Iván Puentes asegura que Pontevedra seguirá a padecer «un goteo incesante de peches de locais de lecer e hostalería» no centro histórico mentres non se aborde a actualización dun Peprica «absolutamente desfasado»
- En opinión do portavoz socialista, «non se trata de converter a zona vella nun parque temático da hostalería e o lecer, xa que cremos no dereito ao descanso e no dereito dos veciños a vivir no centro histórico, e o mellor que lle pode acontecer a Pontevedra é que o casco histórico sexa unha zona residencial e non un parque temático do turismo e o lecer… Pero iso é compatible cunha mellor regulación do lecer e da hostalería»
- Puentes aposta por aplicar porcentaxes de uso dos baixos e locais comerciais da zona vella (mesmo por rúas), determinando así cales se poden dedicar á hostalería, ao lecer nocturno e a outro tipo de actividades: «Con iso -sostén-, temos o problema solucionado»
Pontevedra, luns 17 de marzo de 2025.- Na súa comparecencia desta mañá, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, valorou os recentes peches de locais de lecer nocturno e o debate social que se está a xerar en relación a aplicación das normas de protección do centro histórico a este tipo de negocios. Puentes lembrou que «a hostalería é un dos motores de desenvolvemento económico desta cidade, xerando emprego, riqueza, visitas, actividade e futuro», e afirmou que, entre os factores que explican a súa profunda crise, un dos esenciais é que «temos un Goberno Local que pon moitísimas trabas e achega moi poucas solucións», e no caso concreto do centro histórico, a aplicación dunha norma, o Peprica (Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística), «que está absolutamente desfasado».
Puentes admitiu ver «con certa preocupación como, non só o lecer nocturno, senón o lecer en xeral, está a sofrer unha progresiva merma na nosa cidade». «Fronte ao que acontece no resto de cidades e vilas de Galicia, nas que a hostalería e o lecer diúrno e nocturno están asentando, avanzando, abrindo novos negocios, reformando e rehabilitando, Pontevedra -advertiu- segue unha senda decrecente. Basta simplemente con saír de Pontevedra, con que un vaia a Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Lugo, ou mesmo a vilas medianas, para desfrutar de bastante máis oferta de lecer. Podemos mirar cara a outro lado ou reflexionar sobre o que nos está a acontecer para ir a contramarcha neste sentido».
Na súa opinión, «non se trata de converter a zona vella nun parque temático da hostalería e o lecer, xa que cremos no dereito ao descanso e no dereito dos veciños a vivir no centro histórico, e o mellor que lle pode acontecer a Pontevedra é que o casco histórico sexa unha zona residencial e non un parque temático do turismo e o lecer… Pero consideramos que iso é compatible cunha mellor regulación do lecer e da hostalería». Neste sentido, Iván Puentes aposta por «determinar que porcentaxe dos baixos e locais comerciais da zona vella se pode dedicar á hostalería, ao lecer nocturno e a outro tipo de actividades». «Porcentaxes de uso por zona e mesmo por rúas concretas, para que non teñamos unha rúa chea de pubs ou de terrazas e restaurantes e poidamos ter unha diversificación. Con iso -aseverou-, temos o problema solucionado».
Pola contra, como lamentou o líder socialista, Pontevedra optou por «decretar unha parálise de licencias desde ano 2019» e, en consecuencia, «quen quere abrir un local novo na zona vella, non pode facelo; quen tiña licenzas concedidas con anterioridade vainas mantendo, pero non pode facer ningún tipo de obra de reforma, porque no momento no que solicite a licenza para facela, é considerada unha obra maior e se ten que adaptar á nova normativa (e ao ter as licenzas paralizadas, non se lle pode dar ao lecer nocturno)». Ante este panorama, os locais teñen dúas opcións: «Ou pechan, ou se manteñen en condicións de hai case 25 ou 30 anos, o que nos aboca á morte lenta da hostalería e do lecer na cidade».

Ao seu modo de ver, «algo semellante acontece co lecer diúrno no centro histórico», posto que, aínda que si se dean licenzas, «o Peprica por exemplo non contempla excepcións que si se prevén noutras cidades en eidos como a accesibilidade, que se implican facer obra maior, automaticamente supoñen a perda da licenza que xa teñen concedida desde hai tempo».
En calquera caso, Iván Puentes admitiu que se trata dun «problema complexo, no que hai que acompasar dúas cuestións nas que nós cremos profundamente, é dicir, o centro histórico como zona residencial e o dereito dos veciños e veciñas a residir en condicións de habitabilidade e, ao mesmo tempo, ese atractivo que a zona vella pode ter como espazo para a hostalería e o lecer, como acontece en practicamente tódalas cidades». «Cremos que é posible -engadiu- e por iso lle pedimos ao Goberno Local que estude esa actualización do Peprica, sentando nunha mesa para poder chegar a un consenso a tódolos colectivos afectados: hostalería, veciños e grupos políticos. Mentres iso non sexa así, seguiremos asistindo a un goteo incesante de peches de locais de hostalería e de lecer en Pontevedra».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS