Iván Puentes reivindica a restauración paisaxística e ambiental da Tablada como «un ensaio paradigmático do que está por vir» e insta ao Goberno Local «a deixarse de dilacións» e a impulsar canto antes o proxecto para liberar e renaturalizar o río dos Gafos en Campolongo
- No marco dun encontro coa veciñanza celebrado na área de esparexemento que Puentes deseñou no anterior mandato entre as rúas Tablada e Rosalía de Castro, o portavoz municipal do PSOE lembrou que o Concello dispón xa de 2,3 millóns de euros concedidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e subliñou a importancia dun proxecto «que mudará o corazón urbano»: «Xa perdemos suficiente tempo cun xeotécnico tan inútil como intempestivo»
- Puentes defende que o concurso de ideas abranga un ámbito de actuación que se prolongue máis aló do tramo canalizado en Campolongo, abarcando todo o treito entre a avenida de Vigo e a desembocadura do río, permitindo o deseño dun anteproxecto integral, cun tratamento homoxéneo, «en lugar de abordar as actuacións a ‘cachiños’, de xeito individual»
Pontevedra, 22 de marzo de 2024.- Os veciños e veciñas de Pontevedra poderán desfrutar en breve da fermosa área de esparexemento que o socialista Iván Puentes deseñou durante o anterior mandato no treito do río dos Gafos que discorre entre as rúas Rosalía de Castro, Tablada e Xeneral Rubín. Os traballos executados pola empresa Covsa traducíronse nunha restauración integral a nivel paisaxístico e ambiental, co destape do afluente, a demolición da vella ponte peonil, a construción dunha espectacular pasarela metálica voadiza de trazado curvo e a creación duns bancais que permiten achegarse ata o río e desfrutar do contacto coas súas ribeiras. Unha intervención que Puentes considera «un primeiro chanzo moi satisfactorio, un ensaio paradigmático, do que significará o ambicioso proxecto para liberar e renaturalizar o Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo», entre Xeneral Rubín e Alcalde Hevia: «É un proxecto de cidade, que mudará o corazón urbano, e o Concello dispón dos cartos para darlle un impulso (Transición Ecolóxica xa garantiu 2,3 millóns de euros para o primeiro treito). Xa perdemos suficiente tempo cun xeotécnico tan inútil como intempestivo. Instamos ao Goberno Local a deixarse de dilacións, a non poñer en risco os cartos concedidos pola UE e a continuar canto antes co proxecto de restauración iniciado na Tablada».
O propio portavoz do PSOE puido estrear o novo espazo de lecer e aprezar o excelente resultado das obras, nas que se investiron arredor de 600.000 euros (financiados con cargo aos fondos Edusi da UE), no marco dun encontro con veciños deste barrio, no que tamén participaron os concelleiros Yoya Blanco, Manuel Fariña, Paloma Castro e Marcos Rey. Tal e como subliñou, «a actuación supuxo un cambio radical no único treito do Gafos que carecía de paseo e que non resultaba accesible (os demais dispoñen xa de pasarelas ou sendas peonís para pasear a carón do río), que se atopaba encaixonado entre as traseiras dos edificios e que era das máis degradadas».
«Estou francamente satisfeito -sinalou Puentes-, xa que acadamos os obxectivos de destapar e osixenar este treito, renaturalizar o leito, permitir o paseo e o acceso ao río en practicamente tódolos puntos e substituír por esta nova pasarela voada entre Rosalía de Castro e A Tablada aquela vella ponte de formigón que ocultaba o Gafos e afeaba este contorno natural. Ademais, reverdeceuse o espazo até o río con zonas de herba, pradeira e ribeira e zonas de bancais, xerando novos ámbitos de lecer e de estar e áreas de acceso e baixada que fan posible chegar ata o río e tocar a auga».
Os traballos tamén supuxeron a xeración de paseos perpendiculares ao longo da canle, o que fai posible comunicar Campolongo co paseo ata as Corvaceiras e darlle continuidade á senda que vén desde Tomeza; e a eliminación de colectores en superficie e a súa renovación como elementos soterrados. Para Iván Puentes, «fronte a esas opinións máis reluctantes co proxecto para liberar e renaturalizar o treito urbano do río dos Gafos e convertelo nun parque do tamaño de 12 campos de fútbol de Pasarón, a intervención realizada na Tablada é o exemplo paradigmático do que está por vir e a proba fehaciente da necesidade e importancia de recuperar este afluente para uso e desfrute da cidadanía».
Solicitan que o concurso de ideas estenda o ámbito de actuación cara á desembocadura do río e cara Ponte Boleira
Iván Puentes incidiu ademais na necesidade de que «o Goberno Local continúe a captar novos fondos para estender o ámbito do proxecto de renaturalización do Gafos máis aló do tramo canalizado en Campolongo». Non obstante, o portavoz socialista entende que o concurso de ideas que se convoque «debería abranguer non só ao treito que se atopa canalizado, senón tamén prolongarse cara Ponte Boleira e, de Rosalía de Castro cara abaixo, cara á desembocadura do río no barrio de San Roque». «Unha petición que nos fixeron os propios veciños -apuntou Puentes- e que, de feito, era a proposta que nós tiñamos desde un primeiro momento para a convocatoria do concurso de ideas, coa aspiración de que, en lugar de abordar cada tramo de xeito individual, a ‘cachiños’, dese concurso saíse un anteproxecto integral, homoxéneo, que abarque todo o treito entre a avenida de Vigo e a desembocadura».




Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS