Iván Puentes recoméndalle ao alcalde que «elixa o camiño correcto» coa ministra Teresa Ribera, aposte polos «proxectos viables e pactados con Costas» da estratexia Pontevedra Flúe e «non frustre un investimento histórico de 25 millóns de € na nosa cidade»
- O portavoz municipal do PSOE asegura que a entrevista que Lores manterá coa máxima responsable do Ministerio para a Transición Ecolóxica «amosa que o noso partido non mentía e que realmente existe unha incuestionable vontade de investir», e agarda que o rexedor nacionalista «non continúe ‘turrando’ por un camiño que leva 20 encallando nas pedras e que vai en contra de tódalas políticas comunitarias e estatais: desafectar terreos e presentar proxectos non compatibles cos usos permitidos na Lei de Costas»
Pontevedra, 6 de febreiro de 2024.- O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, considera que, despois de oito meses reclamándolle ao alcalde o impulso da estratexia Pontevedra Flúe e dunha forte campaña de descrédito orquestrada polo BNG, a entrevista que Lores manterá coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, «amosa que o noso partido non mentía e que realmente existe unha incuestionable vontade de investir na nosa cidade». O líder socialista agarda que Fernández Lores exprese agora a mesma vontade de colaboración e recoméndalle que, no seu encontro con Ribera, «elixa o camiño correcto», aposte polos «proxectos viables e pactados con Costas» que recolle o plan Pontevedra Flúe e «non frustre un investimento histórico de 25 millóns de euros».
Nunha comparecencia na que estivo acompañado polos outros concelleiros do Grupo Municipal do PSOE (Yoya Blanco, Manuel Fariña, Paloma Castro e Marcos Rey), Puentes celebrou «a excelente e extraordinaria noticia que coñecemos nas últimas horas: que a ministra, como sabiamos que faría e como non cabía esperar doutro xeito, está disposta a recibir ao Concello para falar de tódolos proxectos contemplados dentro da estratexia Pontevedra Flúe; e que o alcalde, por fin, oito meses despois, anuncie que irá a Madrid a explorar esta vía de investimento en Pontevedra».
«Nas ocasións nas que lle pedín ao alcalde que pedira cita coa ministra, e mesmo que fosemos xuntos a Madrid se non confiaba na miña palabra, a resposta foi sempre negativa -subliñou-, mesmo con cuestionamentos sobre a autoridade de quen ten ou non ten a Alcaldía, que desgraciadamente aínda vimos nas súas declaracións públicas de onte… Non nos demos por rendidos e, xa que Lores non ía a Madrid, trouxemos a ministra a Pontevedra para que, alto, claro e sen ningún tipo de dúbidas, aclarase que existe o plan Pontevedra Flúe, que ten seis proxectos contemplados para executar nesta cidade en terreos que son propiedade de Costas e que o Ministerio ten vontade de executalos e os cartos para poder facelo. Só queda que o Goberno Local cumpra coa súa parte, que é redactar e remitirlle ao Ministerio os proxectos de execución material comprometidos no anterior mandato».
Tal e como lembrou Iván Puentes, «as actuacións previstas suman uns 25 millóns de euros, dos que 7,8 se destinarían á renaturalización, restauración e adaptación ao cambio climático das ribeiras do Lérez (entre as pontes das Correntes e os Tirantes); 3,6 millóns a recuperar o primeiro treito da Xunqueira de Alba, no contorno dos terreos liberados pola Deputación Provincial; 8,6 á renovación das confluencias entre os ríos Rons e Lérez (até o parque de Bombeiros), e 1,2 á renaturalización da parte máis interior da marisma da Xunqueira (da Ponte das Cabras cara arriba)». Puentes precisou que «en todos estes proxectos, o Concello só achegaría os trámites e proxectos necesarios para poder facer as obras e o Ministerio para a Transición Ecolóxica encargaríase da execución, contratación e licitación». «Pero hai ademais outras dúas actuacións nas que Costas -engadiu- está disposta a facer absolutamente todo, tanto a contratación como a execución: 2,5 millóns para a rexeneración integral da Xunqueira de Alba e uns 500.000 euros para a recuperación da parcela do antigo campo de fútbol de Ponte Sampaio».
Para Iván Puentes, «oito meses despois de que se tentasen sementar dúbidas sobre a veracidade das afirmacións do PSOE e sobre a calidade dos traballos e xestións levadas a cabo, a verdade saíu a luz: hai un Ministerio disposto a investir e o que toca agora é que o alcalde e o Concello movan ficha, que agardo que sexa o que se produza nesa reunión prevista para o día 21 de febreiro en Madrid». Non obstante, Puentes está convencido de que o resultado deste encontro dependerá moito «da vontade coa que se vaia», xa que «todos estamos de acordo en recuperar eses terreos, pero o problema está en que queremos facer neles e en como os queremos recuperar».
Unha cuestión de vontade, as dúas vías existentes
«E aquí hai dúas vías -advertiu-: unha que leva encallando nas pedras 20 anos, que é a que o BNG e o Goberno Local tentaron poñer en marcha de xeito infrutuoso e que pasaba pola desafectación dos tereos de Costas, a cesión deses terreos ao Concello e que logo fora o Concello o que actuase neles. Esa vía, non é xa que os últimos 20 anos amosaran que resulta imposible, senón que cada vez é menos posible. Toda a lexislación europea e estatal modificouse notablemente nunha única dirección, que é a de protexer aínda máis os terreos que son de Costas e sobre todo, no caso das desafectacións, limitalas á mínima expresión. Un pode buscar exemplos no resto de España. Desde hai anos, o Ministerio de Medio Ambiente, igual que fan o resto de gobernos europeos seguindo directrices da UE e aplicando a Lei de Transición Ecolóxica en España, non está a desafectar practicamente nin un só metro cadrado de costa. A tendencia é a protexer e recuperar eses terreos de Costas. En Cataluña incluso se están a desfacer paseos marítimos que se fixeran para loitar contra os efectos do cambio climáticos en terreos gañados ao mar».
Ao seu xeito de entender, «plantexar desafectar hoxe terreos de Costas para seguir ocupando eses terreos non é o que corresponde se de verdade cremos en loitar contra o cambio climático, pero sobre todo é un imposible, porque nunca haberá unha administración que pase por iso, que significa contradicir tódalas directrices e tendencias europeas, españolas e do mundo occidental no que atinxe a protección da costa e loita contra o cambio climático». «Esta vía é a que fixo que o río Lérez ou as parcelas de Mollabao e Ponte Sampaio continúen practicamente como estaban hai 20 anos», afirmou.
A este camiño, Iván Puentes contrapón outra vía, que «é a que o PSOE amosou no anterior mandato que era posible» e que pasa por «recuperar eses terreos proxectando neles actuacións que sexan compatibles coa lexislación actual e as recomendacións da UE e o Ministerio para a Transición Ecolóxica». «En definitiva, actuacións que, quen ten capacidade para decidir que proxectos se fan e cales non se fan, que é o Ministerio, propietario deses terreos de Costas, considere que son asumibles. As actuacións contempladas na estratexia Pontevedra Flúe non son ocorrencias do Concello, senón proxectos que desde o primeiro momento foron consensuadas, faladas, pulidas e modificadas de acordo co Ministerio e co Servizo Provincial de Costas. Polo tanto, cando as presentamos e as sacamos á luz, tiñamos xa asegurado o beneplácito do Ministerio», salientou.
Na súa opinión, «á marxe de egos e de recalcar quen é o alcalde e quen está na oposición, «o que ten que ir facer o alcalde a Madrid é desbloquear isto e permitir que veñan para Pontevedra 25 millóns de euros e se poidan executar dunha vez estes proxectos que porán en valor a nosa costa e o noso río e transformarán de xeito radical o contorno urbano da cidade». «Debe ir a Madrid -subliñou- con plantexamentos realistas, que xa están moi evolucionados dentro da estratexia Pontevedra Flúe. Para nós o máis importante é que se poida realizar este investimento histórico e, por iso, temos a nosa man absolutamente tendida ao Goberno Local e ao alcalde para facelo posible».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS