O PSOE propón a creación dunha gran praza pública do tamaño da Alameda no espazo que hoxe ocupan os edificios anexos do Hospital Provincial e dunha zona verde equivalente a tres prazas da Ferrería nos xardíns do antigo asilo de anciáns de Loureiro Crespo
- Os socialistas de Pontevedra enmarcan estas propostas no desenvolvemento dunha moción que levarán ao vindeiro Pleno para lograr que se destine o asilo a residencia universitaria e que a Xunta garanta o uso sanitario do edificio histórico do Hospital Provincial
- A moción presentada polo socialista Iván Puentes insta á Xunta e ao Goberno Local a colaborar coa Universidade de Vigo para formalizar un acordo que permita a adquisición e rehabilitación da vella Residencia Virxe do Camiño; e tamén exhorta á Administración autonómica a crear, antes do remate das obras do Gran Montecelo, unha mesa de traballo con axentes sociais e concellos da Área Sanitaria para definir o Plan de Usos Sanitarios do Hospital Provincial
- Puentes agarda que «o PP saiba estar á altura das circunstancias e poñer por enriba dos seus intereses de partido os intereses da veciñanza, e que Rafa Domínguez e o seu partido non sirvan, unha vez máis, de ferramenta útil da Xunta de Galicia para desculpar un novo desmantelamento dun equipamento sanitario e para restarlle calidade á nosa atención sanitaria»
Pontevedra, 11 de marzo de 2024.- Un dos principais compromisos recollidos no programa electoral co que Iván Puentes se presentou ás eleccións de 2023 (recollido entre as 28 medidas prioritarias) defendía o mantemento dos usos sanitarios do Hospital Provincial, coa finalidade de dotalo, entre outras posibilidades, dun servizo de urxencias extrahospitalarias, unha unidade de saúde mental comunitaria, un servizo de rehabilitación, un centro de orientación familiar, camas para atención de enfermos crónicos ou hospital de día para persoas dependentes. En paralelo a esta aspiración, o portavoz municipal do PSOE tamén plantexou durante a campaña outra proposta consistente en destinar o antigo asilo de anciáns de Loureiro Crespo a residencia universitaria para dar servizo ao alumnado do Campus de Pontevedra.
Nun contexto no que se acaba de coñecer o interese amosado por José Luis García de Sáez Borbón-Dos Sicilias, primo do rei emérito Juan Carlos I, precisamente en converter a vella Residencia Virxe do Camiño en residencia de estudantes (unha idea que contaría ademais co aval dos informes técnicos municipais), o Grupo Municipal do PSOE quere darlle un novo impulso ás ámbolos seus proxectos a través dunha moción que será levada ao vindeiro Pleno ordinario (previsto para o luns 18 de marzo). En concreto, a iniciativa asinada e rexistrada polo propio Puentes e mailo concelleiro Manuel Fariña propón instar Goberno Local e á Xunta de Galicia a colaborar coa Universidade de Vigo na formalización dun acordo que permita a adquisición do antigo asilo, de cara a rehabilitalo e transformalo en residencia universitaria; ademais, exhórtase á Xunta a garantir o uso sanitario do Hospital Provincial trala entrada en funcionamento do Gran Montecelo, e a crear, antes do remate das súas obras, unha mesa de traballo co obxectivo de definir e acordar o Plan de Usos Sanitarios do Provincial (nela estarían presentes os sindicatos, as asociacións profesionais máis representativas do sector e os concellos da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés).
A moción foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Concello nunha comparecencia na que o líder do PSOE estivo acompañado polas concelleiras Yoya Blanco e Paloma Castro. Tal e como salientou Iván Puentes, «unha boa parte dos máis de 4.000 alumnos e alumnas do Campus Crea non só estudan en Pontevedra, senón que tamén viven na nosa cidade, pero existe unha eiva histórica que impide fixar aínda máis poboación universitaria: a falta dunha residencia pública de estudantes, un problema agravado tralo peche, hai anos, dunha das dúas residencias privadas que existían».
«A Universidade de Vigo -relatou Puentes- leva anos explorando diversas alternativas de emprazamento que finalmente nunca se materializaron. En plena precampaña das eleccións municipais de 2023, o PP e a Xunta de Galicia, desoíndo á cidadanía e aos profesionais da sanidade pública, anunciaron a súa intención de desmantelar o Hospital Provincial como centro sanitario, coa escusa de destinalo a residencia universitaria; unha intención que foi ratificada nas recentes eleccións autonómicas polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e en diversas ocasións entre ámbalas citas electorais, sempre coa complicidade do PP local».
Unha proposición apoiada en 2017 pola sinatura de 11.039 pontevedreses e pontevedresas
Na súa opinión, «Pontevedra precisa de ámbolos equipamentos, unha residencia que dea resposta á demanda de aloxamento da nosa poboación universitaria, e tamén dunha máis completa atención sanitaria», que trala entrada en funcionamento do novo Hospital de Montecelo e o traslado de parte dos servizos que actualmente se prestan no Hospital Provincial, «atopa neste edificio, destinado a usos sanitarios desde a súa orixe, o mellor emprazamento para, por exemplo, crear un servizo de urxencias extrahospitalario, unha unidade de saúde mental comunitaria, un novo centro de atención primaria, un servizo de rehabilitación, un centro de orientación familiar, un centro de atención integral a drogodependentes, camas para atención de enfermos crónicos, hospital de día para persoas dependentes, así como outros de nova creación que sexan precisos para unha atención de calidade».
«Unha proposta que se basea na lóxica máis elemental e que resposta a aquilo que nos demandan os profesionais sanitarios e o conxunto da sociedade, seguindo a liña do xa demandado pola plataforma SOS Sanidade Pública, e pola proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, para a creación do hospital público e único de Pontevedra mediante a ampliación do Hospital Montecelo, apoiada en 2017 pola sinatura de 11.039 pontevedreses e pontevedresas», lembrou.
Para o socialista, manter o Hospital Provincial para usos sanitarios «é perfectamente compatible coa creación en Pontevedra da demandada residencia universitaria, que tería no antigo asilo de anciáns da rúa Loureiro Crespo un emprazamento máis acaído que o pretendido polo PP e a Xunta». Segundo constatou Iván Puentes, «trátase dun edificio mellor adaptado a este uso, cunha ampla zona verde e que, en base ao recente informe da Oficina Técnica de Licenzas e Inspección ao respecto, resulta tamén viable desde o punto de vista urbanístico».
O impulso das propostas defendidas polo PSOE nesta moción levaría aparellado o desenvolvemento de enormes espazos públicos gañados para tódolos pontevedreses e pontevedresas no centro da cidade. Así, como expuxo Iván Puentes, a rehabilitación do antigo asilo como residencia universitaria permitiría tamén abrir os seus xardíns ao uso público, «contando cunha zona verde duns 6.700 metros cadrados de superficie, o equivalente a máis de tres prazas da Ferrería, cara á rúa da Estrada».
Ademais, Puentes precisou que o mantemento dos usos sanitarios do Provincial «é perfectamente compatible coa dotación de novas instalacións para acoller a Facultade de Enfermaría nun dos inmobles do Hospital», e cun proxecto de rehabilitación patrimonial de todo o conxunto. Deste xeito, o portavoz socialista suxire que a mesa de traballo que se conforme para estudar as necesidades de uso «sirva tamén para determinar o futuro dos bloques anexos ao edificio histórico, prescindindo daqueles que sexan innecesarios». «Isto faría posible gañar até 10.800 metros cadrados para a creación dunha gran praza pública no contorno do Hospital, entre Joaquín Costa e Loureiro Crespo, é dicir, unha enorme praza que practicamente tería o tamaño do parque da Alameda», asegurou.
«Ou gaña Pontevedra ou gaña a escusa do PP para desmantelar o Hospital Provincial coa complicidade de Rafa Domínguez»
Puentes agarda que a moción do PSOE poida aprobarse por unanimidade na vindeira sesión plenaria, de xeito que o acordo sexa remitido posteriormente á Universidade de Vigo, aos grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia e ás consellerías de Sanidade e de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Non obstante, a proposición socialista xa recibiu o voto en contra do PP na Comisión de Benestar Social do Concello.
«Gustaríanos que, nun asunto no que estamos a falar de servizos tan básicos como a atención sanitaria e da mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Pontevedra, o PP saiba estar á altura das circunstancias e poñer por enriba dos seus intereses de partido os intereses da veciñanza -afirmou-, e que Rafa Domínguez e o seu partido non sirvan, unha vez máis, de ferramenta útil da Xunta de Galicia para desculpar un novo desmantelamento dun equipamento sanitario e para restarlle calidade á nosa atención sanitaria. Ou gaña Pontevedra ou gaña a escusa do PP para desmantelar o Hospital Provincial coa complicidade de Rafa Domínguez».
O líder do PSOE avanzou que, unha vez que se constitúa o Parlamento Galego, esta moción será tamén obxecto dunha iniciativa parlamentaria por parte da deputada socialista Paloma Castro, «instando á Xunta de Galicia a acometer estas actuacións nos mesmos termos que agardemos que o Pleno do Concello de Pontevedra o faga».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS