Saltar al contenido

¡Síguenos!

Puentes reclama actuacións de prevención complementarias ás lagoas de inundación natural proxectadas en Valdecorvos: a retirada do actual colector de fecais, a detección e eliminación de posibles obturacións no treito soterrado e a ampliación da galería do regato en determinados puntos para mellorar o alivio de agua cara ao Lérez

  • Ao líder socialista, que pretende incluír estas demandas dos veciños de Fernando Olmedo no texto definitivo que será debatido polo Pleno da Corporación, chámalle poderosamente a atención que, en apenas un ano, Rafa Domínguez pasara «de ser o principal opositor do noso proxecto, defendendo a delirante idea de instalar un novo colector en José Malvar, a converterse no paladín máximo das balsas inundables»

Pontevedra, venres 13 de febreiro de 2026.- Toda vez que tanto Augas de Galicia como un inicialmente reluctante Concello, e mesmo até o ‘opositor’ Rafa Domínguez (que sacou da chisteira a delirante idea de instalar un novo colector), decidiron finalmente apostar polo proxecto que impulsou Iván Puentes para acabar cos recorrentes alagamentos na rúa Padre Fernando Olmedo, o portavoz do PSOE quere que se aproveite a ocasión para acometer outras actuacións de prevención complementarias ás lagoas de inundación natural proxectadas no parque de Valdecorvos. Así, en paralelo a estar intervención que se executará augas arriba do rego e aproveitando as obras de urbanización previstas na rúa Casimiro Gómez, o líder socialista solicítalle ao Goberno Local «que retire o actual colector de fecais existente no leito do regato; que revise o treito soterrado a fin de detectar e solucionar posibles obturacións; e de ser tecnicamente posible, que amplíe a galería do regato naqueles puntos nos que se estime oportuno para mellorar o alivio de auga cara ao río Lérez».

Trátase de propostas emanadas de suxestións veciñais e que o Grupo Municipal do PSOE pretende engadir, a través dunha emenda de adición, ao texto definitivo da proposición que o PP levará a Pleno para instar ao Concello a comprometerse para solucionar as inundacións tanto no contorno de Fernando Olmedo como na rúa do Santo (Lourizán). Deste xeito, como subliña Puentes, a proposición final que se aprobaría, na que tamén se lle demanda ao Goberno Local a súa colaboración directa coa Xunta de Galicia no desenvolvemento do proxecto para crear balsas de inundación controladas en Valdecorvos (poñendo a disposición os terreos necesarios e destinando a tal fin unha achega económica específica), «permitiría abordar dunha maneira máis integral un problema histórico que padecen cada vez con maior gravidade os veciños e veciñas de Fernando Olmedo, engadindo demandas e suxestións que nos fan os propios afectados».

«Todas elas son propostas de actuacións tanxibles, executables sen grandes partidas orzamentarias e perfectamente complementarias a esa ansiada intervención para dotar o parque de Valdecorvos de áreas inundables, polo que agardamos que o PP teña a ben incluílas no seu texto definitivo e o BNG tamén as apoie», sinala o portavoz socialista.

Aínda que recibe «con agrado e como unha moi boa noticia para os intereses da veciñanza» que Rafa Domínguez «caera da burra» e decidise finalmente sumarse ao proxecto deseñado polos socialistas no anterior mandato (no marco da estratexia Pontevedra Flúe e en colaboración coa Universidade), a Iván Puentes chámalle poderosamente a atención que o ‘popular’ pasara «en apenas un ano de ser o principal apóstata do noso proxecto a converterse no paladín máximo das balsas de inundación natural».

«Cando os propios técnicos de Augas de Galicia xa nos tiñan ratificado que esta proposta era a máis viable, factible e idónea para acabar cos alagamentos en Fernando Olmedo -lembra-, o señor Rafa Domínguez seguía menosprezando a estratexia Pontevedra Flúe coas súas enxeñosas brincadeiras e facendo fotos mentres defendía a ultranza a ‘solución’ de construír un novo colector como a máis realizable e efectiva… É dicir, nunha nova exhibición de incapacidade para xestionar nada, Domínguez pretendía seguir turrando no erro de entubar o rego con outra tubaxe máis pola rúa José Malvar. Por fortuna, o seu propio partido emendoulle a plana e agora, como anda tan sobrado de papo como de memoria selectiva, ata defende a proposta socialista nunha moción plenaria».

O proxecto para crear lagoas ou balsas de inundación natural no rego de Valdecorvos, desenvolvido en colaboración coa Universidade, foi presentado aos veciños de Fernando Olmedo nunha xuntanza celebrada en marzo de 2023 e, dada a súa madurez (contaba con cálculos técnicos moi precisos), Augas de Galicia decidiu licitar a principios de 2025 as obras hidráulicas necesarias para executalo, cun orzamento duns 700.000 euros. A actuación contempla a dotación de dúas balsas que funcionarán retendo o exceso de auga, esencialmente nos momentos nos que as choivas intensas coinciden coas crecidas do río Lérez: a auga retida poderá volver descargarse con seguridade pouco a pouco unha vez pasados eses episodios. Puentes calcula que, deste xeito, non só se evitarán a meirande parte dos alagamentos que se producen agora mesmo en Fernando Olmedo, senón que, mesmo nos casos de choivas máis torrenciais os problemas reduciríanse á mínima expresión. 

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes