Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE insta ao Concello a saldar dunha vez a perpetua débeda que Pontevedra ten co saneamento do rural: «Pedimos que se desenvolva un plan de expansión para poder conectar as centenares de vivendas que carecen de rede en diversas parroquias»

  • Os socialistas impulsan unha iniciativa, que será debatida e votada no Pleno municipal, para esixirlle á empresa concesionaria Viaqua que cumpra co contrato asinado en 2018 e remate «o antes posible» as obras de ampliación da rede contempladas como melloras que están pendentes nas parroquias de Alba, Bora, Cerponzóns, Lourizán, San Andrés de Xeve, Santa María de Xeve e Verducido
  • Segundo denuncia o concelleiro Marcos Rey, «aproximadamente un dez por cento das vivendas situadas no rural pontevedrés non se atopan conectadas á rede de saneamento porque esta se atopa a máis de 50 metros do inmoble, tratándose de asentamentos consolidados que pagan o IBI pola parte de edificación que se cualifica no Catastro como Residencial Urbano»

Pontevedra, 8 de maio de 2024.- Os socialistas de Pontevedra consideran que o Goberno Local debe abordar de xeito prioritario, no que resta de mandato, unha das súas principais débedas cos veciños e veciñas que habitan nas parroquias do rural. A través dunha moción que será debatida e votada no Pleno da Corporación, o Grupo Municipal do PSOE solicítalle ao Concello «a planificación e desenvolvemento dun plan de expansión da rede de saneamento para poder conectar as centenares de vivendas que carecen dela en diversas parroquias pontevedresas», de xeito que este servizo básico «poida chegar a tódalas casas e inmobles do rural». Ademais, esíxelle á empresa concesionaria Viaqua que cumpra co contrato asinado en outubro de 2018 e remate «o antes posible» as obras de ampliación da rede contempladas como melloras que están pendentes en Alba, Bora, Cerponzóns, Lourizán, San Andrés de Xeve, Santa María de Xeve e Verducido. 

A iniciativa foi presentada esta mañá no marco dunha rolda de prensa na que o concelleiro socialista Marcos Rey denunciou que «aproximadamente un 10% das vivendas situadas no rural pontevedrés non se atopan conectadas á rede de saneamento porque esta se atopa a máis de 50 metros do inmoble, tratándose de asentamentos consolidados que pagan o Imposto de Bens Inmobles (IBI) pola parte de edificación que se cualifica no Catastro como Residencial Urbano». Durante a comparecencia, Rey asegurou que «os veciños e veciñas de Pontevedra veñen trasladando ao Goberno Local desde hai moito tempo a súa preocupación ante a situación e o alcance das obras da rede de sumidoiros no noso concello».

Segundo lembrou, «o pasado 1 de outubro de 2018 foi asinado coa empresa Viaqua o contrato de xestión da auga, adxudicado cun importe 110 millóns de euros para un período de 20 anos». «Este contrato incluía un investimento de máis de 58 millóns de euros en obras de mellora nun período de 3 anos por parte da adxudicataria, xunto cun canon de 7,8 millóns. A rede de sumidoiros recibiría 25,6 millóns -explicou o socialista- e a de abastecemento de auga se ampliaría con 30,2 millóns máis (a cifra restante orientouse a outros proxectos como a renovación de servizos da rúa Echegaray, a mellora do bombeo de auga en Monte Porreiro, a substitución da rede xeral de abastecemento baixo a AP-9 ou a renovación do bombeo de auga do Hospital Montecelo)».

Vivendas vertendo augas residuais en pozos negros ou foxas sépticas que infrinxen directivas europeas

Unha mellora da rede de saneamento da que deberían terse beneficiado 12 parroquias (Alba, Bora, Campañó, Cerponzóns, Lérez, Lourizán, Marcón, Salcedo, San Andrés de Xeve, Santa María de Xeve, Tomeza e Verducido), pero cuxas obras só foron rematadas en 5 delas (Campañó, Lérez, Marcón, Salcedo e Tomeza). O concelleiro Marcos Rey subliñou que «a pesares das actuacións executadas, a realidade é que «varios centenares de vivendas emprazadas no rural carecen nestes momentos de rede saneamento, o que significa que seguen a verter augas residuais en pozos negros ou en foxas sépticas que, en maior ou menor medida, teñen filtracións, provocando a contaminación de acuíferos e outros danos ao medio ambiente». «Trátase dunha situación -advertiu- que infrinxe a Directiva 91/271 ditada polo Consello das Comunidades Europeas e que contemplaba, entre outras cuestións, a eliminación das foxas sépticas entre os anos 2000 e 2005».

Rey lamentou que, unha vez rematadas as obras de ampliación, «existan aínda tantas vivendas do rural pontevedrés que se atopan fóra da rede de sumidoiros e tantos veciños e veciñas vivan coa incerteza de non saber cando lles chegará a eles o saneamento, xa que a data de hoxe non existe ningún plan de actuación para completar a conexión». «Pontevedra non pode sentirse satisfeita cun modelo que sempre prescindiu das parroquias do rural: que a día de hoxe sigan existindo centos de vivendas que carecen de rede de saneamento é, cando menos, para producirnos certa vergoña ou autocrítica. Cómpre esixirlle ao Goberno Local que salde a súa débeda e planifique e desenvolva un plan de expansión da rede para poder chegar a tódalas vivendas do rural», sinalou o edil do PSOE.

O concelleiro reprochoulle ao BNG que «sempre saque peito, e mesmo lles envíe cartas aos veciños, dicindo que o saneamento vai chegar a tódalas vivendas do rural». «Pois que deixe de mentir xa aos pontevedreses que viven no rural, cumpra o que está a dicir e se comprometa dunha vez por todas a chegar ao 100% das vivendas existentes nas nosas parroquias», demandou.

Marcos Rey tamén amosou a súa «decepción» ante a licitación anunciada polo Goberno Local para executar diversas actuacións no rural. «Anuncian obras para as que aínda non dispoñen de cartos, contando cunha hipotética modificación de crédito da que nin sequera se empezou a falar e obviando, como de costume, tódolos acordos plenarios», criticou o socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes