Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes urxe a Deputación e Xunta a «arrimar o ombreiro» para acometer a renovación integral do céspede e o sistema de drenaxe do Estadio de Pasarón: «Pontevedra e o Pontevedra CF merecen o mesmo tratamento que se lle dá a outras cidades e clubs galegos»

  • O líder do PSOE sostén que, pese aos intentos de paliar o deplorable alagamento do terreo de xogo con reparacións menores, como a substitución do céspede e da primeira capa de terra no verán de 2023 (unha actuación de 150.000 € financiada a partes iguais entre o Concello e o Pontevedra CF), «a realidade demostra que a única solución efectiva para ter un campo en condicións pasa por refacer desde o inicio todo o terreo, incluído o seu sistema de drenaxe». Un proxecto que suporía un investimento de entre 400.000 e 500.000 euros

Pontevedra, martes 10 de febreiro de 2026.- Á marxe da mala imaxe que deixa nun club de 1ª RFEF, xogar ao fútbol nun terreo como o de Pasarón, transformado nunha auténtica piscina de waterpolo cada vez que chove con certa intensidade, está a converterse non só nunha misión imposible a nivel técnico, senón tamén nunha actividade de risco para os futbolistas: as súas lamentables condicións coinciden cunha vaga de ligamentos cruzados rotos no seo do Pontevedra CF. O socialista Iván Puentes considera que, para atallar dunha vez por todas esta situación de asolagamentos recorrentes e deterioración progresiva que padece o céspede, chegou o momento de que tanto a Deputación como a Xunta de Galicia «arrimen o ombro e comprometan canto antes o financiamento necesario para acometer a renovación integral do campo de xogo e do sistema de drenaxe do Estadio Municipal de Pasarón, dándolle unha solución definitiva a este problema».

En concreto, o líder do PSOE pontevedrés urxe á institución que preside Luis López e vicepreside Rafa Domínguez «a asinar un convenio de colaboración co Concello e co club granate ao obxecto de que o Goberno Provincial financie esta reforma integral do céspede e mailo sistema de drenaxe e recollida de auga en superficie», permitindo así que «o fútbol se poida practicar en condicións normais, dignas e de seguridade para os xogadores». Asemade, Puentes quere que o Executivo de Alfonso Rueda tamén se implique no financiamento destas obras, «ofrecéndolles á cidade de Pontevedra e ao Pontevedra CF o mesmo tratamento que a outras urbes galegas e clubs da mesma categoría».

Demandas que o portavoz socialista defenderá no vindeiro Pleno ordinario da Corporación (previsto para o luns 16 de febreiro) a través dunha proposición xa rexistrada e presentada esta mañá nunha comparecencia ante os medios. Tal e como sinalou, pese aos intentos de paliar o deplorable alagamento do terreo de xogo con reparacións menores, como a substitución do céspede e da primeira capa de terra no verán de 2023 (unha actuación de 150.000 € financiada a partes iguais entre o Concello e o Pontevedra CF), «a realidade demostra que a única solución efectiva para ter un campo en condicións pasa por refacer desde o inicio todo o terreo, incluído o seu sistema de drenaxe». Un proxecto que suporía un investimento de entre 400.000 e 500.000 euros.

Para Iván Puentes, dado que «foi responsabilidade da Deputación ter construído o novo terreo de xogo de Pasarón en pésimas condicións», correspóndelle tamén a esta institución asumir o financiamento desta obra. Segundo indicou, «existen ademais precedentes de intervencións semellantes por parte do Goberno Provincial, baixo xestión do PSOE, cando por exemplo se destinaron 642.500 euros en 2021 a renovar o céspede, o sistema de drenaxe e a iluminación do campo de fútbol do Vao, sede do Coruxo FC».

Non obstante, Puentes considera procedente que, á vista do elevado custe da obra, «a Xunta tamén se implique na renovación do céspede de Pasarón, como xa fixo o Goberno galego en diversos campos de fútbol de titularidade municipal, como o do Espiñedo (O Carballiño) ou o da Malata (Ferrol), onde o Executivo autonómico investiu 550.000 euros en diferentes actuacións de reforma e mellora integral do estadio en 2023». «Terreos ambos -apuntou- que son sede, respectivamente, do CD Arenteiro e do Racing Club de Ferrol, equipos que compiten na mesma categoría que o Pontevedra CF».

Un estadio que duplicou o custe previsto e que, por riba, o PP deixou sen rematar e con múltiples eivas que seguimos a padecer 14 anos despois

En setembro de 2021, tras seis anos de polémicas tramitacións que multiplicaron por 4 o período de execución inicialmente previsto (18 meses fronte aos 72 reais) e que case duplicaron o custe final das obras sobre o prezo co que foran adxudicadas (8,5 millóns de euros fronte aos 16,8 realmente investidos), a Deputación Provincial, gobernada polo PP, deu por finalizada a construción do novo Estadio Municipal de Pasarón. Iván Puentes lamentou que, a pesar dese extraordinario desfase no tempo de execución e, sobre todo, no orzamento finalmente destinado a esta actuación, «a obra quedou sen rematar e con múltiples eivas que, 14 anos despois, seguen a padecer o Pontevedra CF, principal usuario das instalacións, e os milleiros de pontevedreses/as e seareiros/as doutras localidades que ao longo de cada tempada visitan o noso estadio».

Entre as eivas máis chamativas, o socialista enunciou «uns enchufes sen conexión á rede; billas de auga de adorno, tamén sen conexión; un sistema de megafonía imposible de entender (en lugar de altofalantes instaláronse bucinas de sinais acústicos); ausencia de vídeomarcadores; unha cuberta prevista en proxecto para protexer da chuvia ao 100% de localidades e que na práctica só resgarda ás tres ou catro últimas filas da bancada superior; unha iluminación deficiente e cero eficiente que conserva as torres provisionais de obra (en lugar da moderna iluminación perimetral que tamén se contemplaba no proxecto); ou un terreo de xogo en permanente mal estado, convertido nunha lameira cada inverno, porque tampouco funciona o sistema de drenaxe».

Ao seu xeito de entender, «o do terreo de xogo é precisamente o problema máis grave que arrastra o novo Estadio de Pasarón desde a súa inauguración, pola grave afección ao normal desenvolvemento da práctica deportiva que supón e o risco de lesións que implica para os profesionais que xogan neste campo». Puentes sostén que «as causas de que o céspede estea permanentemente encharcado cada vez que se suceden días de chuvia (e que, froito diso, podreza a herba) son coñecidas desde hai tempo e teñen a súa explicación, unha vez máis, na chapuza que a Deputación do PP acometeu».

Segundo arroxaron as diversas catas técnicas efectuadas, a capa de grava/áridos que debe ir a continuación do céspede e da terra para que a auga filtre con máis facilidade é demasiado fina e non cumpre coa súa función, e a malla drenante que se debería ter colocado entre a capa de terra e esa de grava está obstruída desde o principio, probablemente por ser de baixa calidade, e tampouco permite a correcta filtración de auga. Ademais, a superficie do campo non ten a inclinación precisa para favorecer que a auga corra cara aos laterais, senón que é practicamente plana, o que favorece o empozamento e a formación de charcos. Para rematar, tampouco se construíu unha canalización perimetral que recolla esa auga en superficie que corre do centro cara aos extremos do terreo de xogo e, novamente, apoza contra as gradas.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes