O PSOE demanda unha achega extraordinaria nos orzamentos de 2024 para un plan de choque en pistas do rural pontevedrés que carecen de asfalto e presentan problemas de acceso a vivendas
- Tras detectar problemas de acceso a vivendas en Mourente, Bora, Verducido, Lérez, Cerponzóns e Santa María e San Andrés de Xeve, os socialistas Iván Puentes e Marcos Rey demandan a elaboración dun inventario de camiños parroquiais de titularidade municipal que comuniquen con vivendas e carezan dun pavimento en condicións, así como unha relación do estado de conservación desas vías, de xeito que se poidan priorizar os investimentos e actuacións
- Rey anuncia que a proposta socialista será rexistrada como moción para o seu debate e aprobación no Pleno e Puentes subliña que un dos principais obxectivos é «acadar a transparencia nas decisións que se adopten para asfaltar cada un deses camiños e para realizar os labores de mantemento anuais: que os veciños e veciñas que viven en cada zona saiban cando lle vai tocar ao seu camiño en función dunha serie de criterios públicos e obxectivos»
Pontevedra, 2 de novembro de 2023.- Nun contexto no que se están deseñar as contas municipais para 2024 e no que está a piques de caducar o contrato de conservación e mantemento de vías públicas, o Grupo Municipal do PSOE levará a Pleno para o seu debate e aprobación unha moción na que demanda que se inclúa nos orzamentos unha achega extraordinaria que permita desenvolver un plan de choque de asfaltado e mantemento en pistas do rural pontevedrés que carecen de pavimento e presentan problemas de acceso a vivendas. Unha problemática que precisa dunha intervención urxente, que se dá en maior ou menor medida nas 15 parroquias de Pontevedra, que se agudizou cos temporais de choiva e vento das últimas semanas e que os socialistas puideron comprobar tras unha quenda de visitas a camiños e vías de Mourente, Bora, Verducido, Lérez, San Vicente de Cerponzóns e Santa María e San Andrés de Xeve.
A lamentable situación na que se atopan diversas pistas foi denunciada esta mañá no Concello polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e o concelleiro Marcos Rey, responsable socialista da área do Rural, nunha comparecencia na que achegaron diverso material fotográfico e videográfico que evidencia as dificultades que padecen os veciños para ir cada día ás súas casas. A proposta do Partido Socialista tamén demanda que o Concello elabore un inventario de camiños parroquiais de titularidade municipal que comuniquen con vivendas e carezan dun pavimento en condicións, así como unha relación do estado de conservación desas vías, de xeito que se poidan priorizar os investimentos e actuacións.
Tal e como explicou Iván Puentes, un dos principais obxectivos desta proposta é «acadar a transparencia nas decisións que se adopten para asfaltar cada un deses camiños e para realizar os labores de mantemento anuais ou periódicas, é dicir, que os veciños e veciñas que viven en cada zona saiban cando lle vai tocar ao seu camiño en función dunha serie de criterios públicos e obxectivos». «Obviamente, non se pode facer todo ao mesmo tempo e é algo que xa facemos noutras áreas do Concello», indicou o voceiro socialista.
Para o concelleiro Marcos Rey, «non é necesario dar demasiadas voltas polo rural pontevedrés para percatarse do abandono na que se atopa», pero «despois de manter algunhas reunións sobre o terreo con algúns veciños que nos chamaron, detectamos situacións tremendamente lamentables: falamos de xente que pasa calamidades para poder acceder ás súas vivendas ou que directamente non poden acceder a elas en camiños de titularidade municipal que están sen asfaltar, cheos de lameiras e nos que resulta imposible meter un coche». «Por exemplo, Javi, un veciño de Bora que ten unha empresa de distribución de auga, carece dun acceso en condicións á súa vivenda e ten que deixar a furgoneta fóra porque lle é imposible acceder (problema explicado no vídeo). Tamén está o caso dunha muller de 83 anos da parroquia de Lérez que ten que coller o taxi para baixar á cidade a 100 metros da súa vivenda, xa que o taxista non pode acceder a través do camiño e, ao regresar, a ten que deixar no mesmo punto de recollida… Esas son as situacións que nos atopamos en tódalas parroquias que visitamos», narrou Rey.
O concelleiro socialista lembrou que «é algo básico que os veciños do rural poidan acceder ás súas vivendas en condicións dignas» e que o artigo 26 da Lei 7/1985 (Reguladora das Bases do Réxime Local) establece que «o Concello ten a obriga de ter asfaltados, arranxados e adecentados os camiños públicos».
«Non podemos vender o maior orzamento da historia de Pontevedra e que, ao mesmo tempo, existan veciños que carecen dos servizos máis básicos»
En opinión de Iván Puentes, «está moi ben por parte do BNG dicir que este vai ser o mandato do rural, pero iso hai que amosalo con feitos e investimentos, e realmente non podemos vender por unha banda o maior orzamento da historia de Pontevedra e que, ao mesmo tempo, siga habendo veciños e veciñas do noso concello que carecen dos servizos máis básicos de acceso ás súas vivendas, o abastecemento ou a auga potable». Segundo apuntou, o primeiro dos puntos da moción socialista instará ao Goberno Local a elaborar un inventario de camiños de titularidade municipal que carezan de asfalto, e polo tanto dun acceso rodado en condicións ás vivendas que teñan no seu contorno». «Isto pode parecer de perogrullo -matizou Puentes-, pero o certo é que o Concello de Pontevedra non ten un catálogo actualizado de bens municipais, xa non só de camiños, senón de nada… Cando menos deberiamos ter clasificados que camiños son de titularidade municipal, en que condicións están cada un deles e, sobre todo, dispoñer dun inventario daqueles que carecen de asfalto, de pavimento, para acceder a vivendas».
O portavoz do PSOE avanzou que o segundo punto da proposta pedirá que se faga «unha prelación do estado dos camiños do rural que son de titularidade municipal», permitindo establecer «en que estado temos cada unha desas pistas que acceden aos diferentes núcleos de poboación e, en función diso, priorizar os investimentos que se dirixen ao mantemento deses camiños». «Isto é simplemente levar o criterio de transparencia ás decisións que se adopten por parte das concellerías de Medio Rural ou de Obras para asfaltar os camiños e realizar os traballos periódicos de mantemento… Que os veciños e veciñas que viven en cada zona saiban cando lle vai tocar ao seu camiño en función dunha serie de criterios públicos e obxectivos».
E dado que nos atopamos en fase de elaboración orzamentaria, a moción do PSOE tamén esixirá que este ano se dote o orzamento dunha achega extraordinaria (a cifra concreta será determinada cos datos das contas na man) para poder desenvolver un primeiro plan de choque coas actuacións máis urxentes. «Deste xeito, iniciaríamos ese novo tempo dunha dinámica -asegurou Iván Puentes- de mantemento regular, transparente e organizado das infraestruturas viarias das nosas parroquias. A solicitude coincide ben este ano ademais, posto que imos ter que renovar o contrato de mantemento de vías públicas no rural e polo tanto, alíñanse os factores para facer realidade esta proposta e atender as necesidades dos nosos veciños e veciñas».






















Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS