Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os socialistas reivindican unha «débeda histórica» co atletismo pontevedrés: solicitan a construción dun módulo cuberto que permita adestrar ‘en seco’ durante os duros meses de outono e inverno

  • A proposición impulsada polo PSOE esixe o compromiso formal de Xunta e Deputación para facer realidade esta demandada infraestrutura e que, mentres non se execute o proxecto definitivo, «o Goberno Local proceda a instalar un módulo provisional e desmontable, dotado de tartán para carreiras, foxo de saltos e zona de lanzamentos protexida, no interior do Recinto Feiral»

Pontevedra, martes 12 de maio de 2026.- A pesar de contar con sobrados motivos para sacar peito como cidade referente no eido do deporte, tanto pola vitalidade do seu tecido asociativo como no que atinxe á organización de grandes eventos internacionais, Pontevedra ten aínda unha débeda histórica cunha das súas disciplinas máis relevantes, a do atletismo, practicada por centos de deportistas e con dous clubs de base como o Atletismo Rías Baixas e a Sociedade Ximnástica que aglutinan máis de 500 licencias (desde as categorías base ata a elite), que se ven obrigados a adestrar en circunstancias precarias durante os duros meses de outono e inverno ou mesmo a desprazarse a outros concellos (Instituto Feiral de Vigo, A Estrada, Ribadavia, Lugo, Ourense…) por falta de instalacións cubertas específicas dentro do noso municipio. Co obxectivo de solucionar este déficit, que supón un agravio comparativo con respecto a outras urbes galegas e que obriga a deportistas e clubs a interromper os seus adestramentos ou exercitarse baixo condicións de choiva e frío (cun considerable aumento do risco de lesións e un evidente prexuízo para atletas que compiten ata en División de Honra e Primeira División Feminina), o Grupo Municipal do PSOE vén de rexistrar unha moción coa que pretende acadar o compromiso de tódalas administracións para construír na nosa cidade un módulo cuberto de atletismo de uso permanente para adestramentos.

A iniciativa, presentada esta mañá nunha comparecencia conxunta do portavoz socialista, Iván Puentes, e mailo concelleiro Manuel Fariña, pretende instar a Xunta de Galicia, Deputación Provincial e Goberno Local a establecer, de xeito inmediato, unha mesa de traballo técnica e política, asesorada polos clubs de Pontevedra e a Federación Galega de Atletismo e con presenza de tódolos partidos políticos con representación na Corporación, para establecer a localización e as vías de financiamento e construción desta demandada infraestrutura deportiva. Tal e como subliñou Fariña, «a dotación dunha instalación técnica de atletismo é unha demanda histórica de máis de 30 anos que, para facerse realidade, require de lealdade institucional e da implicación e o esforzo económico conxunto das tres administracións con competencias ou interese neste concello».

Non obstante, «mentres non se acorda e executa o proxecto definitivo», sinalou o edil do PSOE, «resulta imperativo ofrecerlles unha solución de urxencia a atletas e clubs e, na nosa opinión, o Recinto Feiral ofrece, pola súa tipoloxía e superficie, as condicións axeitadas para albergar de xeito temporal un módulo de adestramento que permitiría salvar as tempadas invernais sen que o noso talento deportivo vexa minguado os seus resultados pola meteoroloxía adversa». Con tal motivo, segundo explicou Iván Puentes, a proposta que os socialistas levarán ao Pleno do Concello capitalino, instará ao Goberno Local de Pontevedra a que «de xeito subsidiario e mentres non se concrete esa solución definitiva, proceda á licitación e instalación dun módulo de atletismo provisional e desmontable que garanta o adestramento en seco durante os meses de outono e inverno no interior do Recinto Feiral (aproveitando os moitos días que carece de actividade), que conte como mínimo cunha recta de tartán para carreira (de 60 metros), unha foxa de saltos e unha zona de lanzamentos protexida».

Para Puentes, «do que se trata é de que Pontevedra, que ten nos e nas deportistas que practican atletismo un nivel de elite semellante ao doutras cidades galegas, teña tamén o mesmo nivel no que se refire ás instalacións que se lles ofrecen aos centos de deportistas que adestran cada día».

Unha infraestrutura que supón investimento de entre 300.000 e 350.000 euros e para a que os clubs propoñen emprazamentos como o contorno do CGTD

Como exemplo do investimento necesario para a construción dunha infraestrutura deportiva destas características, Manuel Fariña indicou que «o módulo de Ifevi, que naceu como provisional, iniciou a súa licitación en 250.000 euros e, a raíz dunha serie de melloras propostas pola empresa adxudicataria, elevou o seu custe ata uns 325.000», polo que cifra o orzamento necesario para facela realidade na nosa cidade «entre os 300.000 e os 350.000 euros». Ao seu xeito de entender, «é evidente que se trata dun custe elevado, pero debemos ter en conta o número de xente que practica este deporte no noso concello e a existencia dunha necesidade real que os nosos atletas teñen desde máis de 30 anos».

No que atinxe ao posible emprazamento definitivo do módulo cuberto de uso permanente, Fariña precisou que, nas conversas mantidas principalmente con responsables de Atletismo Rías Baixas e a Sociedade Ximnástica, hai sobre a mesa diversas propostas, «unha delas, no contorno do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), que sería a ideal, ao permitir unha absoluta flexibilidade entre adestramentos en interior e exterior en función das previsións meteorolóxicas». Neste abano de posibilidades, os socialistas tamén contemplan a opción de ‘facerlle un oco’ no proxecto que deseñaron para dotar a Pontevedra dunha Cidade Deportiva.

«En calquera caso, esta é precisamente a misión da mesa técnica que propoñemos e, na nosa moción, solicitamos un compromiso formal da Consellería de Presidencia e Deportes da Xunta e da Deputación Provincial para que se poñan de acordo e atopen un emprazamento axeitado para levantar un módulo cuberto de atletismo de uso permanente», asegurou Iván Puentes.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes