Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE e a Confederación Española de Policía aseguran que os bolardos instalados na Peregrina «non teñen razón ningunha de ser» a nivel urbanístico e de seguridade: «Se hai vontade e a intención non é impedir o traballo da Policía, existen solucións varias, como os bolardos automatizados»

  • Tras unha reunión mantida cos representantes do sindicato policial na sede de Churruchaos, na que tamén participaron os concelleiros Yoya Blanco, Manuel Fariña, Marcos Rey e Carmen Hermo, o portavoz socialista Iván Puentes expresou a súa preocupación ante o escenario que os responsables da CEP lle trasladaron en relación «aos casos máis urxentes, nos que os tempos de intervención son cruciais para o desenlace dos feitos, como un incendio, un intento de suicidio, unha violencia de xénero ou unha violación»
  • Puentes sinala que os bolardos actuais precisan dunha chave Allen para retirarse, obrigando aos axentes a deter o vehículo e a perder un valioso tempo, e lémbralle ademais ao concelleiro César Mosquera que só Policía Local e Bombeiros dispoñen nestes momentos de capacidade para desinstalalos, xa que os membros da Policía Nacional carecen destas chaves e «están obrigados a chamar ao Concello para que efectúe as operacións de retirada»
  • O secretario de Comunicación da CEP en Galicia, Javier Martínez, demanda que o Goberno Local de Pontevedra implante «os medios tecnolóxicos necesarios» para permitir que os vehículos dos servizos de emerxencias circulen polas rúas da cidade «sen trabas físicas» que supoñen importantes atrasos nas súas intervencións

O Grupo Municipal Socialista considera absurda a actitude intransixente expresada polo concelleiro nacionalista César Mosquera en relación aos bolardos que o Goberno Local instalou no contorno da glorieta de Compostela. Para o PSOE local, os elementos instalados polo BNG «non teñen (pola súa tipoloxía) razón ningunha de ser» nin a nivel urbanístico, nin de seguridade, xa que «se realmente hai vontade» de facer compatible o traballo dos vehículos da Nacional e dos servizos de emerxencias co control dos tráficos non desexados no centro histórico, «existen solucións varias». A proposta defendida polo portavoz socialista Iván Puentes, e que tamén se reclama desde a Policía Nacional, pasaría pola colocación duns bolardos automatizados, dotados de cámaras que lean e identifiquen as matrículas dos coches policiais e doutros autorizados.

Esta demanda, na que coinciden tódolos traballadores das Forzas e Corpos de Seguridade e dos servizos de emerxencias, foi abordada no marco dun encontro que Puentes e mailos concelleiros Yoya Blanco, Manuel Fariña, Marcos Rey e Carmen Hermo mantiveron con representantes da Confederación Española de Policía (CEP), o sindicato maioritario da Policía Nacional. Na reunión cos socialistas participaron o secretario rexional da CEP en Galicia, Agustín Vigo Barreiro; o secretario provincial da CEP, Carlos Rodríguez Losada; o seu secretario autonómico de Comunicación, José Javier Martínez Rodríguez, e o responsable de Prevención de Riscos do sindicato na nosa comunidade, Javier Álvarez Fagúndez.

Ao igual que acontecera na recente xuntanza que o PSOE mantivo coa Policía Local e os Bombeiros de Pontevedra (a primeira dunha rolda de contactos que proseguirá cos sindicatos policiais SUP e Juspol), os bolardos instalados polo Goberno Local na rúa Peregrina convertéronse nun dos principais temas de preocupación plantexados durante o encontro. Así, os responsables da CEP incidiron en que estes elementos de seguridade vial dificultan dun xeito moi importante o traballo tanto da Policía como do resto dos servizos de emerxencias do noso concello: en tódolos casos, mesmo nas intervencións máis leves, tradúcense, como mínimo, nun retardo nos tempos de resposta. 

Segundo explicaron, cada vez que reciben unha chamada por sucesos de violencia de xénero, accidentes ou calquera outra cuestión relacionada coa seguridade cidadá que estea a ocorrer nas rúas de Pontevedra, os tempos de resposta increméntanse substancialmente debido aos rodeos que teñen que facer, por culpa destes bolardos e doutros elementos instalados en diversos puntos da cidade, para chegar ao lugar da cidade no que teñen que actuar.

Non obstante, Iván Puentes expresou a preocupación que os representantes da CEP lle transmitiron sobre aquelas casuísticas nas que teñan que enfrontarse a intervencións máis urxentes. Tal e como sinalou o portavoz socialista, «cando se trata de acontecementos máis ‘leves’ falamos de atrasos que poden implicar unha resolución peor, ou menos acaída que se chegasen en tempo, pero se esta situación a aplicamos a casos máis urxentes, nos que os tempos de intervención son cruciais para que o desenlace dos feitos sexa positivo, como un incendio, un intento de suicidio, unha violencia de xénero ou unha violación, a cousa xa é máis grave: estamos a poñerlle atrancos ao traballo dos profesionais que se dedican a algo tan sagrado e esencial como protexer a vida das persoas e a velar pola seguridade e o bo funcionamento da nosa cidade».

O secretario de Comunicación da CEP en Galicia, Javier Martínez, incidiu na necesidade de traballar man a man para evitar que o Concello capitalino «lle poña trabas ao traballo dos servizos de emerxencias, que deben ter o camiño despexado para poder asistir aos cidadáns». Neste sentido, amosouse satisfeito de que os socialistas compartan que o Goberno Local implante «os medios tecnolóxicos necesarios» para facilitar as intervencións, «sen trabas físicas á circulación dos vehículos de emerxencias polas rúas de Pontevedra». «Na reunión -engadiu- tamén abordamos aspectos relevantes para o futuro dos servizos de emerxencias desta cidade, como a dotación dunhas dependencias e de unidades policiais acordes ás súas necesidades».

«Hai solucións que xa están inventadas e que se aplican con resultados óptimos noutras cidades»

Para Iván Puentes, os atrancos que estes bolardos supoñen para o normal desempeño da Policía e dos servizos de emerxencias «non teñen razón ningunha de ser, nin desde o punto de vista urbanístico, nin desde o punto de vista da seguridade». Ao seu xeito de entender, «se o que se quere preservar é que non pasen pola zona tráficos innecesarios, como os vehículos de reparto (tránsitos que eran, na súa opinión, moi puntuais), hai solucións que xa están inventadas e que se aplican con resultados óptimos noutras cidades».

«Sen ir máis lonxe, no concello de Vigo, onde goberna o PSOE, tamén hai bolardos para impedir que os vehículos non autorizados accedan ás zonas peonís, esencialmente ao casco histórico; pero en lugar de funcionar como os de aquí, que precisan dunha chave Allen para retirarse (chave en forma de L que permite aparafusar e desaparafusar torcas con cabeza hexagonal) e que obrigan a deter o vehículo e perder un valioso tempo, en Vigo arranxouse dunha forma moi sinxela -apuntou o socialista-: os bolardos están automatizados, teñen unhas cámaras que len as placas das matrículas exactamente igual que cando entramos nun estacionamento soterrado e, ao identificar os números dos coches policiais, báixanse e permiten o paso da Policía».

A este respecto, Puentes subliñou que só Policía Local e Bombeiros dispoñen nestes momentos de capacidade para desinstalar os bolardos, xa que os membros da Policía Nacional carecen das devanditas chaves e «están obrigados a avisar ao Concello de Pontevedra para que efectúe as operacións de retirada».

Na súa opinión, «se realmente hai vontade e se de verdade a intención non é impedir o traballo da Policía Nacional na cidade de Pontevedra, hai solucións varias para poder facer compatible o control dos tráficos non desexados no centro histórico, no que todos estamos de acordo, e ao mesmo tempo ofrecerlles tódalas facilidades do mundo aos vehículos de emerxencias e da Policía para que fagan o seu traballo».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes