Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes denuncia a paralización de proxectos esenciais para humanizar e integrar o barrio do Burgo e esíxelle ao Goberno Local que «retome de inmediato» as obras da Santiña e a reforma integral da praza de Pasarón e do parque de Leonardo Enríquez

  • «Non facer é grave, pero hai algo peor, que é deixar as cousas a medias, inutilizadas e inservibles, afeando ademais o contorno dun barrio que xa forma parte do corazón de Pontevedra, asegura o portavoz municipal do PSOE
  • O socialista sostén que a do parque de Pasarón «é unha reforma especialmente sensible, porque executala supón respectar acordos plenarios de obrigado cumprimento, como son as modificacións de crédito, e sobre todo, respectar a decisión dos veciños que participaron en consultas para decidir como tiña que renovarse este espazo e para que se erixa nesta praza unha estatua en homenaxe a ‘Cholo’, capitán do Hai que Roelo»

Pontevedra, 6 de novembro de 2024.- Os socialistas de Pontevedra urxen ao BNG que desatranque canto antes a paralización que sofren tres proxectos esenciais para o desenvolvemento do barrio do Burgo e a súa integración na trama urbana da cidade: a reforma da rúa da Santiña, a renovación integral do parque de Pasarón e a humanización dos espazos verdes da rúa Leonardo Enríquez (lindeiros co Estadio Municipal). Así, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, esíxelle ao Goberno Local que «retome de inmediato e acelere cada unha desas obras, para completar a humanización do Burgo, a creación dese núcleo de centralidade do barrio nesa zona na que se atopa o Estadio de Pasarón e, en definitiva, para integralo plenamente no centro da cidade».

«Non facer é grave, pero nós cremos que hai algo peor, que é deixar as cousas a medias, inutilizadas e inservibles, aínda por enriba afeando o contorno dunha zona que xa forma parte do corazón de Pontevedra», asegurou Puentes esta mañá no transcurso dunha comparecencia na que estivo acompañado polos concelleiros Yoya Blanco e Marcos Rey.

Segundo explicou o líder do PSOE, as actuacións demandadas «atópanse en diferente grao de execución»: no caso da rúa da Santiña, os socialistas xa amosaron a súa preocupación na Comisión de Obras e Mobilidade da pasada semana, «porque é unha obra longamente agardada e tremendamente necesaria para artellar o conxunto da mobilidade (a peonil, en especial) e o Camiño de Santiago no barrio de Pasarón, e que «está absolutamente paralizada desde hai unhas cantas semanas, sen data concreta de reinicio dos traballos». «O concelleiro responsable díxonos que as causas son derivadas de Naturgy -apuntou-, pero cómpre pasar á acción e esixir que se completen canto antes esas actuacións de Naturgy para poder retomar o traballo normal das obras e eliminar os prexuízos para os veciños, cunha rúa cortada ao tráfico, cun pavimento irregular e fochancas».

Non obstante, Iván Puentes centrou o obxectivo das súas demandas «nos dous proxectos que si que están totalmente paralizados, dos que non existe ningún tipo de esperanza de que se poidan poñer pronto en marcha e que forman parte das peticións máis urxentes dos veciños e veciñas no contorno de Pasarón: concretamente, as reformas da praza de Pasarón e do parque de Leonardo Enríquez». 

Proposta para ampliar a zona verde de Leonardo Enríquez con outras dúas fincas que suman uns 500 metros cadrados

Tal e como manifestou Puentes, «o parque de Leonardo Enríquez forma parte do escaso treito de hortas que quedan entre a avenida de Compostela e a rúa Leonardo Enríquez (do lado da fachada de Preferencia do Estadio de Pasarón), que no mandato anterior decidimos comezar a integrar e recuperar no espazo público do barrio do Burgo». As parcelas nas que dispuxo actuar inicialmente son dúas fincas ocupadas por viñas, «nas que se entrou hai aproximadamente un ano, derrubándose os muros e sacándose as viñas, no que parecía o inicio dos traballos do proxecto que quedara aprobado polo PSOE».

«Dun día para outro -contou-, as obras pararon. Nós preguntamos reiteradamente na comisión informativa polo estado das actuacións e a resposta que se nos deu foi variando cada mes: unha vez é que hai falta de submistración de material, outra que a empresa estaba reprogramando o traballo, outra que estaban pendentes permisos de Carreteras del Estado e a última vez que preguntamos, aproximadamente hai un mes, díxosenos que estaba ‘en cola’ e que empezarían nalgún momento. O certo é que pasou o verán, estamos chegando ao final de 2024 e as obras seguen absolutamente paralizadas, coa parcela incluso peor do que estaba antes, valada e chea de maleza, e sen unha data concreta de reinicio dos traballos».

Iván Puentes lembrou que «o que se plantexaba nesta zona era axardinar e urbanizar toda esta franxa que temos entre a avenida de Compostela e o Estadio de Pasarón, gañando espazo para os veciños e veciñas, e desde o punto de vista da mobilidade, conectar tamén a través desta parcela a pasarela peonil sobre a avenida de Compostela, que une a entrada do Campus Universitario coa rúa Leonardo Enríquez, mellorando así a permeabilidade entre o contorno de Pasarón, o Campus e a zona dos colexios da Xunqueira». Asemade, o proxecto deseñado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible, que Puentes dirixiu no anterior mandato, «xa incluía a ampliación desa área verde cara ás dúas parcelas lindeiras, tanto pola parte norte como pola sur, sumando 361 metros cadrados por un lado e 126 polo outro (uns 500 metros cadrados a maiores)». «A vontade dos propietarios é a de vendelas -matizou- e que poidan pasar a patrimonio público».

O que os socialistas lle reclaman ao Goberno Local é que retome de xeito urxente eses traballos «sobre nos que non hai causa xustificada ningunha que determine a súa paralización», que se concrete dunha vez esa cesión das dúas parcelas lindeiras para poder ampliar a zona verde e chegar aos 1.300 metros cadrados e que se continúe avanzando nestas obras para mellorar tanto o aspecto estético como a zona verde dispoñible para os veciños e veciñas deste barrio.

Unha reforma e unha homenaxe ao Pontevedra CF, froito dunha masiva participación cidadá

O outro proxecto esencial paralizado ao que se referiu Iván Puentes foi o da reforma integral do parque de Pasarón, unha zona verde que ten xa unha antigüidade próxima ás dúas décadas, cunha área de xogos infantís que quedou moi pequena, anticuada e desfasada en canto a capacidade. Puentes subliñou que se trata dunha actuación sometida «á consulta dos veciños e veciñas mediante un proceso previo de escoita, para saber que necesidades tiñan e como querían que se reformase esa praza». «A consulta se fixo entre setembro e outubro de 2020 -indicou-, e houbo unhas 120 propostas de veciños da zona que serviron de base para deseñar o proxecto de execución».

Ademais, seguindo algunhas destas propostas, que apuntaban á tematización do parque arredor do Pontevedra CF (dada a proximidade do Estadio de Pasarón), o concelleiro socialista puxo en marcha outra consulta entre os afeccionados: naquela enquisa votaron case 2.000 persoas, que decidiron que se erixise nesa praza unha estatua en lembranza de Eduardo Dapena Lis ‘Cholo’, o eterno capitán do Hai que Roelo (obtivo o apoio dun 40% dos votantes, seguido de preto por Nemesio Martín Montejo ‘Neme’). 

«Hai dúas actuacións perentorias na praza de Pasarón. A máis obvia e importante é a reforma integral de todo ese espazo, e dentro dela, esa homenaxe ao Pontevedra CF. En base ás indicacións dos veciños, a reforma da praza tiña como premisas básicas -precisou- incrementar a superficie de lecer dispoñible e manter, preservar o carácter verde da mesma e solucionar o constante problema que xera o mantemento do estanque situado no centro da praza, ao carecer de desaugue (complicando a renovación da auga e esixindo bombeos anuais). O proxecto propón o mantemento dunha zona húmida a xeito de estanque de choiva, crear un pequeno anfiteatro aproveitando a pendente da área do estanque, trasladar os xogos infantís cara á parte baixa do parque (onde se pode incrementar a superficie e adaptalos ás diferentes idades), dotar dunha zona de canchas multideporte a parte alta (semellantes ás de Barcelos) e incorporar a franxa verde existente entre a rúa Leonardo Enríquez e a avenida de Compostela, ubicando nela unha área de lecer, un parque de calistenia e outro pequeno parque para cans».

Puentes asegurou que esta reforma «quedou tamén cun proxecto elaborado no anterior mandato municipal e foi incluída, a peticións do Partido Socialista, unha partida de case 400.000 euros na segunda modificación de crédito que se aprobou neste mandato». Despois de dilatar a súa execución polo emprego dos cartos que se reservaran a outra finalidade distinta, o Goberno do BNG volveu repoñer a partida (trala incorporación de remanentes) e, respectando o acordo plenario, o PSOE volveu solicitar a contratación da obra.

«Díxosenos que se ía facer, pero estamos rematando o ano 2024 e a obra segue sen licitarse. Polo tanto, non hai nin un só paso real dado nun ano para poder facer este proxecto que os veciños e veciñas piden constantemente e polo que levan anos agardando. O máis preocupante é que non hai nin unha súa xustificación por parte do concelleira Xaquín Moreda para argumentar este atraso, máis aló da clásica contestación de Aznar, de ‘estamos traballando nelo’, que é a que nos dá en tódalas comisións», explicou.

Puentes advírtelle ao BNG que ollará «con lupa» o cumprimento dos acordos previos como condición para aprobar os novos orzamentos

En opinión de Iván Puentes, a do parque de Pasarón «é unha reforma especialmente sensible, porque executala supón respectar acordos plenarios de obrigado cumprimento, como son as modificacións de crédito, e sobre todo, respectar a decisión dos veciños e veciñas que votaron, que participaron e que, nunha consulta organizada polo Concello de Pontevedra, decidiron en que querían transformar ese espazo que se lles quedou pequeno, antigo e que non responde ás súas necesidades». Neste sentido, o portavoz do PSOE avanzou que, cando se negocien os novos orzamentos do Goberno Local, «unha das cousas que valoraremos será o cumprimento ou non dos acordos previamente acadados, é dicir, a fiabilidade ou non dos acordos aos que se poida chegar».

«Veremos o estado de cada un dos acordos que fixemos nos meses anteriores -advertiu Puentes- e en función das garantías que esa palabra nos dea, teremos maior ou menor disposición a pactar os orzamentos. Moitos dos acordos aos que chegamos no último ano están cumpridos (aprobación do protocolo contra o acoso sexual no lecer nocturno, segunda fase do Campo da Torre, duplicación da partida para entidades deportivas, incremento da achega para o mantemento dos colexios de Infantil e Primaria…), pero hai outros que non se están a cumprir. Nós non somos intransixentes, entendemos que haxa motivos de paralización, como acontece na Santiña con Naturgy; o que non pode ser é o que pasa coas parcelas de Leonardo Enríquez e, sobre todo, coa praza de Pasarón, existindo un acordo que non se cumpre e non dándonos ningunha causa racional que xustifique que non se estea executando. Iso é o que imos ollar con lupa antes da aprobación do orzamento».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes