Os socialistas solicitan ao Goberno Local que aproveite a retirada das letras de ‘Pontevedra’ da Praza de Ourense para redeseñar o seu formato cuns materiais e unha composición estética máis acaídos
- O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, considera «necesario darlle unha voltiña ao deseño dun letreiro monumental que agora mesmo non é precisamente o máis acorde cos obxectivo pretendidos, que son os de achegar valor visual e converterse nun punto de referencia turístico no que pontevedreses e visitantes poidan sacar selfies e fotos bonitas»
- «Co actual formato -sinala Puentes-, é preciso ser un fotógrafo bastante curtido para lograr meter tódalas letras en plano. Ademais, deberiamos optar por uns materiais máis acordes, que reduzan a contaminación acústica, respecten a liña institucional e melloren a seguridade nas diferentes interaccións, tanto para posar nas fotos como cando os nenos e nenas se acheguen para xogar»
Pontevedra, 24 de agosto de 2024.- A pesar de terse convertido nun innegable elemento de promoción turística da nosa cidade, a través das habituais instantáneas que os turistas suben ás súas redes sociais, resulta evidente que o formato e dimensións das letras de ‘Pontevedra’ que o Concello instalou na Praza de Ourense non son precisamente demasiado funcionais. Aproveitando a recente retirada deste letreiro monumental para realizar reparacións (atopábase nun estado bastante deteriorado), o Grupo Municipal do PSOE considera que o Goberno Local debe aproveitar a ocasión para redeseñar este rótulo xigante cuns materiais e unha composición estética que resulten máis acaídos.
Unha solicitude que o portavoz municipal do partido, Iván Puentes, pretende rexistrar no Concello e que subliña a necesidade de «darlle unha voltiña ao deseño dun letreiro monumental que agora mesmo non é precisamente o máis acorde co obxectivo pretendido cando se colocaron as letras, que son os de achegar valor visual e converterse nun punto de referencia turístico no que pontevedreses e visitantes poidan sacar selfies e fotos bonitas». «O propósito é o de respectar o esplendor dun dos espazos máis representativos de Pontevedra, como é o do contorno da igrexa de San Francisco e as prazas da Ferrería, A Estrela e Ourense, e de aportarlle un valor engadido de promoción turística», explica o socialista.
Tal e como sinala Puentes, «co actual formato é preciso ser un fotógrafo bastante curtido para lograr introducir tódalas letras no plano da foto, coller unha ‘postal’ fermosa da paisaxe e que, ao mesmo tempo, as persoas fotografadas non aparezan demasiado lonxe, sobre todo cando se trata de grupos». Ademais, na súa opinión, «deberiamos optar por repoñer as letras cun materiais máis acordes, que reduzan a contaminación acústica, respecten un pouco máis a liña institucional do Concello de Pontevedra e melloren a seguridade nas diferentes interaccións, tanto para posar nas fotos como cando os nenos e nenas se acheguen para xogar».
«Todos estamos de acordo en que, como acontece noutras grandes cidades, estes letreiros xigantes se poden integrar á perfección na paisaxe urbana -considera Iván Puentes-, pero no caso concreto de Pontevedra, debemos adaptar o formato estético a un nome bastante longo e as características dos materiais ás dun elemento que funcione como mobiliario urbano».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS