Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE insta ao Concello a impulsar unha axenda de eventos culturais online e a promover a difusión do ‘Culrural’ a través desta páxina web

  • A iniciativa dos socialistas, presentada esta mañá polo seu portavoz, Iván Puentes, e mailos concelleiros Carmen Hermo, Yoya Blanco e Marcos Rey, tamén propón que se active un sistema eficaz de contacto e acceso das diferentes entidades sociais e culturais de Pontevedra aos locais e recursos municipais

Pontevedra, 13 de setembro de 2024.- Ofrecer aos veciños de Pontevedra e ás persoas que nos visitan unha axenda cultural online na que se publiciten día a día tódalas actividades culturais organizadas no noso municipio polas diversas administracións e entidades sociais, tanto públicas como privadas, é un dos principais obxectivos dunha proposta que o PSOE defenderá no vindeiro Pleno ordinario. A iniciativa rexistrada polos socialistas insta ao Goberno Local a impulsar a creación desta plataforma web, accesible desde o propio portal do Concello, e a promover, mediante un espazo específico dentro desta páxina, a difusión do ‘Culrural’: a fecunda, e en moitos casos pouco coñecida, oferta cultural que se desenvolve nas parroquias e núcleos rurais (dándolles a estas actividades a mesma relevancia que ás desenvolvidas no centro urbano).

A moción, presentada esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron o portavoz do PSOE, Iván Puentes, e mailos concelleiros Carmen Hermo e Marcos Rey, tamén solicita que o Concello poña en marcha un sistema de actualización de datos eficaz, que facilite a forma e o medio de contacto que permita ás diferentes entidades sociais o acceso e solicitude de uso dos diversos locais ou recursos municipais. Tal e como sinala a proposición dos socialistas, «os colectivos, entidades, sociedades e todos e todas aqueles que contribúen ao crecemento cultural do noso territorio teñen as súas propias canles de información, a maioría das veces a través das redes sociais; espazos independentes que resultan difíciles de atopar para a maioría da cidadanía».

Iván Puentes está convencido de que Pontevedra «é unha das cidades galegas que máis destaca por ter unha actividade cultural diaria máis amplas, no conxunto do seu termo municipal, na meirande parte impulsada polos nosos colectivos culturais, veciñais e sociais», pero «carecemos dunha plataforma que lle dea unha difusión organizada, planificada e coordinada a toda esta programación que temos ao longo dos sete días». Para o voceiro do PSOE, o Concello «debe converterse nese coordinador, nese axente, que lle dea un pulo e visibilidade a toda esa actividade cultural, xerando algo que existe, e con moito éxito, noutras capitais de provincia españolas: unha axenda cultural online que poña especial énfase na programación que se desenvolve nas diversas parroquias do rural».

«Moitas veces -sostén Puentes-, esa oferta socio-cultural dilúese no tempo, chega tarde, ou directamente non se agarda fóra do circuíto habitual. Agora mesmo, existe ‘O telescopio da cultura’, un espazo onde se recollen as propostas culturais centradas, fundamentalmente, no centro urbano, e máis concretamente no Pazo da Cultura, o Teatro Principal, o Mercado e os locais de música. Trátase dunha aplicación bastante caótica que funciona, cando funciona, de xeito arbitrario e a meirande parte das veces a través de documentos non interactivos en formato pdf».

En opinión da súa compañeira de partido, a concelleira Carmen Hermo, «a incorporación do que deu en denominar ‘Culrural’ pode ser unha boa ocasión para impulsar a creación dunha axenda online, que centralice nunha única canle toda esta oferta cultural, elevando o seu nivel de coñecemento por parte da cidadanía e facilitándolle a esta o acceso a unha cultura sempre diversa e plural». Segundo expuxo Hermo, «a poucos quilómetros do casco urbano dispoñemos dun bo número de centros sociais nos que se desenvolve unha extensa actividade cultural e da que a miúdo non se fai unha correcta publicidade e difusión por parte do Concello». «Non por non coñecelo deixa de existir: o ‘Culrural’ tamén existe», afirmou a socialista.

Segundo Iván Puentes, «alén do evidente beneficio en termos de promoción e visibilidade, artellar unha ferramenta virtual deste tipo resulta ben sinxelo, limitándose basicamente a un bo deseño, accesible e intuitivo do portal web». Por outra banda, o portavoz do PSOE explicou que «a actualización da axenda cultural, aínda que supervisada polo propio Concello, pode recaer cada entidade, previamente acreditada, que cun usuario e contrasinal específico, se encargaría de subir á páxina web a información dos diferentes actos que programe».

Por outra banda, o Grupo Socialista ve necesario que se facilite ás entidades do noso municipio a utilización dos diversos centros sociais, tanto urbanos como rurais, naquelas horas nas que non interfiran coa actividade e usos principais dos mesmos.

Un formato hub para os diferentes centros culturais existentes no rural (unha trintena, 24 deles dependentes do Concello)

Carmen Hermo puntualizou que ela mesma leva anos sendo usuaria dunha axenda cultural que cualificou como «un caótico sistema, que funciona como a ‘hondonadas’: de súpeto aparecen cousas que xa aconteceron ou que van acontecer inmediatamente, sen dar tempo a planificar o noso día a día». Ao seu xeito de entender, o Concello debería apostar por «un formato hub (espazo de intercambio ou conexión) para os diferentes centros culturais do noso rural», xa que agora mesmo «temos moita dificultade para ter unha visión de conxunto da súa programación».

«Temos unha trintena de centros culturais, dos que 24 dependen do Concello de Pontevedra, dos que apenas temos coñecemento e dos que non se centraliza ningún tipo de información… A nosa moción tamén pretende abarcar todas aquelas propostas impulsadas a nivel privado e que esta páxina funcione como un referente, como un hub, que dea lugar a enlaces. Non son informática, pero coido que se pode facer un pouco mellor», apuntou Hermo, quen puxo como exemplo de boa xestión da súa programación ‘Culrural’ á web da Casa Verde do Centro Social de Salcedo (https://centrosocialsalcedo.wordpress.com/).

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes