Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes celebra o «paso en firme para acabar coas inundacións en Fernando Olmedo» trala licitación das balsas artificiais deseñadas polo socialista en Valdecorvos

  • Para o portavoz do PSOE, o contrato licitado por Augas de Galicia para proxectar obras hidráulicas en diversas cidades e vilas galegas, entre elas Pontevedra, «é o primeiro froito das xestións iniciadas xa durante o anterior mandato para poñer fin a uns asolagamentos históricos e que parecían non ter solución»

Pontevedra, 22 de xaneiro de 2025.- O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, recibiu con entusiasmo o anuncio do contrato que Augas de Galicia acaba de licitar, cunha partida de case 700.000 euros, co obxectivo de proxectar obras hidráulicas destinadas a evitar inundacións nas zonas de máis risco. Tal e como xa anticipara o organismo adscrito á Xunta, as balsas artificiais de inundación deseñadas polo socialista no parque de Valdecorvos para previr os recorrentes asolagamentos na rúa Fernando Olmedo (idea traballada en colaboración co departamento autonómico) están incluídas neste primeiro paquete de actuacións. Ademais do de Pontevedra, tamén se encargaron proxectos para Vigo, Vilagarcía, Bueu, Baiona, Cuntis, Ponteceso e outros puntos de Galicia.

En opinión de Puentes, esta boa nova supón un «paso en firme para acabar coas inundacións en Fernando Olmedo» nun horizonte tanxible para os veciños e veciñas desta zona da cidade que padecen os constantes alagamentos, con afeccións aos seus baixos, garaxes, vehículos e outros bens. Para o portavoz do PSOE, o contrato licitado «é o primeiro froito das xestións iniciadas xa no anterior mandato para poñer fin a uns asolagamentos históricos e que o actual Goberno Local chegou a dicir mesmo que non tiñan solución».

«Alegrámonos de que, neste inicio de 2025, a Xunta continúe a apostar por un proxecto pioneiro, maduro, con estudos técnicos e cálculos e que, ademais, resulta moi asumible a nivel económico, xa que a obra está valorada nuns 700.000 euros», lembra Puentes.

Para o líder socialista, despois dalgunhas declaracións públicas «un tanto inquietantes», nas que a concelleira nacionalista Eva Villaverde chegou culpar ás follas acumuladas nos sumidoiros dos desbordamentos, «as conversas e pactos acadados co BNG para os Orzamentos de 2025 amosan que o Goberno Local ten vontade de sacar adiante esta solución». De feito, o acordo asinado recentemente polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e mailo voceiro do PSOE contempla tamén a redacción dun plan de mellora ambiental, paisaxística e de usos de lecer da zona verde situada ao longo do rego de Valdecorvos, en paralelo á rúa Prado Novo, integrado co proxecto para crear balsas de inundación natural e previr os asolagamentos en Fernando Olmedo (cunha partida de 15.000 €).

Unha actuación que reduciría nun 70% a superficie que se inunda nos casos das choivas torrenciais máis graves (que se dan cada dez anos)

O proxecto socialista plantexa a creación de dúas lagoas ou balsas de inundación natural, unha solución técnica xa probada con éxito noutros puntos de España, como o parque de La Marjal (Alicante). Posto que o rego de Valdecorvos é moi pequeno, ten unha pendente bastante elevada e veu modificado substancialmente o seu curso, cando se dan choivas de certa intensidade, incrementa de xeito moi rápido e notable o seu cadal e a auga baixa a moita velocidade.

Por este motivo, proponse a construción unha lagoa artificial máis pequena, que reteña as augas pluviais que agora van directamente ao río durante os momentos de máximo aluvión, e unha segunda lagoa máis grande, na que o río desborde a partir dun determinado nivel de cadal. Así, cando a marea baixe e o rego de Valdecorvos poida fluír de novo cara ao Lérez, a auga retida previamente, durante as horas de marea alta, podería irse aliviando de xeito progresivo.

Os datos técnicos do proxecto determinan que, de maneira conxunta, estas lagoas poden reter até 9.000 metros cúbicos de auga, cunha profundidade de 1,5 metros cada unha, o que resultaría suficiente para (cos cálculos de inundación efectuados) que se controlen as inundacións máis graves, que se producen cada dez anos en Fernando Olmedo. Mesmo nese caso das choivas torrenciais, esta solución técnica sería capaz de reducir nun 70% a superficie que se inunda, diminuíndo o cadal do río entre un 12 e un 18% e sacándolle unha altura de aproximadamente 30 centímetros.

Segundo subliña Iván Puentes, «isto significa que estamos en disposición de evitar practicamente un 90% das inundacións que se producen agora mesmo en Fernando Olmedo».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes