Iván Puentes alerta dos plans de Rafa Domínguez para «liquidar de tapadillo e dun plumazo» máis de 150 árbores dos xardíns de Santa Clara: «Esixímoslle que non cometa este atentado patrimonial e ecolóxico na zona verde máis antiga que conserva a cidade»
- O portavoz socialista recibe con perplexidade o argumento co que o vicepresidente da Deputación xustifica esta tala masiva ao soster que «todas están enfermas» e que serán eliminadas para edificar parte do futuro Museo: «Resulta bastante curioso que só estean enfermas as especies que interfiren no seu desexo de poñer cemento onde hoxe hai verde»
Pontevedra, martes 17 de febreiro de 2026.- Despois de tres anos de mandato sen saber absolutamente nada do ansiado proxecto para abrir á cidadanía os xardíns de Santa Clara, hai unha semana, o martes 10 de febreiro, a Plataforma de Contratación do Sector Público divulgaba un anuncio da Deputación de Pontevedra para a licitación dos ‘Traballos de tala controlada de arborado no recinto do Convento’, por un importe de 12.000 euros e cun prazo de presentación de ofertas que remata pasado mañá (ás 10:00 horas do xoves 19 de febreiro). Unha tala controlada que, a tenor do que reflicten a documentación e os planos anexados neste anuncio, suporán «unha auténtica deforestación, unha desfeita» que o vicepresidente provincial pretende perpetrar «de tapadillo» na zona verde máis antiga que conserva a cidade: «Rafa Domínguez, se ninguén o impide, vai liquidar máis de 150 árbores dos xardíns de Santa Clara. Esixímoslle que non cometa este atentado patrimonial e ecolóxico contra o corazón máis sagrado de Pontevedra».
Deste xeito alertou o portavoz do PSOE, Iván Puentes, dos turbios plans de Domínguez «para cargarse case 60 árbores (58) de gran porte e mediana altura e de especies froiteiras dentro do recinto conventual, así como case 100 arbustos (96) e especies de menor tamaño». Tal e como subliñou esta mañá no marco dunha comparecencia ante os medios, «Santa Clara non é só o edificio no que residiron as relixiosas durante centos de anos, senón tamén o seu espazo verde, a horta e os xardíns vencellados a ese convento, un conxunto que debemos conservar o máis fielmente posible a como o recibimos», polo que «para a tala destas árbores, deben estudarse en profundidade o valor patrimonial da horta e dos xardíns que Rafa Domínguez pretende liquidar dun plumazo».
«Esixímoslle que explique claramente e de xeito transparente por que encarga estes traballos sen dicirllo a ninguén, de tapadillo; simplemente cun anuncio publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público, pero sen unha rolda de prensa ou unha explicación pública, sen dicirnos a tódolos pontevedreses e pontevedresas por que quere eliminar 150 árbores do Convento de Santa Clara», reprochoulle.

Asemade, Puentes tamén lle reclama a Rafa Domínguez «que faga o seu traballo», xa que cando foi elixido vicepresidente da Deputación de Pontevedra «tiña unha única misión nesta cidade, que era abrir e rehabilitar o Convento de Santa Clara: non lle deron ningún outro traballo ou competencia para estes catro anos máis que encargarse do Museo e, polo tanto, da obra de Santa Clara». Segundo subliñou, «van xa case tres anos de mandato municipal nos que Rafa Domínguez non fixo practicamente nada en Santa Clara, e sobre todo incumpriu a única promesa que fixera ao respecto aló por decembro do ano 2023, cando dixo que en xullo de 2024 ían iniciarse os traballos de rehabilitación, comezando polos xardíns». «Pois dous anos despois, os xardíns non só están igual que estaban -lamentou-, senón que aínda por riba agora teñen a ameaza de desaparecer nunha boa parte».
Para o líder do PSOE, Rafa Domínguez ten a obriga de «cumprir coa súa palabra, conservar e preservar os xardíns como están, facer unhas mínimas obras de accesibilidade para garantir que tódalas persoas poidan desfrutar deste espazo natural e non destruír o legado de séculos que recibiu cando foi elixido vicepresidente da Deputación». «Estanse incumprindo tódolos prazos razoables, pero sobre todo os propios prazos que se fixou o propio Rafa Domínguez -asegurou Puentes-. Eu creo que recibiu un regalo, que foi o de encargarse das cousas que teñen que ver coa cidade de Pontevedra e, dentro diso, practicamente en exclusiva de Santa Clara. Alguén lle coñece algunha outra competencia que non sexan o Museo e Santa Clara? En tres anos, ten un só traballo, un só encargo da Deputación, e foi absolutamente incapaz de facer nada. E agora coa ameaza de que pode non só non cumprir o encargo de rehabilitalo, senón de que o primeiro concurso que saca para actuar en Santa Clara é para destruír e para cargarse a zona verde do convento».

Neste sentido, os socialistas levan anos defendendo que a zona verde se poña en servizo antes de que se execute a rehabilitación do Convento de Santa Clara (que precisará dun investimento de entre 25 e 30 millóns de euros, esixindo da colaboración doutras administracións). «Emperrarse en non abrir os xardíns até que o convento estea rehabilitado implica tanto como dicirlles aos veciños e veciñas desta cidade que non van poder coñecer nin desfrutar da zona verde probablemente durante as vindeiras décadas. Desde logo, se Rafa Domínguez é vicepresidente da Deputación Provincial coas competencias que ten agora, non estará rehabilitado na vida. O xardín si se pode rehabilitar e iso é o que lle esiximos ao señor Domínguez, que en vez de talas, rehabilite o xardín; e en vez de destruír, constrúa unha zona verde asociada a Barcelos no corazón da cidade», sentenciou.
«Hai algunha cousa rara nesa ‘coincidencia’ pola cal tódalas árbores están enfermas alí onde se quere poñer cemento»
Se a contratación desa tala masiva de arborado causou indignación no seo dos socialistas de Pontevedra, a explicación que deu Rafa Domínguez esta mañá deixou aínda máis perplexo ao portavoz do PSOE. Así, o argumento co que o ‘popular’ xustificou esta ‘deforestación’ foi que todas as árbores que se van talar «están enfermas», que serán eliminadas para edificar parte do futuro Museo e que aquelas que se poidan transplantar, serán transplantadas.
Iván Puentes considera que «en ningún caso está xustificado talar árbores para construír cemento no que hoxe é zona verde», insistindo en que «o conxunto de Santa Clara debe ser conservado do xeito máis fiel posible a como chegou aos nosos días». «O edificio, evidentemente, ten un nivel de protección que así o esixe, pero para nós a zona verde de Santa Clara ten que ter exactamente o mesmo nivel de protección que ten o convento. Por tanto, hai que facer o posible por salvar todas esas especies arbóreas que hai no recinto», sinalou.
Para Puentes, resulta «bastante curioso (e supoño que Rafa Domínguez disporá de informes técnicos que avalen que esas 150 especies están enfermas) que só estean enfermas efectivamente as especies que interfiren no seu desexo de poñer cemento onde hoxe hai verde, e non haxa enferma ningunha outra árbore fóra dese ámbito». De feito, ao consultar a documentación, existe unha liña ben definida que circunda o convento, dentro desa liña todas as especies parecen estar enfermas (xa que se liquidan todas salvo unha) e fóra desa liña están todas sanas.
«Hai algunha cousa que parece, como mínimo, rara, rara. Se de verdade están enfermas e existe esa ‘coincidencia’ estraña pola cal, dentro dunha liña, pegada ao convento, todo está enfermo nunha área na que se quere poñer cemento, pois entón pedimos que se repoñan esas especies mantendo a estética e a distribución o máis fiel posible ao estado actual», insiste.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS