Puentes insta ao Ministerio de Transportes a «axilizar ao máximo» a solución ás graves e recorrentes inundacións da avenida de Marín: «Padeceu 52 cortes entre principios de 2024 e o que vai deste 2026. É a estrada que máis se inunda de toda España a causa da subida do nivel do mar. Os efectos do cambio climático xa están aquí»
- O portavoz do PSOE reclámalles aos concellos de Pontevedra e Marín «a máxima dilixencia posible á hora de ordenar o tráfico por vías locais e de garantir a circulación cara ao Porto cando se produzan estes cortes» e considera que o recrecemento da autovía «semella a solución técnica máis viable no curto prazo»
- O socialista tamén urxe ao Goberno Local a executar canto antes os traballos para desatascar a tubaxe de augas pluviais obstruída que provoca os constantes e graves alagamentos da rúa do Santo, en Lourizán
Pontevedra, martes 10 de febreiro de 2026.- A avenida de Marín padeceu entre principios de 2024 e o que vai deste 2026 ata 52 cortes totais ou parciais (26 en 2024, 12 en 2025 e 14 nestes primeiros meses de ano), unhas cifras que poñen de manifesto os efectos cada vez máis tanxibles do cambio climático sobre a PO-11, a estrada que máis se inunda de toda España a causa da subida do nivel do mar, e a imperiosa necesidade dunha intervención que garanta a fluidez da circulación entre Pontevedra e Marín, mesmo en contextos de interminables trens de borrascas como o que estamos a atravesar. Ante a crecente gravidade e recorrencia desta situación, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, reclámalles aos concellos implicados, Pontevedra e Marín, «a máxima dilixencia posible á hora de ordenar o tráfico por vías locais cando se produzan estes cortes e de garantir que unha infraestrutura económica esencial para a nosa comarca como o Porto funciona con absoluta normalidade» e, ademais, insta ao Ministerio de Transportes a «axilizar ao máximo» os trámites «para atopar tanto unha solución provisional que evite os alagamentos, como para executar unha solución definitiva no curto prazo, que todo apunta a que podería pasar por un recrecemento da autovía». «A longo prazo -aclarou- ogallá vexamos todos e todas unha ría e un terreos de Lourizán completamente rexenerados».
Nunha comparecencia ante os medios, o socialista referiuse esta mañá aos recentes cortes de tráfico que se produciron a raíz das inundacións desta vía clave para conectar a nosa cidade co Porto e co concello de Marín, asegurando que «por moito que o PP e Vox se empeñen en negalos, os efectos do cambio climático están aquí e xa os padecemos con consecuencias negativas tan concretas coma esta». Segundo afirmou, a autovía a Marín «é unha aberración ecolóxica dos anos 60, unha infraestrutura construída sobre o mar, algo que hoxe sería absolutamente impensable (rechear o mar para poder construír unha autovía), e nestes momentos estamos a sufrir as consecuencias desa mala decisión, agravadas polo cambio climático».
«Os cortes da avenida de Marín -subliñou- non son un problema extraordinario que vivimos neste mes de xaneiro, senón unha situación que padecemos de xeito recorrente desde hai tempo. É a estrada nacional que máis se inunda de toda España a causa da crecida do nivel do mar».
Ao tempo que puxo en valor o traballo e a insistencia que a Subdelegación do Goberno está a realizar para que o Ministerio de Transportes adopte as solucións necesarias, Puentes admitiu que a opción de efectuar un recrecemento da autovía «é complexa», xa que o nivel do mar «está a subir ata medio metro», pero que en todo caso «resulta tecnicamente posible». «É unha solución que hai que estudar con detemento -sostén- e executala o máis axiña posible… E de paso, darlle tamén solución á finalización do paseo entre Pontevedra e Marín que permita unha conexión peonil e ciclista de ámbalas localidades».
O portavoz socialista incidiu en que o complexo de Ence «é o principal problema de ocupación do mar que hai nesta zona», polo que «o día que a factoría marche de alí, evidentemente, poderemos plantexarnos recuperar eses terreos e os da autovía a Marín, gañalo ao mar e restauralo ambientalmente, que é por certo o que contempla a Lei unha vez que finalizan as concesións en Dominio Público Marítimo Terrestre». Porén, entende que «mentres Ence non marche, a autovía supón unha parte moi pequena desa ocupación do mar, polo que, á espera de que os técnicos de Carreteras do Estado o estuden, o recrecemento semella viable e sería unha solución cando menos para as vindeiras décadas».
«No que atinxe ao paseo a Marín, probablemente non teña sentido executalo como se executou na parte de Os Praceres, con esa pasarela pilotada, pero se aproveitamos para recrecer o recheo da autovía -matizou-, si tería sentido facelo sobre o que xa está recheado no mar (como se fixo no treito máis próximo a Pontevedra), para non seguir ocupando lámina de auga. Ademais, como entre Ence e a autovía existe unha zona verde, sería tecnicamente viable desprazar lixeiramente a autovía cara a Ence e, no terreo que nos queda libre contra o mar, completar ese paseo, insisto, sen facer máis recheo, sen pilotar e sen ocupar máis lámina de auga».
«Os estudos técnicos apuntan a que as inundacións da rúa do Santo se deben fundamentalmente á obstrución dunha tubaxe de augas pluviais que atravesa esa zona»
Iván Puentes tamén se referiu ás tremendas inundacións que está padecendo a rúa do Santo, na parroquia de Lourizán, explicando que «os estudos técnicos apuntan a que, aquí, os alagamentos non son debidos ás obras da Adif ou a algunha outra infraestrutura do Estado, senón que se deben fundamentalmente á obstrución dunha tubaxe de augas pluviais que atravesa esa zona, o que dificulta o alivio de auga cara á ría». O líder do PSOE reclámalle ao Goberno Local que efectúe, o máis axiña posible e á marxe doutras solucións técnicas que se poidan ofrecer, os traballos para desatascar ese tubo e poñelo en pleno funcionamento, xa que «os efectos negativos para a veciñanza dos Praceres, e en particular da rúa do Santo, están a ser moi graves e reiterados».
«É o máis inmediato que se pode facer -apuntou- para que hoxe ou mañá, cando se produza unha nova alerta por choiva na provincia, non se volva inundar a rúa do Santo. Debemos comprobar se isto funciona e, se cando menos paliamos ou melloramos algo a situación, pois xa teremos avanzado moito».
Puentes considera que «a situación na que se atopa a praza dos Praceres é mala, co tren atravesando polo medio», pero tamén que «a solución técnica que derivou de tódolos conflitos xudiciais que se deron é aínda peor». Neste sentido, aseverou con rotundidade que «todo o que poidamos facer para que esa solución non se execute, nós ímolo facer: a situación actual é mala, pero a alternativa é peor, illaría Praceres aínda máis e empeoraría o problema».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS