Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes celebra a valente decisión de Sánchez de continuar á fronte do Goberno de España: «Creo que hoxe máis da metade do país respirou aliviada»

  • Para o portavoz municipal do PSOE e secretario de Organización da Agrupación Socialista de Pontevedra, «é importante que o presidente non cedese, resistise e se comprometese a loitar por ese modelo de país que queremos, precisamos e, sobre todo, nos merecemos a maioría de españois; algo que non só depende del e do Goberno de España: depende de todos e todas nós»

Pontevedra, 29 de abril de 2024.- «Creo que hoxe máis da metade do país respirou aliviada unha vez que o presidente do Goberno confirmou a súa intención de permanecer á fronte do Executivo». Deste xeito expresou o portavoz municipal do PSOE e secretario de Organización da Agrupación Socialista de Pontevedra, Iván Puentes, o sentir dunha boa parte do noso país ao escoitar e celebrar a decisión de Pedro Sánchez de continuar á fronte do Goberno de España e de converterse en dique de contención contra «os inimigos da democracia».

Tras recibir cunha fonda ledicia a determinación do presidente, Puentes asegurou que «todas aquelas persoas que nos consideramos progresistas e de verdade demócratas desexabamos que Sánchez resistise e continuase dirixindo o Goberno de España, porque, xunto coa reflexión persoal que el e a súa familia fixeron durante estes cinco días, o verdadeiramente importante foi a reflexión colectiva á que nos convidou o presidente: a reflexión sobre que modelo de país e de democracia queremos». «Unha democracia baseada en mentiras, bulos e falsidades, que é a que cultivan o PP e a ultradereita, na que semella que todo vale con tal de chegar ao poder -explicou o líder socialista-; ou unha democracia baseada na transparencia e na diversidade de opinións, pero desde o respecto ao adversario e, en definitiva, ao xogo limpo».

Para Iván Puentes, «é importante que o presidente non cedese, resistise e se comprometese a loitar por ese modelo de país que queremos, precisamos e, sobre todo, nos merecemos a maioría de españois; algo que non só depende del e do Goberno de España: depende de todos e todas nós».

Por iso, o portavoz do PSOE considera que «o máis importante é que esa reflexión que fixemos nestes cinco días, esa chamada, esa apelación á conciencia que nos fixo o presidente, a poñamos en práctica a partir de agora e tamén nos comprometamos no noso día a día, nos diferentes procesos electorais e en tódalas accións de participación política que teñamos por diante, e todos e todas contribuamos a facer realidade ese país». Un país que, ao seu xeito de entender, «pode resumirse nunha frase que dicía o presidente, que a liberdade de expresión non significa liberdade de difamación».

«Se todos estamos convencidos diso -conclúe o secretario de Organización do PSOE local-, se todos os que somos demócratas estamos convencidos da necesidade de rexenerar a nosa vida política nese sentido, estou seguro de que estes cinco días de incerteza terán valido para comezar a construír un país e unha sociedade mellor».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes