Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes defende a súa Comisión de Convivencia Cidadá como a mellor vía para abordar os problemas de Pontevedra e rexeita «a estratexia de Rafa Domínguez para ‘ayusizar’ a política pontevedresa e crear un medo irracional na cidadanía»

  • O portavoz municipal do PSOE insiste en que a súa proposta e a do PP son «moi diferentes tanto na forma como nos obxectivos que se perseguen»: «Forma parte dunha estratexia xeral do PP no conxunto de España, que, da man de Vox, pretende vendernos constantemente a idea de que vivimos nun país inseguro; nunha cidade que, como dixo Rafa Domínguez o outro día, nunha frase que coido que o perseguirá toda a vida, a un se lle acoitela pola tarde cando pasea pola rúa»
  • Puentes critica que o BNG responda «mirando cara a outro lado» e advírtelle ao Goberno Local que «non abordalo é un erro, porque é o que lle dá alas á ultradereita para poder vendernos que a nosa seguridade corre perigo nesta cidade, cando obxectivamente iso non é así»

Pontevedra, mércores 18 de xuño de 2025.- O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, pechou esta mañá a porta á posibilidade dun acordo co PP para que a Comisión de Convivencia Cidadá impulsada polos socialistas conflúa nunha iniciativa de consenso co grupo de traballo que plantexan os ‘populares’ para atallar os supostos problemas de inseguridade de Pontevedra. En opinión de Puentes, trátase de propostas «moi diferentes tanto na forma como nos obxectivos que se perseguen»: Puentes considera que existe un problema de convivencia e de percepción da seguridade e Rafa Domínguez «súmase á estratexia xeral do seu partido e de Vox e busca ‘ayusizar’ a política pontevedresa e crear un medo irracional na cidadanía, metendo no mesmo saco un problema de bandas organizadas que trapichean e pelexan a coiteladas entre elas en Barcelos e outro que está relacionado con persoas que pernoctan na rúa e que teñen condutas aditivas».

Para o líder do PSOE, «o que o Partido Popular pretende crear a través dun Pleno extraordinario é un grupo de traballo que carece de entidade xurídica e formal no Concello». Tal e como explicou, «a nós non nos trasladaron nada nin nos chamaron para consensuar absolutamente nada», pero «entendo, por outras veces que se propuxeron cousas semellantes, que o único que plantexan é que, á marxe das convocatorias ordinarias dunha Comisión Informativa que xa existe, haxa concelleiros que traballen nunha cuestión concreta, como é o que eles chaman a inseguridade na cidade Pontevedra».

Pola contra, o que os socialistas propoñen «é algo que, desde un punto de vista formal, ten amparo no Regulamento Orgánico do Pleno: unha Comisión Especial Voluntaria, que son as que se crean para o estudo dun fin concreto, que teñen un período de duración determinado e que rematan cunhas conclusións que son sometidas ao Pleno». «Pretendemos crear un organismo que sirva para algo, unha Comisión Especial -matizou- para a que propoñemos unha vixencia inicial de seis meses, prorrogable por outros seis no caso de que a maioría de membros da Comisión así o estimen necesario para poder rematar axeitadamente os seus traballos, e que ao longo dese tempo, cunha periodicidade dunha reunión ordinaria ao mes, poidan pasar tódolos colectivos afectados polo problema da convivencia na cidade: Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Policía Local, asociacións veciñais, veciños a título particular que os padecen no seu barrio, entidades sociais que traballan con persoas en risco de exclusión e que teñen condutas aditivas (alcol e outras substancias), profesionais, responsables doutras administracións públicas…».

En definitiva, a partir das visións e solucións que cada unha das partes implicadas poidan achegar, a Comisión elaboraría un informe final cunha serie de conclusións que irían a Pleno e servirían para orientar a acción política do Concello e do resto de administracións de cara a atallar este problema.

No que atinxe ás diferenzas «de contido» coa proposta do PP, Iván Puentes subliñou que «o Partido Popular fala dun grupo de traballo que ten que ver coa seguridade cidadá e nós cremos que aquí se está a confundir interesadamente». «É imposible ver isto de forma illada en Pontevedra: forma parte dunha estratexia xeral do PP no conxunto de España, que, da man de Vox, pretende vendernos constantemente a idea de que vivimos nun país inseguro; nunha cidade que, como dixo Rafa Domínguez o outro día, nunha frase que coido que o perseguirá toda a vida, a un ‘se lle acoitela pola tarde cando pasea pola rúa’. Ese é o verdadeiro sentido da moción do PP, esa esaxeración, esa creación dun medo irracional entre a cidadanía para que, efectivamente, compre o seu relato».

Un problema de percepción da seguridade que non está avalado polos datos

Iván Puentes deixou claro que o PSOE non vai participar desa estratexia, ao entende que «en Pontevedra non hai un problema de inseguridade cidadá e os datos así o avalan: no que vai de ano, as intervencións policiais en materia penal están mesmo un chisco por debaixo das de 2024 e, no primeiro cuadrimestre de 2025, no caso concreto das pelexas, as intervencións reducíronse un 7%». Sen embargo, tal e como asegurou, os socialistas cren que, probablemente, «si hai un problema de percepción da seguridade na cidadanía do que temos que ser conscientes, porque si que existe un problema de convivencia».

«Cada vez hai máis xente na rúa, sobre todo en determinados puntos da cidade (Augusto García Sánchez, Praza de Galicia, Praza da Constitución, Praza da Ferrería, rúa Santa Clara), e persoas que pernoctan no espazo público, que consumen drogas e alcol, que teñen condutas delitivas e que, non sendo protagonistas de accións moi violentas, si xeran inseguridade entre os veciños desas zonas porque hai pelexas entre eles, insultos e agresións verbais ás veces aos propios viandantes e estados de embriaguez que non xeran seguridade. Ese -afirmou Puentes- é o problema que debemos abordar. Pero é un problema de convivencia cidadá, de que se producen comportamentos e condutas incívicas na rúa».

O portavoz do PSOE considera necesario que, no medio de todo este «barullo» xerado polo PP «para travestir isto dun problema de inseguridade que practicamente impide saír só á rúa dunha das cidades máis seguras dun dos países máis seguros do mundo», se centre o discurso «na verdadeira preocupación». Neste sentido, Puentes tamén lamentou a actitude amosada polo BNG, «mirando para outro lado». «Os veciños e nós xa levamos anos advertindo de que este problema existe na cidade e o Goberno Local pretende ignoralo e que, ao ignoralo, o problema non exista. A Comisión que propoñemos debe servir para poñernos de acordo e para empezar, da man dos veciños e veciñas, a traballar neste asunto. Non abordalo é un erro por parte do Goberno Local -aseverou-, porque é o que lle dá alas á ultradereita, precisamente para poder vendernos que a nosa seguridade corre perigo nesta cidade, cando obxectivamente iso non é así».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes