Saltar al contenido

¡Síguenos!

A secretaria de Estado de Igualdade e a xuíza decana de Pontevedra abrirán este sábado no Mercado de Abastos unha nova xornada de Diálogos con Raíz baixo o título Escola de Pensamento Feminista

  • A nosa cidade será escenario durante todo o día 16 de novembro deste foro de debate organizado polo PSdeG, aberto a toda a cidadanía e que tamén incluirá no seu panel de relatoras coa presidenta da Asociación de Profesionais dos CIM, Montserrat González; a xornalista Diana López Varela, cocreadora de ‘As Mulleres que Opinan son Perigosas’; a presidenta de Fademur, Verónica Marcos; ou a da Plataforma do Feminismo Radical de Galicia, Marta González Vila

Pontevedra, 11 de novembro de 2024.- Baixo a epígrafe de Escola de Pensamento Feminista, o PSdeG trasladará este sábado 16 de novembro a Pontevedra a seguinte sesión do ciclo Diálogos con Raíz, un foro de debate aberto á cidadanía no que participan expertas e expertos en diversos asuntos que de verdade interesan aos galeg@s e que permitirá trazar o programa dos Socialistas. Nesta ocasión, o Mercado de Abastos será escenario dunha xornada na que, a través de diferentes mesas redondas, abordaranse temáticas como a violencia machista, a transversalidade e a paridade, o emprego e a conciliación responsable, o abolicionismo e a axenda feminista.

A xornada porase en marcha ás 10:00 horas cun acto de apertura que estará protagonizado pola secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, Aina Calvo Xastre, e no que participarán o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a secretaria de Igualdade do partido, Silvia Fraga, e mailo portavoz do Grupo Municipal do PSOE de Pontevedra, Iván Puentes. 

A continuación, entre as 10:30 e as 12:00 horas, desenvolverase a primeira das mesas, centrada en Violencia Machista, moderada por María Debén, coordinadora da Área de Igualdade da Delegación do Goberno en Galicia, e que contará coas intervencións de Belén Rubido de la Torre, maxistrada, xuiza decana de Pontevedra e titular do Xulgado especializado en Violencia sobre a Muller; Montserrat González, presidenta de Asocim (Asociacións de Profesionais dos Centros de Información á Muller); Rosa Fontaíña, coordinadora da Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo, e dunha representante das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

A outra mesa matinal, que moderará a senadora socialista Carmela Silva, levará por título Transversalidade e Paridade, e contará cos relatorios de Genma Rial, decana do Colexio de Avogacía de Pontevedra; Ana Jesús López, profesora titular de Enxeñaría Mecánida da Universidade da Coruña (UDC) e fundadora da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (Amit-Gal); Diana López Varela, xornalista e cocreadora de ‘As Mulleres que Opinan son Perigosas’; Silvia Álvaro, da Asociación Galega de Matrona, e Priscila Retamozo, coordinadora de Comando Igualdade e presentadora de Histérikas Histórikas.

Conciliación corresponsable, abolicionismo e axenda feminista, na sesión de tarde

Trala pausa para xantar, a Escola de Pensamento Feminista de Diálogos con Raíz retomará a actividade ás 16:00 horas cunha mesa sobre Emprego e Conciliación Corresponsable, moderada pola parlamentaria Paloma Castro e na que intervirán Trinidad Campos, secretaria de Igualdade de UGT-Galicia; Verónica Marcos, presidenta de Fademur Galicia (Federación de Asociacións de Mulleres Rurais); Sandra Amezaga, secretaria da Asociación Mulleres Salgadas; e María Asunción Buceta, membro da directiva de Aempe (Asociación de Empresari@s da Mediana e Pequena Empresa), así como unha representante do sindicato CC OO.

Para pechar a xornada, a ex deputada Laura Seara moderará un relatorio sobre Axenda Feminista: o Abolicionismo, no que participarán Helga Pita, delegada en Galicia da oenegué contra a trata Fiet Gratia; Marián Fernández Villarino, profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vivo; e Marta Gómez, presidenta da Plataforma do Feminismo Radical de Galicia (PFRG-AMAG).

O evento rematará arredor das 19:45 horas, cunha clausura a cargo da secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, e a secretaria xeral do PSOE pontevedrés, Maica Larriba.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes