O socialista Iván Puentes cualifica de «claramente deficitario» este primeiro ano de mandato «polo empecinamento do BNG en buscar máis o conflito que o acordo» e asegura que «Pontevedra precisa de moito máis diálogo e moita menos imposición»
- O portavoz municipal do PSOE volve tenderlle a man ao BNG para negociar a aprobación dunha terceira modificación de crédito, asegura que a «irresponsabilidade» dos nacionalistas de optar pola vía da cuestión de confianza para aprobar o orzamento de 2024 «é un episodio que está pasado» e avanza que o seu partido seguirá «negociando e falando para facer gobernable esta cidade»
- Ao seu xeito de entender, «o sentir que hai na rúa, o que un palpa cando fala cos veciños e veciñas de Pontevedra é que este Goberno Local transmite que está case nunha fase de retirada, agardando a que pasen os tres anos que lles quedan, a que cheguen novas eleccións e a que un novo goberno poida tomar as rendas»
Pontevedra, 22 de maio de 2024.- «O balance deste primeiro ano mandato é claramente deficitario, e é así polo empecinamento do BNG en non dialogar, en non negociar, e en buscar máis o conflito que o acordo». Deste xeito definiu o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, o que foron estes primeiros 12 meses de mandato municipal, asegurando que «Pontevedra precisa de moito máis diálogo e moita menos imposición; ese é o sentir que hai na rúa, o que un palpa cando fala cos veciños e veciñas de Pontevedra: o Goberno Local transmite que está case nunha fase de retirada, agardando a que pasen os tres anos que lles quedan, a que cheguen novas eleccións e a que un novo goberno poida tomar as rendas».
Así o expresou Puentes no marco dunha comparecencia na que analizou o que foi este primeiro ano de mandato en Pontevedra e na que estivo acompañado polo concelleiro socialista Manuel Fariña. Tal e como sinalou, «a parálise que padece o Goberno Local resulta bastante comprensible se temos en conta que hai 8 concelleiros (9 co alcalde) que están a exercer as funcións que noutros momentos chegaron a exercer entre 13 e 15 concelleiros», pero «isto é algo que tanto a cidade como o ritmo de traballo do Concello están a notar». «Podemos pensar en calquera área de goberno -reflexionou- e a ningún de nós practicamente se nos ocorrerá ningún gran proxecto, ningunha grande obra e ningún gran contrato que se teña tramitado ao longo destes 12 meses, máis aló dalgunhas cuestións que viñan do anterior mandato e que xa estaban absolutamente maduras… Pero tamén se falamos de cantos investimentos, cantos contratos e convenios se asinaron para dinamizar economicamente a cidade, atoparemos que son cero».
Segundo lembrou, o PSOE recibiu con agrado nas pasadas eleccións municipais «un apoio maior do que tiña por parte da cidadanía, subindo tanto en votos (máis de 1.500) como en concelleiros (de catro a cinco), cun PP que tamén subiu en votos e un BNG que perdeu máis de 3.500 votos e dous concelleiros». «Non habendo maiorías absolutas -apuntou-, iniciamos este mandato coa disposición de converternos nun partido útil e de facilitar a gobernabilidade desta cidade, e esa seguirá a ser a nosa liña… Tentamos negociar co BNG durante meses un goberno de coalición, pero baixo a premisa de que a relación de forzas mudara e de que ese novo goberno se tiña que rexer por outros parámetros: os proxectos e compromisos electorais do Partido Socialista tiñan que gañar protagonismo. Iso non foi posible e, polo tanto, decidimos que a oposición era o lugar onde mellor podiamos exercer ese compromiso cos veciños de facer gobernable a cidade e de defender os seus intereses».
Ao seu xeito de entender, entre os dous partidos que representan nestes momentos á oposición «hai dous xeitos moi diferentes de exercer esa oposición: a do PP tradúcese en votar en contra de calquera iniciativa substancial que o Goberno Local leve a Pleno, facendo unha política de terra queimada e na que o único que lles preocupa é desgastar politicamente ao BNG, con independencia de que os veciños e veciñas de Pontevedra paguemos con obras que non se realizan ou o bloqueo de investimentos nesta cidade; e a do PSOE, que consiste en negociar, ás veces con dureza, en escoitar e en tentar pactar e chegar a acordos para facer a cidade gobernable». Algo que, na súa opinión, «foi posible na meirande parte das ocasións, con dous acordos fundamentais neste primeiro ano de mandato, as dúas modificacións de crédito que se levaron a Pleno para incorporar varios millóns de euros ao orzamento prorrogado de 2022 (unha antes do verán e outra despois), dos que 1,5 millóns corresponderon con propostas e actuacións incorporadas polo Partido Socialista para mellorar a calidade de vida dos cidadáns en diferentes parroquias e barrios».
Neste mesmo sentido, Iván Puentes avanzou que xa se iniciaron as conversas co concelleiro de Facenda, o nacionalista Raimundo González Carballo, para facer posible a aprobación dunha terceira modificación de crédito neste 2024. «Veremos que froitos dan e cal é a actitude do BNG. Se é factible chegar a un entendemento, desde logo nós seremos os primeiros en favorecer a aprobación desa modificación de crédito, insisto, sempre e cando se cumpra a premisa de que resposte ao programa dámbolos partidos políticos e ás prioridades de investimento de que cada un de nós temos, tendo claro o peso que temos uns e outros», advertiu.
O portavoz socialista lamentou que, sen embargo, o acordo non fora posible para a aprobación do orzamento municipal de 2024, despois de que lle entregaran ao BNG un decálogo de propostas «e practicamente ningunha delas fora asumida», porque «entenderon que naquel momento lles conviña confrontar co PSOE, sabían que dispuñan da fórmula legal da cuestión de confianza para aprobalo e que o Partido Socialista é un partido responsable, que non vai facer experimentos como mocións de censura co PP para sacalos da Alcaldía». Puentes considera que foi «unha irresponsabilidade do BNG» optar por esa vía unilateral «que demorou en demasía a aprobación das contas e que deteriorou algo tan básico en democracia como o diálogo e o entendemento», pero volveu amosar a súa man tendida afirmando que «ese episodio para nós está pasado». «Seguiremos negociando e falando con quen goberna Pontevedra -garantiu- para, por enriba de todo e máis aló das diferencias que temos, facer a cidade gobernable e resolver os moitos problemas dos veciños e veciñas».
«Eu alégrome de que (Lores) considere ao PSOE socio preferente, porque non sempre foi así. Máis que o cualificativo, o que agradezo é que exista vontade real de diálogo»
Iván Puentes tamén valorou as declaracións nas que o alcalde volveu referirse aos socialistas como «socios preferentes», sinalando que «o sentido común, e coido que o sentir maioritario dos veciños e veciñas de Pontevedra, di que efectivamente PSOE e BNG debemos ser socios preferentes, ás veces entendéndonos e gobernando xuntos, ás veces chegando a acordos que non bloqueen a cidade e a fagan gobernable por enriba das diferencias que poidamos ter». «Eu alégrome de que (Lores) nos siga a cualificar de socio preferente… A verdade é que non sempre foi así, houbo parénteses polo medio. Máis que o cualificativo, o que agradezo é que exista vontade real de diálogo, como a houbo cando se pactaron as modificacións de crédito en 2023 e entendo que agora tamén a hai para pulir as diferencias que poidan existir entre as propostas que nós lles presentamos e as que eles queren levar», matizou.
Para Iván Puentes, «queda moito mandato por adiante, tres anos é moito tempo para darlle a esta cidade o impulso que nestes momentos non ten, e o PSOE vai estar aí para poder prestar a súa colaboración, a súa axuda e toda a súa capacidade de diálogo e de traballo, que amosamos no Goberno cando estabamos gobernando e que desde a oposición tamén podemos exercer, pero sempre e cando falen con nós».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS