Iván Puentes denuncia que a Corporación leva agardando «desde hai catro meses a que estean listos os informes» que permitirán ao Pleno ratificar o traslado definitivo da feira ambulante á Alameda
- O portavoz do PSOE lémbralle a Lores que existen moitas cuestións programáticas que se poden levar adiante «sen necesidade de ningún permiso ou vontade do Goberno Local» e que «o alcalde por si só tampouco ten capacidade para facer as obras que queira facer, nin para modificar as partidas orzamentarias que queira modificar, porque iso si ou si debe ser sometido a votación no Pleno»
Pontevedra, 11 de xaneiro de 2024.- O portavoz socialista Iván Puentes lembrou que as modificacións normativas (impulsadas para o traslado da feira á Alameda e para que a Ordenanza de Mobilidade permita ás bicicletas circular con remolques) son unha das poucas posibilidades que o Regulamento do Pleno de Pontevedra lles dá aos partidos da oposición para poder sacar adiante asuntos con independencia do parecer do Goberno Local. Neste sentido, Puentes asegurou que no PSOE «imos empregar ese mecanismo cando entendamos que modificando as ordenanzas podemos facer realidade cuestións que son positivas para cidade, se hai unha vontade maioritaria no Pleno».
O líder socialista subliñou que o Pleno é «xunto co Goberno, o órgano supremo que ten a Corporación municipal, cadaquén coas súas competencias, e unha das poucas competencias que o Pleno ten en exclusiva é a modificación das ordenanzas». «Non temos agora mesmo ningunha máis enriba da mesa, pero obviamente aplicarémolo cando o estimemos oportuno», dixo.
A este respecto, Puentes aproveitou para lembrar que o PSOE segue a agardar «desde hai catro meses a que estean listos os informes» que permitirán levar a Pleno a modificación da Ordenanza de Venda Ambulante, que fará efectivo o traslado da feira á Alameda. O portavoz socialista agarda «que sexa o máis axiña posible, porque as últimas noticias que tivemos eran que os informes estaban xa practicamente rematados todos eles».
Actuacións en terreos que son do Estado, non do Concello
Iván Puentes tamén lle aclarou ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que o PSOE pode chegar a acordos programáticos e de proxectos co PP sen necesidade algunha de consensualo co Goberno Local. Así, existen cuestións como as actuacións en terreos de Dominio Público Marítimo Terrestre (de Costas do Estado) para as que «o Concello non ten sequera que dar autorización, xa que son do Estado e se a Xunta ou a Deputación queren colaborar para redactar os proxectos de execución, pois o rexedor non tería ningunha capacidade de veto»; tamén para acabar cos asolagamentos que o rego de Valdecorvos provoca na rúa Fernando Olmedo».
«Hai outras que si precisan da vontade do Goberno municipal, pero eu coido que a ese argumento do alcalde fáltalle un parágrafo máis: o alcalde por si só tampouco ten capacidade para facer as obras que queira facer, nin para modificar as partidas orzamentarias que queira modificar, porque iso si ou si debe ser sometido a votación no Pleno. As modificacións de crédito, a incorporación de remanentes, os cartos para algunha actuación concreta non incluída no orzamento (a meirande parte das obras que se fagan)… Aí o alcalde non ten cuestións de confianza para sacalas adiante, vai ter que sumar unha maioría no Pleno e nese intre entraría en xogo a capacidade de negociación do Partido Socialista para poder incluír nesas modificacións obras que nós consideramos oportunas», asegurou Puentes.
Ao seu xeito de entender, «é tan importante facer as sumas aritméticas como as sumas políticas, e que ao final entendamos que, ademais de sumar votos, que hai que sumalos no Pleno, o importante é chegar a acordos e chegar a entendementos». «Aínda que un sexa alcalde e o Pleno non teña capacidade de obrigarche por exemplo a reurbanizar Raíña Vitoria, se te atopas cunha maioría do Pleno que opina iso e polo menos unha parte desa maioría vaiche facer falta para aprobar outros asuntos, o lóxico e o razoable é que escoites a esa maioría e chegues a acordos para non bloquear situacións posteriores. Van seis meses de mandato, queda moito tempo e estou seguro de que as cousas poranse no seu lugar, entraranos o sentido común a todos e o inevitable, que é o diálogo, acabarase cumprindo».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS