Saltar al contenido

¡Síguenos!

Puentes rexistra unha solicitude para coñecer o estado de tramitación da proposición impulsada polo PSOE para levar a feira ambulante á Alameda: «Transcorridos máis de 7 meses e superados tódolos prazos legais para a emisión dos informes… Pasou tempo suficiente como para pensar nunha estratexia deliberada do BNG para dilatar artificialmente a súa votación»

  • O portavoz socialista quere «comprobar e coñecer o contido dos informes elaborados ata a data, así como dos que se vaian emitindo a partir de agora, no caso de que aínda non conte con tódolos preceptivos», e volve demandar «que se complete a tramitación deste expediente e sexa remitido con urxencia para o seu debate e votación no Pleno»
  • «A Lei di que, cando se presenta unha iniciativa como esta, os servizos municipais teñen un prazo de 10 días para emitir os informes oportunos, aos que se lles sumaría posteriormente un prazo duns 30 días máis para pechar todo o expediente e poder elevalo ao Pleno. Coidamos que xa pasou un tempo máis que prudencial para que os informes estean listos -sinala Iván Puentes- e non comprendemos demasiado ben os motivos destas dilacións na tramitación. Queremos coñecer polo miúdo en que mesa e en que estado se atopa o expediente»

Pontevedra, 28 de marzo de 2024.- O portavoz do PSOE, Iván Puentes, vén de rexistrar unha solicitude formal de acceso (a través do programa de xestión interno Cívidas) ao expediente completo de tramitación da proposición normativa impulsada polo seu partido para modificar a Ordenanza Municipal Reguladora da Venda Ambulante e establecer a Alameda como espazo regular de celebración da feira dos sábados. O socialista pide «poder comprobar e coñecer o contido dos informes elaborados ata a data, así coma o dos que se vaian emitindo a partir de agora, no caso de que aínda non conte con tódolos preceptivos» e volve demandar «que se complete a tramitación deste expediente e sexa remitido con urxencia, á maior brevidade, para o seu debate e votación polo Pleno da Corporación».

Tal e como lembra no seu escrito de solicitude, Puentes rexistrou a proposición normativa ante o Rexistro plenario o día 14 de agosto de 2023 e «transcorridos máis de 7 meses e superados tódolos prazos legais previstos para a emisión dos correspondentes informes, o asunto non foi aínda remitido para o seu debate e votación en Comisión e Pleno». «A Lei di que, cando se presenta unha iniciativa como esta, os servizos municipais teñen un prazo de 10 días para emitir os informes oportunos, aos que se lles sumaría posteriormente un prazo duns 30 días máis para pechar todo o expediente e poder elevalo a debate e votación no Pleno. Coidamos que xa pasou un tempo máis que prudencial para que os informes estean elaborados -asegura o líder socialista- e non comprendemos demasiado ben os motivos destas dilacións na tramitación da nosa proposición, polo que queremos coñecer polo miúdo en que mesa e en que estado se atopa o expediente».

Ao seu entender, «pasou un tempo o suficientemente amplo para que desde o Partido Socialista empecemos xa a pensar que o que hai detrás deste atraso non é un trámite administrativo ordinario, senón unha estratexia deliberada do BNG e do Goberno Local para dilatar artificialmente no tempo o debate dunha iniciativa que sabemos que non comparten, pero que teñen a obriga legal de someter á consideración e votación do Pleno, que é quen ten a competencia de decidir sobre a Ordenanza de Venda Ambulante e, polo tanto, sobre onde se ubica a feira dos sábados».

A proposta do PSOE insta á Corporación Municipal a modificar o artigo 5 da Ordenanza Reguladora da Venda Ambulante, plantexando unha nova redacción na que se enuncie que «O Concello establece como zonas para o exercicio da venda na vía pública e espazos abertos os seguintes: Alameda de Pontevedra, con 340 postos. Nos días nos que a Alameda estea ocupada polas festas de verán ou outro tipo de actividades, será autorizado como alternativo o espazo comprendido entre a Praza de Galicia e as rúas Augusto García Sánchez, Alcalde Hevia e Iglesias Vilarelle (Praza da Constitución, Campolongo); e Praza da Praia de Estribela, con 125 postos. Fóra das rúas e espazos sinalados queda terminante prohibida a venda ambulante, salvo as autorizacións expresas concedidas ao amparo do disposto nesta ordenanza».

Segundo apunta Iván Puentes, a tramitación desta proposición normativa foi posta en marcha «a raíz dos informes que a Secretaría do Pleno emitiu en relación á nosa moción inicial, presentada o 3 de agosto de 2023, uns informes que matizaban o trámite formal, non o contido, que esta iniciativa debe cumprir, é dicir, establecendo a vía dunha modificación da futura ordenanza, unha vez que esta entre en vigor, e mentres isto non se produce, modificando o texto da actual ordenanza (aprobada en 1997) a fin de non dilatar de xeito indefinido unha medida que, cada día que se atrasa, provoca perdas económicas para os vendedores/as ambulantes e para todo o comercio e hostalería local».

A aposta do PSOE polo traslado da feira ambulante ao centro da cidade conta cun amplísimo respaldo social, non soamente dos vendedores ambulantes, senón tamén da maioría da cidadanía e das asociacións empresariais, polo que significa de revitalización da economía, do pequeno comercio e da hostalería nas zonas onde se ubican os mercadillos (de aí que na maioría das cidades se celebren no centro das cidades). Puentes subliña «o rotundo éxito de vendas, público e sinerxías con todo o comercio e a hostalería que supuxeron os tests que se fixeron durante o pasado mandato nun emprazamento, o da Alameda, ao que se chegou tralo estudo doutros por parte da concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, como a rúa Serra, Arcebispo Malvar ou, incluso algúns xa testados noutras ocasións con notable éxito, como  Campolongo (rexeitado naquel momento pola presenza de obras no contorno)».

O portavoz socialista sostén que «por máis obstinación, demoras, bloqueos e voltas que o BNG lle queira dar a este tema, mesmo con capítulos tan bochornosos como ese conato frustrado de traslado dos vendedores ambulantes á avenida de Bos Aires, o Pleno ten competencias para aprobar proposicións normativas que impliquen a modificación de determinadas ordenanzas, e o traslado definitivo da feira á Alameda é un asunto no que existe tanto consenso social como maioría política, plenaria, para levalo a cabo». «Foi un compromiso firme do PSOE -insiste-, e vai suceder, antes ou despois».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes