbito determinado para a tala masiva estaban enfermas e, sen embargo, esa enfermidade misteriosa non afectaba xusto ás que estaban no outro lado da liña». Ao seu xeito de entender, «evidentemente non hai que exprimir demasiado a cabeza para darse conta de que a enfermidade non era a causa para talar todas estas árbores». «As razóns -explicou- estaban nos plans construtivos dun novo edificio anexo a Santa Clara para a súa incorporación ao Museo: ás árbores non se queren talar porque estean enfermas, senón porque non estorban para facer un novo edificio dentro dun recinto verde».

Iván Puentes sustenta esta acusación precisamente no informe técnico que supostamente debían avalar esta tala e que o Partido Socialista lle solicitou ao Goberno Provincial: «O certo é que o informe da Estación Fitopatolóxica do Areeiro contradí totalmente o que Rafa Domínguez mantiña nas súas declaracións públicas; o único que fai o informe é avaliar a posibilidade de transplantar esas árbores e conclúe que no existe dita posibilidade, por diversos motivos, pero non di en ningún punto que teñan que talarse, que haxa que prescindir delas ou que entrañen perigos». En primeiro lugar, pola avanzada idade de moitas delas (que poden sobrevivir no lugar no que están, pero non resistirían un transplante); en segundo, porque algunhas especies están afectadas por fungos e outros tipos de enfermidades (non hai que talalas, pero tampouco o soportarían); e en terceiro, o motivo fundamental, porque moitas son de gran porte, e faría falta maquinaria pesada para poder trasladalas dentro do recinto (a Lei de Patrimonio impide afectar aos elementos patrimoniais e do xardín que sería necesario mover para introducir esas máquinas).

«O que hai detrás desta tala de árbores en Santa Clara -aseverou- non é unha decisión técnica; é unha decisión política do PP e de Rafa Domínguez, que decide cometer este atentado, esta aberración ecolóxica no xardín máis antigo que conserva a cidade».

Puentes tamén chamou a atención sobre o feito de que o proxecto de Nieto Sobejano prevía un edificio duns 550 metros cadrados próximo ao recinto do claustro do convento, mentres que «hoxe, téñense convertido, tralas modificacións do señor Domínguez, nun edificio de 1.600 metros cadrados e desprazado, ademais, da zona orixinal». O socialista esixe saber ademais «en canto van incrementar estes cambios de superficie o custe das obras e canto máis van supoñer para os petos de tódolos pontevedreses e pontevedresas».

A licencia municipal para realizar os traballos arqueolóxicos está supeditada a que Patrimonio autorice a tala das árbores

No transcurso das súas declaracións aos medios, Puentes apuntou a un dos actores que xogará un papel máis relevante á hora de paralizar esta «deforestación»: a Xunta de Galicia. Segundo precisou, a Deputación solicitoulle no seu momento ao Concello de Pontevedra licencia municipal para poder acometer os traballos arqueolóxicos previstos en Santa Clara, unha petición á que a Administración Local respondeu favorablemente, «pero, sendo conscientes de que o Goberno Provincial, de tapadillo, coa licencia de arqueoloxía, pretendía incluír a tala das árbores que estamos mencionando, advertíndolle que esa licencia concedida está supeditada a que Patrimonio da Xunta autorice a tala destas árbores».

Por este motivo, o líder do PSOE pídelle tamén ao Goberno do ‘popular’ Alfonso Rueda «que non autorice esa tala e que o seu Servizo de Patrimonio teña a sensibilidade que non teñen Rafa Domínguez e a Deputación para que as xeracións futuras poidan desfrutar do que se preservou dunha zona verde, sen a cal o recinto conventual perdería todo o seu sentido e sen a cal non se cumpriría esa aspiración que temos os pontevedreses de abrir os xardíns cara a Barcelos».

A moción rexistrada polo líder socialista tamén apremia á Deputación, e en particular ao seu vicepresidente, a «elaborar con carácter inmediato o proxecto de conservación e rehabilitación integral dos xardíns de Santa Clara, priorizando o seu uso público como zona de lecer e minimizando ao máximo a destrución de espazos verdes e o impacto da nova construción sobre o conxunto histórico». En opinión de Iván Puentes, estes xardíns deben ser restaurados «co menor impacto posible, tanto desde o punto de vista histórico como de usos futuros, é dicir, respectando ao máximo a configuración actual, que chegou ata nós tras séculos de actividade conventual; limitando as actuacións á accesibilidade desde o exterior, a mobilidade interior e a rehabilitación e correcta conservación das diferentes zonas axardinadas, de horta e bosque, xunto coa instalación de iluminación e mobiliario axeitado».

Tal e como subliñou, «lonxe deste espírito, o señor Rafa Domínguez está camiño de cumprir os tres anos de mandato sen lograr un só avance significativo, nin nos traballos de rehabilitación do conxunto conventual, nin na apertura dos xardíns ao público». «A única razón coñecida para perpetrar esta aberración inxustificable contra o noso patrimonio cultural e natural -criticou Puentes- é a de liberar espazo para o novo edificio do Museo Provincial, necesidade que debería ser compatible coa conservación e restauración deste espazo que logrou sobrevir case 800 anos e que agora a Deputación quere deteriorar de xeito irreparable».

A moción, que será debatida o vindeiro luns no Pleno ordinario da Corporación, foi rexistrada por vía de urxencia, xa que, como subliña Iván Puentes, «se a motoserra de Rafa Domínguez chega a Santa Clara antes que a moción á sesión plenaria, a eliminación das árbores xa non terá volta atrás».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes