Saltar al contenido

¡Síguenos!

A abolición da prostitución, os bulos sobre a emerxencia climática e a loita contra a desinformación centrarán as charlas da IV Escola de Outono das Xuventudes Socialistas de Galicia

  • A xornada formativa celebrarase o sábado 8 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, en horario de 9:30 a 20:30 horas, e contará con relatorios de coñecidos influencers nos eidos do medio ambiente e a comunicación, como o divulgador climático e oceanógrafo Diego Ferraz, a politóloga Lucía de Castro ou o analista político e escritor Fernando Carrera, así como da presidenta da asociación Faraxa, Ana García Costas, que participará no panel sobre prostitución
  • Entre os protagonistas dos paneis tamén estarán o secretario xeral do PSOE pontevedrés, Iván Puentes, doutor en Publicidade; a secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga; a senadora Carmela Silva; o eurodeputado Nicolás González Casares, membro da Comisión de Industria e Enerxía do Parlamento Europeo; e o responsable de Comunicación e Redes do PSdeG, Diego Álvarez

Pontevedra, luns 3 de novembro de 2025.- A abolición da prostitución, os bulos sobre a emerxencia climática que pretende espallar a dereita ultra e as ferramentas das que dispoñemos para combater a desinformación son algúns dos principais temas que centrarán as charlas da IV Escola de Outono organizada polas Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG). A xornada formativa desenvolverase este sábado 8 de novembro durante todo o día (en horario de 9:30 a 20:30 horas) no Pazo da Cultura e contará con relatorios de coñecidos influencers nos eidos do medio ambiente e a comunicación, como o divulgador climático e oceanógrafo Diego Ferraz, a politóloga Lucía de Castro ou o analista político e escritor Fernando Carrera, así como da presidenta da asociación Faraxa (de axuda a mulleres que padecen explotación), Ana García Costas, no panel sobre prostitución. 

A programación desta nova Escola de Outono, evento de carácter anual, foi dada a coñecer esta mañá nunha rolda de prensa conxunta do secretario xeral da Agrupación Socialista de Pontevedra, Iván Puentes, e o secretario de Organización das XSG, Enrique García, á que tamén asistiu o secretario xeral das XSG a nivel local, David Fraga. No transcurso da comparecencia, que tivo lugar na sede municipal do PSOE (Irmáns Nodales), Puentes amosou a súa satisfacción polo feito de que «unha vez máis, a organización xuvenil do PSdeG se fixe en nós e nesta cidade e decida transformar Pontevedra en sede dunha actividade a nivel galego coma esta».

O líder do PSOE pontevedrés, que en calidade de doutor universitario en Publicidade tamén participará nun dos obradoiros sobre Comunicación que están programados, agarda que o traballo que se desenvolva nesta xornada permita «colaborar e extraer ideas para a cidade de Pontevedra» e perfilar «ese xeito de comunicar e de trasladar algo que ás veces non é sinxelo, que son as ideas políticas dentro do formato e da linguaxe propia dos medios que consume fundamentalmente a xente moza, que son os dixitais». «Non podemos construír a nova Pontevedra e presentar un modelo de cidade alternativo ao actual -subliñou- se non temos en conta as inquedanzas, demandas e necesidades a poboación máis nova; para nós é fundamental ser capaces de comunicar, de chegar e de expresarnos nos ámbitos, nos medios e na linguaxe que a xente máis moza está a empregar… Non é unha cuestión de votos, senón de contar coa mocidade para que nos axude a deseñar esa cidade que, ou vén da súa man ou non vai vir».

Segundo explicou o secretario de Organización das XSG, «despois de catro edicións desta Escola de Outono, chegamos a Pontevedra, tras pasar por Coruña en 2022 (onde se falou sobre o municipalismo cunha ollada feminista e tamén sobre comunicación), Lugo en 2023 (abordando as tendencias do feminismo contemporáneo e a saúde mental) e Ourense en 2024 (recollendo a testemuña da saúde mental e introducindo temas de vital importancia para a mocidade como a vivenda e a emancipación)». «Na Escola de Pontevedra -sinalou Enrique García- imos centrarnos en temas que son moi relevantes para nós, sobre os que queremos debater e sobre os que queremos formarnos: a abolición da prostitución, o medio ambiente e a transición ecolóxica e, sobre todo, esa comunicación e acción en redes sociais que resulta tan esencial».

Como exemplo da importancia que ten a loita contra a desinformación, o voceiro das XSG referiuse aos bulos e á información falsa que os españois e os galegos sofremos durante a dina de Valencia «a través de axitadores ultras que teñen nome e apelidos, como Vito Quiles, Alvise Pérez, Vox, Bertrand Ndongo e ás veces tamén desde o Partido Popular (hoxe mesmo, Carlos Marzón recolleu nas súas declaracións algúns deses bulos)». «Bulos como que no parking de Bonaire había centenares ou case milleiros de mortos agochados por parte das administracións públicas ou que a Aemet tiña dispositivos que estaban fallando durante eses días. Desinformación -apuntou García- que estes axitadores empregan para ir contra a democracia. Nós, as XSG, co PSdeG ao noso carón, queremos ser o baluarte da democracia, da veracidade da información e da comunicación responsable».

Un foro de debate aberto á participación da cidadanía

Á marxe da participación na Escola de Outono de dirixentes cun perfil político-orgánico, como o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ou o propio secretario xeral das XSG, Xurxo Doval, o panel de relatores contará con voces moi relevantes nos diversos temas de debate. No que atinxe á abolición da prostitución, haberá charlas de Silvia Fraga, secretaria de Igualdade do PSdeG; Carmela Silva, senadora cunha ampla experiencia en materia de feminismo e de xestión como presidenta da Deputación e como concelleira no Goberno municipal de Vigo; e Ana García Costas, presidenta de Faraxa, unha asociación viguesa que axuda a mulleres en situación de explotación sexual.

En materia de medio ambiente, tomarán a palabra o influencer e divulgador climático Diego Ferraz, oceanógrafo e ambientólogo cunha ampla experiencia; e o eurodeputado Nicolás González Casares, membro da Comisión de Industria e Enerxía do Parlamento Europeo. Finalmente, o panel sobre comunicación terá como protagonistas, amais de a Iván Puentes, á influencer e politóloga Lucía de Castro; o analista político e escritor Fernando Carrera, líder do PSC de Badalona; e Diego Álvarez, responsable de Comunicación e Redes Sociais do PSdeG.

Enrique García lembrou que a Escola de Outono, na que está prevista a asistencia de entre 40 e 50 persoas, «ten as súas portas abertas a toda a cidadanía que queira participar», co obxectivo «de formarnos e de poder contrastar dous modelos: un que aposta por irradiar odio, medo, desinformación e bulos, e outro, o das XSG e o PSdeG, comprometido coa aprendizaxe e amosando que tamén se poden espallar veracidade, rigor e ledicia».

Iván Puentes fixo fincapé na aposta realizada polo partido en Pontevedra a prol das XSG, «unha agrupación que xa está a traballar a nivel local e colabora co Partido Socialista á hora de formular as diferentes propostas que levamos ao Pleno, pensadas na xente máis nova desta cidade». «A materia pendente que temos por diante é potenciar aínda máis esa organización xuvenil e, polo tanto, a capacidade que temos de chegar á mocidade pontevedresa para que nos axude a deseñar o noso proxecto de cidade e a converternos en alternativa de cara ás eleccións do ano 2027, para ser capaces por primeira vez na nosa historia de acceder á Alcaldía de Pontevedra e transformar de verdade a cidade desde o liderado do Goberno municipal», sostén.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes