Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes reclámalle á conselleira Allegue que comece o seu plan de mellora de estradas autonómicas «investindo na súa cidade o que a Xunta e o PP non investiron en 15 anos»: «Que empece por un vial como o do Pontillón (PO-224) que leva décadas abandonado e que se atopa en condicións de grave risco para condutores, peóns e ciclistas»

  • O portavoz do PSOE impulsa unha iniciativa na que lle esixe ao Goberno de Rueda a elaboración urxente dun proxecto de reforma integral deste vial, contemplando a ampliación da súa plataforma en puntos críticos e a rectificación de curvas de baixa visibilidade, así como a execución dun plan de humanización e de sendas peonís 

Pontevedra, martes 14 de abril de 2026.- Despois da recente visita realizada por concelleiros do Grupo Municipal do PSOE e maila parlamentaria Paloma Castro, o portavoz socialista, Iván Puentes, decidiu elevar ao Pleno da Corporación de Pontevedra a denuncia sobre o lamentable estado de conservación e as nefastas condicións de seguridade nas que se atopa a estrada autonómica PO-224, que conecta os núcleos de Bora e de San Amaro (Barro) a través das parroquias de Bora, Santo André de Xeve, Santa María de Xeve e Verducido (pasando polo encoro do Pontillón do Castro). A iniciativa impulsada por Puentes e o edil Marcos Rey esíxelle á Xunta a elaboración urxente dun proxecto de reforma integral deste vial, contemplando a ampliación da súa plataforma en puntos críticos e a rectificación de curvas de baixa visibilidade, así como a execución dun plan de humanización e de sendas peonís que garanta a continuidade de paso seguro para a veciñanza de Xeve, unindo os núcleos de poboación cos equipamentos públicos.

A proposición que os socialistas defenderán na sesión plenaria (prevista para o luns 27 de abril), tamén solicita que se melloren a sinalización, iluminación e seguridade nos accesos ao embalse do Pontillón, no que a día de hoxe non existe nin un só paso de peóns, e unha revisión xeral do trazado, eliminando curvas e outros elementos perigosos, ampliando a sección da estrada de común acordo cos veciños. Iván Puentes volveu incidir «na grave situación de inseguridade viaria que padecen a diario, tanto os vehículos que circulan pola zona, como sobre todo os peóns que transitan ao longo desta estrada que conecta diversos núcleos de poboación». «É un vial cun trazado sinuoso en practicamente todo o seu percorrido -apunto- e que ten dúas eivas especialmente graves: por unha banda, o estado do pavimento, que está totalmente deteriorado, con fochancas moi importantes e pronunciadas en diversos puntos, especialmente nalgunhas curvas, o que incrementa a perigosidade das mesmas; e ademais, é unha estrada que carece dos máis mínimos elementos de seguridade vial, tanto para peóns como para condutores e ciclistas, como poden ser as beiravías (practicamente inexistentes en todo o percorrido), en especial no contorno do Pontillón do Castro, onde se desenvolven actividades deportivas cunha regularidade importante e hai moitos nenos e nenas menores de idade que acoden a adestrar tódolos días da semana e alí non hai beiravías, nin pasos de peóns, nin as máis mínimas condicións de seguridade».

Segundo indicou o líder do PSOE, a moción pretende facerse eco das demandas dos veciños dos tres Xeves e de Bora, pedíndolle á Xunta «que se repoña o pavimento, que se dote de arcéns e de sendas peonís e ciclistas o conxunto da estrada e que se deseñe un proxecto de mellora do trazado da mesma, contemplando o desdobramento daquelas curvas que se atopen nos puntos máis perigosos e incrementando a sección da calzada». Puentes asegurou que, a pesar de ser un vial de titularidade autonómica, a PO-224 ten «a configuración dunha estrada local» e é empregada na práctica como unha circunvalación do norte da cidade (conectando as estradas nacionais N-550 e N-541, de Santiago e de Ourense), polo que cómpre «convertela nunha estrada autonómica de verdade e adaptar a configuración do vial ao uso real que a cidadanía xa lle está a dar… Insisto, a costa da seguridade de peóns e vehículos».

Iván Puentes incidiu en que estas modificacións de trazado «non presentarían en principio grandes dificultades desde o punto de vista ambiental e social, xa que practicamente toda ela discorre por terreo forestal, en moitos casos das comunidades de montes e noutros propiedades particulares, polo que non habería afectacións a vivendas». En definitiva, Puentes considera que este proxecto melloraría substancialmente o fluxo de tráficos desa circunvalación norte ‘natural’ entre as estradas de Santiago e Ourense «sen necesidade de pasar polo centro da cidade nin de afectar a outras zonas, e ao mesmo tempo estariamos dotándoa de condicións de seguridade».

Aproveitando a presenza en Pontevedra da conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o portavoz do PSOE solicitoulle que «se de verdade quere mellorar as estradas autonómicas, pode empezar por investir na súa cidade, neste vial autonómico abandonado desde hai décadas e que os veciños de Bora, de Santo André, de Santa María e de Verducido empregan cada día para cuestións tan básicas como visitar a casa doutro veciño, ir ao colexio ou acudir aos diferentes equipamentos e puntos situados ao longo desta estrada». «Pedímoslle á Xunta -reclamoulle a Allegue- que se vai aplicar ese plan de verdade, comece pola PO-224, investindo en Pontevedra o que a Xunta e o PP non investiron nos últimos 15 anos».

Puentes precisou que «unha vez que agardemos que non se execute a A-57 por Bora e por Xeve, o previsible é que o volume de tráfico que discorre por esta estrada se incremente nos vindeiros anos: non se trata de facer alí unha autovía ou unha vía de alta capacidade, pero si de dimensionar esa estrada para os tránsitos de conexión entre estradas nacionais que xa ten nestes momentos, funcionando como circunvalación desa zona norte da cidade».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes