A Agrupación Socialista de Pontevedra conmemora o seu 129º aniversario cunha cea na que serán homenaxeados os compañeir@s que cumpriron máis de 45 anos de militancia
- O evento, no que serán recoñecidos Margariña Valderrama, Roxelio Pérez Poza, Baltasar García, Julia Paredes e José Vázquez, celebrarase o vindeiro venres 17 de outubro ás 21:00 horas no Parador de Turismo, coincidindo ademais coa data na que se cumpren 175 anos do nacemento de Pablo Iglesias Posse
Pontevedra, 13 de outubro de 2025.- O 20 de outubro de 1896, cando apenas pasara un mes da visita de Pablo Iglesias Posse á nosa cidade, constituíuse a Agrupación Socialista de Pontevedra, cun primeiro comité composto por Fernando Freigeiro (presidente), Castor Rea (vicepresidente), Víctor Panivino (contador), Ricardo Vázquez (tesoureiro), Vicente Vidal (secretario), Leandro Aboal (vicesecretario), Felipe Arribas, Ángel de la Torre, Antonio Caramés, Juan Seráns e Germán Rodríguez (vocais). Coincidindo co 129º aniversario desta efeméride, o PSOE pontevedrés celebrará o vindeiro venres 17 de outubro ás 21:00 horas no Parador de Turismo unha cea na que, ademais de conmemorar esta histórica data, tamén se lles fará un recoñecemento especial aos compañeir@s que cumpriron máis de 45 anos de militancia como mostra de gratitude pola súa entrega e a súa longa traxectoria ao servizo do proxecto socialista.
Unha homenaxe que recibirán a profesora xubilada Margariña Valderrama Currás, primeira muller concelleira en Poio no período democrático; Roxelio Pérez Poza, durante anos secretario de FETE-UGT Galicia e da Fundación Luis Tilve; Baltasar García, secretario xeral da Agrupación de Pontevedra en diferentes etapas; Julia Paredes, histórica militante cun papel esencial en momentos clave para o devir da Agrupación, e José Vázquez, concelleiro na primeira Corporación local de Marín tralo Franquismo.
A data de celebración desta cea conmemorativa está dobremente cargada de historia e simbolismo, ao coincidir co día do 175º aniversario do nacemento de Pablo Iglesias Posse (o 17 de outubro de 1850). Procedente de Santiago, o fundador do PSOE chegou á estación de tren de Pontevedra o 8 de setembro de 1896, ofrecendo un primeiro mitin no Teatro Principal e outro posterior no daquela Centro Republicano (sede do Banco de España na cidade).
Tal e como sinala o secretario xeral e portavoz municipal do PSOE en Pontevedra, Iván Puentes, froito de diversas reunións con dirixentes obreiros pontevedreses como Freigeiro ou Botana, «a visita de Pablo Iglesias á nosa cidade en setembro de 1896 foi a semente que levaría á creación da nosa Agrupación ao mes seguinte». «Queremos celebrar dous eventos que configuraron a nosa longa historia e homenaxear a quen a construíu e a quen a segue a construír, fortalecer os nosos lazos como militantes socialistas e reafirmar os nosos valores para edificar unha sociedade máis xusta e igualitaria», asegura Puentes.
De Fernando Freigeiro a Francisco López
Segundo explica o secretario de Organización do PSOE local e director da Fundación Luis Tilve, Guillerme ‘Yeyo’ Pérez Agulla, os membros daquel comité fundacional da Agrupación Socialista de Pontevedra constituída o 20 de outubro de 1896 «prometeron traballar incansablemente por traer ás filas do Partido Socialista o maior número de explotados, como se intúe pola aparición de novas sociedades obreiras nos seguintes meses, froito das conferencias que a Agrupación desenvolveu dando a coñecer o programa socialista por parroquias e lugares do concello e da comarca». «A correspondencia -conta- recibíase na Calle del Arco, 6, dirixida a Vicente Vidal, que fora elixido secretario probablemente por ser un autodidacta autor de obras de teatro e poemas, o que lle confería uns coñecementos para a práctica administrativa».
En xaneiro de 1897, Freigeiro viuse na necesidade de emigrar a Brasil, pasando a ser presidente Francisco López. A marcha de Fernando Freigeiro foi moi sentida, xa que fora un dos principais impulsores das sociedades de resistencia existentes en Pontevedra e o seu contorno, destacándose polo seu liderado na célebre folga sostida polos canteiros contra o burgués Corbal (o que lle levou a visitar a cadea) e por ser quen máis traballou, trala visita de Iglesias, por crear a Agrupación Socialista de Pontevedra.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS