A Executiva da Agrupación Socialista de Pontevedra condena os atentados terroristas de Hamás e os asasinatos e actos de violencia contra a poboación civil de Palestina
- Tal e como sinala a secretaria xeral, Maica Larriba, o posicionamento do partido respalda a liña xa expresada polo Grupo Municipal do PSOE, «esixindo que se garanta o acceso da axuda humanitaria a Gaza e a protección dos civís en todo momento»
Pontevedra, 20 de outubro de 2023.- Ante a cruenta escalada bélica que se está a producir en Oriente Medio, a Executiva da Agrupación Socialista de Pontevedra quere expresar a súa máis rotunda condena «tanto dos ataques terroristas cometidos por Hamás contra Israel como dos asasinatos e actos de violencia perpetrados contra a poboación civil de Palestina». O posicionamento do PSOE pontevedrés refrenda deste xeito a liña xa expresada polo Grupo Municipal con respecto a este preocupante conflito.
Tal e como sinala a secretaria xeral Maica Larriba, «a nosa postura coincide coa do Goberno de España, na defensa de que a Unión Europea manteña as axudas de carácter humanitario ao pobo palestino e de que se garanta o acceso ás mesmas na franxa de Gaza e a protección dos civís en todo momento». Para os socialistas, que abordaron a preocupante situación nunha asemblea ordinaria celebrada onte na Residencia de Estudantes Afundación, «resulta esencial que a UE e os seus estados membros centren os seus esforzos en atender a crise humanitaria e en impedir unha escalada que estenda o conflito ao resto da rexión».
A Agrupación Socialista esixe a liberación inmediata de todos os reféns en poder de Hamás, ao tempo que considera que o dereito de Israel a defenderse debe respectar en todo momento o Dereito Internacional e o Dereito Internacional Humanitario. Maica Larriba destaca o enorme compromiso do Goberno de España coa resolución deste conflito, lembrando que a cooperación española achegará máis de 4 millóns de euros adicionais a Palestina de aquí a fin de ano (en 2023 acadaranse os 21,5 millóns, entre cooperación e axuda humanitaria).
«O diálogo -asegura Larriba- é a única vía para frear a violencia, solucionar un conflito que leva enquistado durante décadas e edificar as bases para unha paz duradeira».

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS