Os socialistas demandan unha Pontevedra pioneira en festas inclusivas
- O PSOE levará ao vindeiro Pleno unha moción na que lle esixe ao Concello a adopción de medidas que garantan a participación das persoas con discapacidade nas cabalgatas, actividades de Nadal, Entroido e todos aqueles eventos que se se desenvolven ao longo do ano no noso municipio
- A proposición rexistrada, que esta mañá presentaron en rolda de prensa o portavoz socialista Iván Puentes e o concelleiro Marcos Rey, solicítalle ao Goberno Local que estableza un acceso preferente para persoas con discapacidade física ou intelectual nas diferentes atraccións e actividades; que determine dúas horas diarias sen música e con luces fixas nas atraccións para o seu uso por parte de nenos/as con trastornos do espectro autista (TEA) e outros tipos de discapacidade; un sistema técnico que permita que tódalas atraccións teñan a mesma música ambiente ao mesmo tempo; e un servizo de intérprete de lingua de signos na lectura dos pregóns
Pontevedra, 16 de xullo de 2024.- O modelo Pontevedra ten aínda moitos deberes pendentes coa accesibilidade e o acceso ao lecer en condicións de equidade e igualdade, moi especialmente no que se refire ao desfrute dos principais eventos festivos por parte de toda a cidadanía. Para o Grupo Municipal do PSOE chegou o tempo de que o Concello salde estas débedas e, con tal motivo, vén de rexistrar unha proposición na que demandan que a nosa cidade se converta en pioneira, tamén, na celebración de festas inclusivas e participativas.
A moción que os socialistas levarán ao vindeiro Pleno, presentada esta mañá nunha comparecencia na que participaron o seu portavoz, Iván Puentes, e mailo concelleiro Marcos Rey, esíxelle ao Goberno Local a adopción de medidas que garantan a participación das persoas con discapacidade nas cabalgatas, actividades de Nadal, Entroido e todos aqueles eventos que se desenvolven ao longo do ano no noso municipio. Entre as peticións concretas que se recollen nesta iniciativa, froito das achegas realizadas por diferentes colectivos sociais e asociacións de nais e pais, inclúense a de establecer un acceso preferente para persoas con discapacidade física ou intelectual igual ou superior ao 33% nas diferentes atraccións, actividades ou actos culturais e festivos organizados polo Concello de Pontevedra.
O PSOE tamén solicita que se determinen dúas horas diarias sen música e con luces fixas nas atraccións de feira para permitir o seu uso por parte de nenos/as con diversos tipos de discapacidade, nomeadamente a de aqueles/as con trastornos do espectro autista (TEA). Asemade, como explicou Marcos Rey, os socialistas avogan por «establecer un sistema técnico que permita que tódalas atraccións de feira teñan en todo momento a mesma música ambiente ao mesmo tempo no recinto da festa».
Outra das medidas que na súa opinión melloraría substancialmente o desfrute e participación en igualdade nas festas de Pontevedra por parte das persoas con discapacidade pasa por asegurar o servizo de intérprete de lingua de signos na lectura dos pregóns, situándoo nun lugar visible e accesible.
Marcos Rey afirmou que esta moción pretende seguir a liña marcada durante o anterior mandato, cando os socialistas dirixían a área de Benestar Social, con accións orientadas a «acabar pouco a pouco con esas barreiras invisibles que moitas veces non se teñen en consideración e que son moi relevantes para os colectivos afectados». «A ninguén estraña que nun parque temático infantil como o da Warner de Madrid os nenos e nenas con discapacidade teñan preferencia no uso das atraccións; é algo que resulta moi sinxelo de facer e que, no entanto, aquí aínda non está implantado. Tampouco hai intérprete de lingua de signos no pregón da Cabalgata de Reis na Ferrería, polo que a xente que ten discapacidade auditiva non o pode desfrutar… Son pequenos detalles que non custan nada a unha administración -apuntou- e que amosan a súa empatía».
«Estamos ás portas das grandes festas e unha administración sensible ten a obriga de garantir que as persoas con discapacidade poidan desfrutar da súa programación en pé de igualdade»
Segundo sinalou Iván Puentes, «unha cidade accesible debe poñer tódolos medios necesarios para acadar contornas que favorezan a igualdade de oportunidades e garantan unha boa calidade de vida de toda a súa poboación, particularmente das persoas con discapacidade». «Pontevedra é unha cidade amable -sostén o portavoz municipal do PSOE-, pero o modelo de cidade, ademais de ser amable desde o punto de vista urbanístico, tamén o debe ser no plano social. O PSdeG, sempre que tivo responsabilidades de goberno, tentou xestionar as súas áreas baixo esta premisa, implantando medidas pioneiras como, durante o anterior mandato, o programa Comunico, a instalación de bucles magnéticos individuais nas oficinas do Rexistro Municipal e nas dependencias de Benestar Social, o servizo de intérprete de lingua de signos española nos plenos da Corporación ou mesmo a instalación de aseos inclusivos na Praza de Galicia como proba piloto».
Puentes asegurou que «unha vez máis, estamos ás portas das grandes festas da nosa cidade (Santiaguiño do Burgo, Peregrina e Feira Franca, entre outras) e «unha administración municipal sensible e que respecta e traballa polo interese de tódolos seus veciños e veciñas ten a obriga de garantir que as persoas con discapacidade poidan desfrutar en pé de igualdade da programación festiva e cultural da súa cidade». Tal e como subliñou o líder do PSOE, «as festas son un momento de celebración e cohesión social no noso concello, polo que entendemos que o Goberno Local debe permitir o desfrute de todos e de todas, garantindo a equidade, a accesibilidade e a inclusión para toda a veciñanza e para as persoas que visitan a nosa vila».
Na súa opinión, trátase de medidas que resultan sinxelas de implantar «xa nestas festas, posto que, á marxe das cuestións técnicas relativas ás luces e á música das atraccións, ningunha delas precisa nin sequera cartos: o acceso preferente ten que ver coa acreditación documental do grao de discapacidade, as dúas horas sen música e luces supoñen darlle a un interruptor e o Concello ten en marcha colaboracións con asociacións que dispoñen de intérpretes de lingua de signos (un servizo posto en marcha por Marcos Rey mediante adxudicación municipal)». O portavoz do PSOE matizou que, aínda que podería recoller outras medidas concretas, como o emprego de mochilas vibratorias para que as persoas xordas poidan sentir a música dos concertos (algo probado con éxito de xeito piloto cando a socialista Paloma Castro levaba a Concellería de Benestar Social), «o obxectivo desta moción é que o seu espírito se manteña en tódolos eventos festivos e culturais organizados polo Concello».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS