Iván Puentes acusa a Xunta e PP de discriminar a Pontevedra e ao Pontevedra CF fronte a Ferrol e ao Racing de Ferrol: «Que nos expliquen por que poden investir 2,4 millóns na Malata e non poden meter un só euro en Pasarón»
- O líder socialista tilda de «trilerismo» a proposta do conselleiro de Deportes, Diego Calvo, de «roubarlle cartos» ao convenio asinado co Concello para financiar o novo pavillón municipal de Monte Porreiro e diversas obras de saneamento e destinalos a remodelar o céspede do Estadio de Pasarón: «Se o señor Domínguez asume as súas declaracións, que nos diga a quen quere deixar sen diñeiro»
- Puentes lembra que o PSOE xa introduciu no orzamento municipal os 563.000 euros que lle corresponden ao Concello e insta ao ‘popular’ Rafa Domínguez a que a Deputación asuma a súa parte e a que a Xunta se nega a aportar, achegando os 1,1 millóns necesarios para reformar o céspede antes de que chegue o período de choivas
Pontevedra, mércores 30 de setembro de 2026.- O socialista Iván Puentes recibiu «sen demasiada sorpresa» as declaracións nas que o vicepresidente autonómico e conselleiro de Deportes, Diego Calvo, convidaba ao alcalde capitalino a quitar os cartos necesarios para remodelar o céspede do Estadio de Pasarón do acordo asinado entre a Xunta e o Concello para investir 3 millóns de euros na nosa cidade (2 millóns para o novo pavillón de Monte Porreiro e outro millón para executar diversas obras de saneamento). O líder do PSOE local tildou de «trilerismo» a proposta de Calvo de «roubarlle cartos» a estas importantes actuacións prometidas aos pontevedreses, ao tempo que acusou a Xunta e PP de «discriminar a Pontevedra e ao Pontevedra CF fronte a Ferrol e ao Racing de Ferrol»: «Que nos expliquen por que hai esta desigualdade de trato entre dous cidades con equipos na mesma categoría e por que poden investir 2,4 millóns de euros na Malata e non poden meter nin un só euro en Pasarón».
Esta «desigualdade de trato» foi denunciada hoxe por Puentes no marco dunha comparecencia que tivo lugar na Sala de Prensa do Concello e na que estivo acompañado polos concelleiros Yoya Blanco e Manuel Fariña. Tal e como sinalou, o anuncio de Diego Calvo «non colle por sorpresa», xa que «chega despois de que o PP, no Parlamento da Xunta de Galicia, tamén se manifestara en contra de realizar ese investimento (plantexado pola parlamentaria socialista Paloma Castro)».
«Ante isto, o que deben saber tódolos seareiros do Pontevedra CF que este sábado acudan ao Estado Municipal da Malata para presenciar o derbi co Racing de Ferrol, un rival directo na Primeira Federación, é que están sentando e vendo ao su equipo nunha instalación deportiva na que, nos últimos tres anos, a Xunta de Galicia leva investidos 2,4 millóns de euros para a súa renovación… Fronte aos 0 euros investidos no Estadio Municipal de Pasarón. Unha desigualdade de trato con dous cidades galegas, con dous equipos que compiten na mesma categoría e con dous estadios idénticos, de titularidade municipal», asegurou Puentes, que lle esixe á Xunta de Galicia que trate a Pontevedra e ao Pontevedra CF «exactamente igual que trata a Ferrol e ao Racing de Ferrol».

Na súa opinión, esta «desigualdade de trato» tamén se produce coa proposta que Diego Calvo lle trasladou a Miguel Anxo Fernández Lores, posto que «se poñemos de novo o foco en Ferrol, resulta que nesta cidade tamén ten a Xunta un convenio marco asinado co seu Concello para desenvolver e favorecer a práctica deportiva, cun matiz, xa que tendo menos habitantes que Pontevedra, a cantidade é o triplo que a da nosa cidade (9 millóns fronte a 3)». Asemade, á marxe dese convenio xeral que recolle cartos contemplados (1,9 millóns da Xunta) para a reparación de diversas cuestións na Malata, o Goberno autonómico e o Concello de Ferrol asinaron en 2023 para a reparación da cuberta deste estadio por importe de 550.000 euros.
«É dicir, só ese convenio específico supón a cantidade que se lle está a pedir neste momento á Xunta para renovar o terreo de xogo de Pasarón (en concreto, tocaríalle aportar 563.000 euros, un terzo dos 1,7 millóns necesarios). Polo tanto, esixímoslle a Xunta sensibilidade e igualdade de trato con esta cidade. Non lle pedimos nin máis nin menos que ser tratados exactamente nas mesmas condicións que outras cidades, clubs e instalacións deportivas de Galicia», sostén Puentes.
A proposta socialista para reclamar os 1,7 millóns de euros de financiamento foi aprobada polo Pleno en febreiro deste ano… Co voto a favor do PP
O portavoz do PSOE lembrou que, en febreiro deste mesmo ano, o Pleno da Corporación municipal aprobou por unanimidade, co voto favorable do PP de Rafa Domínguez, unha proposta dos socialistas para reclamarlles á Deputación, á Xunta e ao propio Concello que financien a partes iguais os 1,7 millóns de euros nos que está valorada a renovación integral do céspede de Pasarón. Así mesmo, a última modificación orzamentaria aprobada no pasado mes de agosto polo Concello incluíu unha achega de 563.000 euros introducida polo Partido Socialista, precisamente para ter xa dispoñible o terzo que lle corresponde ao Goberno Local para executar estas obras. «Por certo, modificación de crédito na que, a pesar de ter votado previamente a favor a nosa moción, Rafa Domínguez e o PP se abstiveron á hora de votar a súa aprobación», matizou.
Fronte ao que Iván Puentes considera «o investimento que Pontevedra e Pasarón merecen, o que temos é un anuncio de Rafa Domínguez de antes do verán no que, en lugar dos 563.000 euros que lle corresponderían, di que a Deputación vai aportar 100.000 (menos dun 10% do que custaría a renovación integral do terreo de xogo) e, por parte da Xunta, pois 0 euros». «Se lle restamos a cantidade que o Concello ten xa consignada, faltarían neste momento por atopar -apuntou- 966.000 euros para poder licitar e executar esa obra».
Segundo subliñou Puentes, «ante isto, unha vez que constatamos que o señor Domínguez pinta pouco ou ten nula capacidade para convencer nin tan sequera aos seus compañeiros de partido na Xunta de que invistan en Pontevedra o que é xusto, pedímoslle que, se de verdade algo manda cando menos na institución da que é vicepresidente e se vale para algo máis que para coarlle convenios para financiar ao Celta de Vigo á vicepresidenta 2ª, anuncie e comprometa xa tanto o investimento de 563.000 euros que debe facer a Deputación como os outros 563.000 que a Xunta non quere investir en Pontevedra (asumindo os 1,1 millóns que faltan)». Ao seu xeito de entender, unha proposta que «non é nada descabellado», xa que é a Deputación «a que construíu mal ese terreo de xogo e a responsable institucional de que o céspede sexa a día de hoxe impracticable e indigno para un equipo que compite en Primeira Federación».
«Se isto non se amaña, os responsables de que o Pontevedra CF non poida ter uns mellores resultados serán Rafa Domínguez, a Deputación e a Xunta»
«Se non se amaña -afirmou- serán Rafa Domínguez e a Deputación os responsables de que, nesta tempada, o Pontevedra CF non poida ter uns resultados ou unha clasificación mellores. A tempada pasada xa puidemos comprobar como o terreo de xogo condicionou notablemente os resultados e a disputa dos partidos en condicións normais. Estamos comezando o outono, practicamente non choveu nada aínda e no último partido do Pontevedra en Pasarón o estado do terreo era absolutamente lamentable. Sabemos que as épocas máis críticas para o céspede chegan co Nadal e cos meses posteriores: se non tomamos medidas urxentemente, xa podemos imaxinar como vai estar Pasarón tralo Nadal. Agardo que non teñamos que volver disputar partidos fóra do noso campo froito da neglixencia, a inacción e o pasotismo de Deputación, Xunta, PP e Rafa Domínguez».
Para Iván Puentes, a credibilidade de Rafa Domínguez e o seu suposto compromiso con Pontevedra e co seu equipo de fútbol pasa por asumir o acordo que el mesmo ratificou no Pleno con este investimento, xa que, de non facelo, «constatarase o que xa case todo o mundo sabe, que é que non está capacitado para traer investimentos a esta cidade». Ademais, Puentes cre que, no caso de asumir a proposta do conselleiro de Deportes de sacar os cartos para Pasarón do convenio co Concello, «o señor Domínguez debe explicarnos exactamente quen vai quedar sen os cartos». «Que nos diga -subliñou- a que quen quere deixar sen diñeiro: ao novo pavillón de Monte Porreiro ou ás obras de saneamento previstas neste convenio?».

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS