Os socialistas manifestan o seu «absoluto abraio e preocupación» ante a inexplicable saída de Pontevedra do Circuíto de Carreiras Ponle Freno 2024
- O portavoz municipal do PSdeG, Iván Puentes, considera «incomprensible a desidia amosada polo Goberno Local cun evento deportivo que, ademais de ser unha das ‘clásicas’ máis agardadas e aprezadas do calendario de carreiras populares de Pontevedra (en 2023 tivo 1.300 participantes), representa como poucos os valores do noso modelo de cidade»: «Lores mesmo recolleu o pasado ano unha mención honorífica dos Premios Ponle Freno como pioneiro da mobilidade urbana moderna»
- Puentes lembra que o Concello levaba colaborando nesta plataforma de acción social impulsada por Atresmedia e a Fundación Axa, «a máis importante de España a nivel de compromiso coa seguridade vial», desde o 2017, «participando nas cinco edicións anteriores e cunha pandemia de por medio»
Pontevedra, 5 de marzo de 2024.- O nome de Pontevedra non se atopa este ano entre as urbes propostas para inscribirse no Circuíto de Carreiras Ponle Freno, unha das plataformas de acción social máis importantes de España no eido da seguridade vial (https://compromiso.atresmedia.com/ponlefreno/carreras-ponle-freno/2024/). A pesar do enorme e repetido interese amosado polo grupo Atresmedia e a Fundación Axa para estender a súa colaboración co Concello capitalino e de que a nosa cidade si figuraba inicialmente no merchandising deseñado, ningún representante do Concello asistiu ao acto de presentación celebrado en Madrid o pasado 6 de febreiro e os organizadores víronse obrigados a excluír a Pontevedra do Circuíto Ponle Freno 2024… «Nun novo episodio do ‘ghosting’ institucional que está a caracterizar este mandato -denuncia o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes-, semella que o Goberno Local tomou a decisión de saír do Circuíto sen ningún tipo de comunicación formal ou de explicación ao respecto dun cambio de opinión. Un plantón que ademais, segundo nos consta, xerou importantes problemas á organización, que xa tiña toda a axenda, estratexia de comunicación e compromisos comerciais programados coa participación de Pontevedra».
Aínda que o prazo para a presentación de cidades candidatas xa está pechado, Puentes agarda que esta situación se poida subsanar e «sexa simplemente o resultado da errática xestión á que nos teñen acostumados e que levou a suspender o ano pasado os certames Pontedetapas e Pontealmorzo ou que estivo detrás do atraso da instalación das luces de Nadal en 2022». «Esperamos -sinala- que non se trate dunha decisión política como a de ser o único concello de España que entende que Fitur non é un dos máis importantes escaparates turísticos do mundo».
En todo caso, o portavoz socialista considera «incomprensible a desidia amosada polo Goberno Local cun evento deportivo que, ademais de ser unha das ‘clásicas’ máis agardadas e aprezadas do calendario de carreiras populares de Pontevedra (en 2023 acadou a cifra récord de 1.300 participantes), representa como poucos os valores do noso modelo de cidade». Non obstante, «Lores mesmo recolleu en persoa no Senado o ano pasado, na cerimonia de entrega dos Premios Ponle Freno, unha mención honorífica como pioneiro da mobilidade urbana moderna».
Iván Puentes manifesta o seu «absoluto abraio e preocupación» ante a inexplicable saída de Pontevedra do Circuíto de Carreiras Ponle Freno 2024, unha plataforma de acción social, «a máis importante de España a nivel de compromiso coa seguridade vial», coa que o Concello levaba colaborando desde o 2017, «participando nas cinco edicións anteriores e cunha pandemia de por medio (os cidadáns volcáronse en 2021 nunha carreira virtual sincronizada)» e contribuíndo a importantes doazóns económicas en investigación e innovación para a prevención de accidentes.
Tal e como apunta, «Pontevedra é agora mesmo a única das sedes ‘matriz’ do Circuíto que quedou fóra do calendario de inscricións: estarán Badalona (17 de marzo), Palma de Mallorca (21 de abril), Zaragoza (12 de maio), Málaga (1 de xuño), Valencia (15 de xuño), Vitoria (21 de setembro), Santander (29 de setembro), Madrid (17 de novembro) e Las Palmas de Gran Canaria (22 de decembro)… Pero, de xeito inxustificable, Pontevedra non». «Trátase dun tipo de proba para cuxa organización o Servizo Municipal de Deportes xa está máis que rodado e coordinado con Atresmedia, polo que a estas alturas, a súa celebración non debería provocar demasiadas dificultades loxísticas, máis aínda se temos en conta que o noso Concello xa acolleu incluso unha carreira nocturna. Semella un novo caso de deixadez por parte do Goberno Local. Agardemos que rectifiquen, se é que están a tempo de facelo, e que, por puro decoro, non volvan invocar por enésima vez o comodín do orzamento».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS