Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes considera que a nova Ordenanza de Residuos é «a oportunidade de aprobar unha taxa do lixo máis xusta, que premie o comportamento responsable da cidadanía»: «A taxa actual é absolutamente inxusta, somos as familias as que facemos o grande esforzo económico»

  • O portavoz municipal do PSOE carga contra «negacionistas do cambio climático como Rafa Domínguez e Pepa Pardo», aos que acusa de querer perpetuar un modelo de xestión no que «Ence paga só 300 euros menos que a panadería do noso barrio, e as tendas de Amancio Ortega pagan exactamente o mesmo que un autónomo do pequeno comercio pontevedrés»

Pontevedra, 12 de novembro de 2024.- «O PSOE non apoiará xamais unha suba xeralizada da taxa pola recollida do lixo, pero cremos que, á marxe da obriga legal, este é o momento, a oportunidade, de aprobar unha taxa máis xusta, que premie o comportamento responsable da cidadanía, xa que a actual non premia a reciclaxe, a compostaxe e a formación e non contempla situacións como as das familias numerosas». Deste xeito se referiu esta mañá o portavoz municipal dos socialistas, Iván Puentes, á postura que o seu partido mantén en relación a unha taxa de residuos que considera «absolutamente inxusta», porque «somos as familias as que facemos o grande esforzo económico para pagar este servizo público», sobre todo «se o comparamos co esforzo que fan as grandes empresas».

A este respecto, Iván Puentes apuntou que, durante o ano pasado, «Ence pagoulle só 2.000 euros ao Concello pola taxa de recollida do lixo, mentres que as panaderías que temos nos nosos barrios pagaron uns 1.700 euros», o que significa que unha compañía que factura 830 millóns de euros ao ano «paga só 300 euros máis de taxa que un autónomo que vende pan ao lado da nosa casa». «Se falamos de comercio -engadiu-, calquera das tendas de Inditex que temos en Pontevedra pagoulle o ano pasado ao Concello 239 euros de taxa de recollida do lixo; o pequeno comercio, a mercería, a tenda de teas, a tenda de cosmética, a de roupa local dun autónomo da nosa cidade, pagou exactamente o mesmo, 239 euros. É dicir, un autónomo do pequeno comercio pontevedrés paga o mesmo que a empresa que factura 36.000 millóns de euros cada ano».

Segundo apuntou o líder do PSOE, «o mesmo acontece coas familias de Pontevedra, que pagamos uns 100 euros ao ano, o que significa que abonamos tan só 140 euros menos que Amancio Ortega pola taxa de recollida». «A nós isto parécenos inxusto e cremos que merece un debate, estudar posibilidade e alternativas. Pero isto é o que Rafa Domínguez quere perpetuar: que as grandes empresas paguen pouco e os cidadáns paguemos moito; que sexamos as familias e os cidadáns quenes sosteñamos o servizo e que, ademais, pague o mesmo quen se preocupa por reciclar e compostar e quen está sensibilizado con loitar contra o cambio climático, que aqueles a quenes lles dá exactamente igual, que mesturan todo nas súas casas, que non reciclan e que non teñen un comportamento cívico. Non se trata dunha cuestión de comportamento individual: reducir, separar, reciclar, afórranlle cartos ao Concello e polo tanto ao conxunto da cidadanía. Iso debe ter un premio. Non se trata de pagar máis, senón de pagar mellor; de ser máis xustos no reparto do custe do servizo e de bonificar aos cidadáns responsables e que mesmo acaben pagando menos», sentenciou.

Estas primeiras valoracións de Puentes foron realizadas despois da Comisión de Mobilidade e Servizos celebrada esta mañá e que tivo como asunto central a confección do borrador da nova Ordenanza Municipal de Residuos. Na súa opinión, a aprobación desta Ordenanza «é unha necesidade que, fronte ás mentiras do PP, non vén determinada pola suba que o propio PP nos impón a tódolos concellos na taxa que lle pagamos a Sogama por queimar o noso lixo, senón que se trata dun debate xa iniciado desde principios de ano, moitísimo antes de que soubesemos que a Xunta nos ía impoñer o ‘grande timo galaico’ aos concellos».

Tal e como sinalou, «Pontevedra e os outros concellos temos que dotarnos dunha nova taxa de recollida do lixo simplemente para adaptarnos, xa non á lexislación española, senón á lexislación europea e ao que a cidadanía nos está a pedir, é dicir, facer políticas de loita contra o cambio climático, respecto ao medio ambiente e máis xustas desde o punto de vista ambiental e social: que premien a quen actúe responsablemente na xestión dos residuos e castigue a quenes non o fan e, tamén, que teñan en conta a capacidade económica de cada persoa, empresa e entidade».

«A diferencia do PP, o Partido Socialista -asegurou- optou por non boicotear desde o primeiro momento a posibilidade de que Pontevedra conte cunha nova Ordenanza de Residuos. Queremos estudar as posibilidades que temos, para adaptarnos á Lei e a eses novos criterios de maior xustiza social e de máis responsabilidade desde o punto de vista ambiental… Uns criterios que, salvo os negacionistas do cambio climático como Rafa Domínguez e Pepa Pardo, todos entendemos desexables para preservar o noso planeta e a nosa sociedade».

Con tal motivo, os socialistas decidiron iniciar este proceso «cun voto de confianza para que se estuden diferentes vías e posibilidades que permitan valorar a redacción dunha nova ordenanza para: incrementar os niveis de reciclaxe, compostaxe e reutilización (que seguen a ser moi baixos na nosa cidade); e dotarnos dunha taxa de recollida do lixo que sexa xusta, na que se premie a resposabilidade e se adapte o que paga cada quen á súa realidade socioeconómica, especialmente no ámbito comercial e industrial».

As propostas que o PSOE plantexou e os puntos de acordo co BNG

Entre as medidas que o PSOE lle plantexou ao Goberno Local na Comisión desta mañá, conseguiuse a eliminación dunha proposta do BNG que consistía en que o cálculo da xeración de residuos domésticos estivese baseada na renda media da zona. «A nós isto parecíanos inxusto -explicou Iván Puentes-, porque aínda que é verdade que existen zonas da cidade cunha renda máis elevada que outras, tamén o é que, dentro desas zonas, hai xente que non posúe ese nivel e sairía prexudicada. Pedimos eliminala e o Goberno Local fíxonos caso».

Os socialistas tamén solicitaron con éxito a eliminación do cálculo da taxa aos comercios, a hostalería e a industria en base á súa facturación, «que é un dos bulos que anda a soltar o PP nestes días». Segundo precisou Puentes, «pode haber negocios que facturen moito, pero xeren moi pouco residuo, e ao contrario, negocios que facturen pouco e xeren moitísimo residuo, incrementando de maneira inxusta o custe da taxa».

En base a propostas socialistas, o PSOE acadou acordos co BNG para que aquelas actividades que se organizan na rúa, impulsadas por entidades sociais ou promotores particulares, «teñan un mínimo exento, é dicir, que haxa até unha cantidade de asistentes que estean exentos do pago desa taxa por esa actividade puntual que se poida celebrar un día». «Isto garante -aclarou- que ningunha asociación de veciños ou entidade social e cultural do concello vai ter que pagar taxa de recollida do lixo por esa actividade puntual con motivo das festas da parroquia, por exemplo».

Existe ademais acordo para introducir unha serie de bonificacións na taxa, premiando con descontos no importe xeral a quenes desenvolvan unha actitude responsable e reciclen, por exemplo, por utilización do Punto Limpo, para aquelas persoas que compostan tanto no rural como no ámbito urbano, para as familias numerosas e para as actividades formativas que organicen as institucións públicas (sensibilización medioambiental de persoal e usuarios, entre outras). O portavoz do PSOE indicou que «por suposto existe acordo para que se aplique unha taxa diferente no eido rural e na zona urbana, xa que uso e o servizo son diferentes e iso ten que reflectirse nunha taxa máis barata para o rural».

Tamén está pendente de estudo, coa finalidade de escoller o método máis axeitado, unha proposta dos socialistas para bonificar a aqueles cidadáns que non só composten ou depositen residuos no Punto Limpo, senón que sexan responsables desde o punto de vista da separación en orixe (o depósito de residuos nos diferentes contedores). Puentes fixo fincapé asemade na necesidade de levar a cabo un tratamento diferencial entre os grandes e os pequenos xeradores na industria e no comercio.

Un espectáculo bochornoso e surrealista en Comisión: o PP vota en contra do que pedía

Puentes lamentou que, fronte ao traballo e ás propostas construtivas de Goberno Local e PSOE, o partido de Rafa Domínguez puxese «a funcionar a máximo rendemento a súa maquinaria de bulos, desinformación e mentiras», ata o punto de que os ‘populares’ protagonizaron hoxe en Comisión un espectáculo de auténtico bochorno. «O que acabamos de vivir esta mañá -narrou- foi unha situación surrealista e que, se non fora lamentable polo escaso nivel e dedicación que o PP de Pontevedra ten neste Concello, a verdade é que sería digna do Club da Comedia: atopámonos con que o PP votou en contra de que a Comisión establecese uns criterios cos que se elabore un estudo económico que permita posteriormente elaborar unha proposta de taxa de recollida do lixo… Porque quere que se realice un estudo económico con carácter previo á elaboración da taxa de recollida do lixo. Preguntamos cal era o sentido do voto e non nolo souberon explicar, xa que votaron en contra do que estaban pedindo, é dicir, que antes de fixar a taxa se realice un estudo económico».

Por se isto non fora suficiente, o Partido Popular quixo xustificar o seu voto negativo argumentando que «estaban en contra de que se lle esixira a presentación de facturación aos comercios e hostaleiros da zona, cousa que como acabo de dicir, está xa eliminada dos criterios». «Non se vai pedir facturación a ninguén -matizou- e non hai razón algunha para votar en contra. O PP afirma que se vai producir unha suba xeralizada do recibo, algo imposible de saber porque non está nin elaborado o estudo económico. Desde logo, o PSOE non vai apoiar nunca unha suba xeralizada do recibo do lixo neste concello. O único obxectivo que Rafa Domínguez persegue é xerar medo en base a unha demagoxia lamentable nalguén que supostamente quere ser alcalde de Pontevedra».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes