O PSOE emenda a moción do PP contra os ataques terroristas de Hamás cunha adición na que tamén se solicita a condena expresa dos asasinatos e actos de violencia perpetrados contra a poboación civil de Palestina
- Os socialistas comparten o contido expresado na proposta ‘popular’, pero consideran necesario que se inclúa un rexeitamento expreso aos ataques e accións de asedio (cortes de auga, alimentos e subministración eléctrica) contra os civís que habitan na franxa de Gaza
Pontevedra, 19 de outubro de 2023.- O Grupo de Municipal do PSOE vén de rexistrar unha emenda de adición á moción do PP na que se insta ao Pleno do Concello a condenar os ataques terroristas de Hamás contra Israel e ao Goberno de España a que defenda que a UE manteña as axudas de carácter humanitario dirixidas ao pobo palestino, garantindo que ningún financiamento remate dando soporte a organizacións terroristas. Os socialistas respaldan o contido expresado na proposta ‘popular’, pero consideran necesario que se engada un novo punto no que se inclúa un rexeitamento expreso aos ataques e accións de asedio (cortes de auga, alimentos e subministración eléctrica) contra os dous millóns de civís que habitan na franxa de Gaza.
En concreto, a emenda de adición asinada polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, plantexa que a moción definitiva que se leve a Pleno incorpore, ademais da condena aos atentados de Hamás e o mantemento da axuda humanitaria, un punto coa seguinte redacción: «Condenar, do mesmo xeito, os asasinatos e actos de violencia de calquera tipo perpetrados contra a poboación civil de Palestina». Puentes confía en que os tres grupos da Corporación de Pontevedra poidan chegar a un acordo unánime «nun asunto que nos ten absolutamente consternados e preocupados e no que todos agardamos que se poida frear canto antes a escalada de violencia e se garanta a seguridade dos pobos de Israel e Palestina».


Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS