Saltar al contenido

¡Síguenos!

Besteiro e Blanco comprométense cos veciños de Bora, Xeve e Verducido a facer forza para que o Ministerio de Transportes modifique o actual trazado da A-57

  • O apoio do secretario xeral do PSdeG e do delegado do Goberno ás demandas da plataforma de afectados polo proxecto da autovía foi ratificado no marco dunha xuntanza con representantes veciñais e co portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, quen insistiu na necesidade de que se priorice o investimento na construción do treito de 32 kilómetros pendente entre Vilaboa e Ponteareas»
  • «O sentido que tiña o trazado polo Norte -sostén Puentes- veríase perfectamente satisfeito grazas ás medidas do Goberno de España para a progresiva gratuidade da AP-9»

Pontevedra, 19 de novembro de 2024.- No marco das accións que o Partido Socialista está a desenvolver en apoio ás reivindicacións dos afectados polo trazado da autovía A-57 en Bora, Xeve e Verducido, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, convidou esta fin de semana a representantes veciñais a participar nunha reunión co secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e mailo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras. O encontro, que tivo lugar no marco dos Diálogos con Raíz celebrados no Mercado de Abastos, serviu para expoñerlles polo miúdo a Besteiro e Blanco tódalas demandas dos veciños e para ratificar «o apoio dos socialistas de Pontevedra a que se busque unha alternativa a ese trazado e, sobre todo, a que o investimento se priorice máis na saída Sur que na Norte, é dicir, en construír ese treito duns 32 kilómetros pendente entre Vilaboa e Ponteareas». 

Un tramo que, tal e como sostén Iván Puentes, «permitiríalle a Pontevedra ter unha saída directa por autovía libre de peaxe cara a Ourense e cara á meseta». «O sentido que tiña o trazado polo Norte, por Bora, Xeve e Verducido, que era o de conectar o polígono de Barro-Meis co do Campiño e coa A-52, ademais de coa AP-9, veríase perfectamente satisfeito grazas ás medidas que desde hai anos vén adoptando o Goberno de España para facer gratuíta, de xeito progresivo, a autoestrada do Atlántico (AP-9), que no ano 2025, se temos Orzamentos Xerais do Estado, chegaría xa a un 75% de bonificación», explica o líder do PSOE pontevedrés.

Na xuntanza, Puentes respaldou o posicionamento da veciñanza de que tanto os polígonos de Barro-Meis e O Campiño como a A-52 «estarían perfectamente conectados a través da AP-9 cunha medida moitísimo máis barata que a de construír estes treitos pendentes da A-57 cara ao Norte». En todo caso, ao seu xeito de entender, «o fundamental é que, como mínimo, se modifique ese trazado e que non afecte tan gravemente aos veciños de Bora, Xeve e Verducido como afectaría o que está proposto sobre a mesa nestes momentos «.

Iván Puentes considera que a resposta do secretario xeral do PSdeG e o delegado do Goberno ás peticións dos afectados foi «moi satisfactoria», posto que «ambos se comprometeron a trasladarlle unha vez máis as súas demandas ao Ministerio de Transportes, e a traballar de xeito activo para que, en colaboración co Goberno de España, se poida atopar unha solución que satisfaga aos veciños destas tres parroquias e tamén as aspiracións da cidade de Pontevedra, para que dispoña dunhas infraestruturas de primeiro nivel e dignas de calquera capital de provincia». «Niso -prometeu Puentes- seguirá traballando o PSOE de Pontevedra da man do Partido Socialista de Galicia e do Goberno de España».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes