Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os socialistas de Pontevedra conmemorarán o aniversario da II República cunha conferencia sobre a loita pola igualdade e unha homenaxe a Edelmiro Dios Vázquez

  • O coloquio organizado polo PSOE pontevedrés en colaboración coa Fundación Luis Tilve terá lugar o venres 12 de abril ás 19:30 horas no 1º andar do Teatro Principal, levará por título ‘O camiño da igualdade da muller na II República’ e estará protagonizado por Raquel Vázquez Ramil, profesora da Universidade de Valladolid
  • O acto de lembranza ao que foi vicesecretario da Federación Provincial do PSOE durante o período republicano desenvolverase o domingo 12 de abril ás 12:00 horas no Cemiterio de Salcedo

Pontevedra, 9 de abril de 2024.- Con motivo do aniversario da II República, a Agrupación Socialista de Pontevedra organizou, en colaboración coa Fundación Luis Tilve, unha fin de semana de eventos conmemorativos arredor de figuras e fitos relevantes deste período histórico. Así, o PSOE pontevedrés ten previsto desenvolver unha conferencia titulada ‘O camiño da igualdade da muller na II República’ e unha homenaxe a Edelmiro Dios Vázquez, vicesecretario da Federación Provincial Socialista durante o período republicano.

O coloquio celebrarase o venres 12 de abril ás 19:30 horas na sala situada no 1º andar do Teatro Principal, será presentado pola secretaria xeral do PSdeG de Pontevedra, Maica Larriba; estará moderado polo director da Fundación Luis Tilve, Guillerme Pérez Agulla, e terá como relatora a Raquel Vázquez Ramil, profesora de Didáctica das Ciencias Sociais na Universidade de Valladolid. O acto en lembranza á figura de Edelmiro Dios será o domingo 14 de abril ás 12:00 horas no Cemiterio de Salcedo.

Na súa conferencia, Raquel Vázquez analizará a situación legal das mulleres españolas no primeiro terzo do século XX, para reflectir, a continuación, o papel que xogaron na vida política do momento e na configuración da Constitución republicana de 1931, así como a proxección do voto feminino e os grandes debates como o relativo ó divorcio. A segunda parte da súa intervención centrarase no impulso e integración da muller no proceso educativo e a repercusión en Galicia nas súas mestras, artistas e profesionais, así como o retroceso que representou a chegada da Ditadura.

Raquel Vázquez Ramil naceu na Coruña, licenciouse en Xeografía e Historia na Universidade de Santiago e doutorouse coa tese ‘La institución Libre de Enseñanza y la educación de la mujer en España: la Residencia de Señoritas de Madrid (1915-1936)’, pola que recibiu o premio extraordinario de doutorado de Historia da USC en 1990. Foi titora do Centros Asociado da UNED da Coruña e profesora da Escola Universitaria de Maxisterio CEU de Vigo, ademais de tradutora ó inglés de numerosas obras. Entre as súas publicacións destacan ‘La mujer en la II República’, ‘La escuela activa y el entorno durante la Segunda República’, ‘A Casa del maestro de Pontevedra’ ou ‘Represión e depuración do maxisterio na provincia de Pontevedra’, estas últimas en colaboración co profesor Ángel Porto Ucha.

Conducido ao cuarteliño da actual Praza de Barcelos, interrogado violentamente e asasinado

A Agrupación Socialista de Pontevedra e a Fundación Luis Tilve, no aniversario da II República, queren lembrar e homenaxear este ano a Edelmiro Dios Vázquez e á súa familia. Tal e como subliña Roxelio Pérez Poza, secretario de Memoria da Agrupación, «Edelmiro foi un membro destacado do Partido Socialista en Pontevedra, especialmente durante o período da II República, xunto con Francisco Tilve, Ramiro Paz, Germán Adrio e Amando Guiance Pampín, desempeñando a responsabilidade de Vicesecretario Xeral da Federación Provincial».

A acción política de Edelmiro Dios iníciase nas Xuventudes Socialistas, das cales foi presidente, pero tamén no eido sindical desenvolveu una grande actividade no sector metalúrxico da UGT, asumindo a dirección deste sindicato. En unión con Emilio Villar, tamén do sector do metal da UGT, impulsou o Socorro Rojo en Pontevedra e participou decididamente nas súas campañas.

Detido en 1934 pola súa participación na vida política do momento, cando se produce o levantamento militar de 1936 comprométese na defensa do réxime democrático republicano, mantendo contacto permanente cos responsables políticos do Frente Popular, o que o obriga a esconderse, posteriormente, unha vez que comproba a violencia da represión contra os militantes demócratas dos diferentes partidos.

É localizado o día 3 de setembro en San Adrián de Cobres e conducido ó cuarteliño da actual Praza de Barcelos, no que é interrogado violentamente, para aparecer dous días despois asasinado no Cemiterio de Bora, tras seren posto a disposición do xuíz militar. Dous anos despois do seu asasinato, en febreiro de 1938, publícase una requisitoria demandando a súa presentación na causa xudicial, na que se lle acusa do delito de rebelión. Considerando que non era suficiente con isto, a súa familia é detida, extorsionada, sancionada e perseguida durante todo o período franquista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes