Puentes pídelle á Xunta que poña as máquinas «a traballar inmediatamente» na dragaxe do Lérez e insiste na necesidade de estender a retirada de lodos ao treito entre as pontes das Correntes e Os Tirantes
- O portavoz municipal do PSOE tamén bota en falta na proposta de Portos de Galicia que «unha parte dos lodos que se retiren poidan ser tratados en terra», ao entender que se trata «da solución máis acaída a nivel ecolóxico»
Pontevedra, martes 3 de febreiro de 2026.- A activación dos trámites para executar a ansiada dragaxe do Lérez, que onte anunciou Portos de Galicia, foi recibida cun optimismo un tanto agridoce por parte de Iván Puentes. O portavoz municipal do PSOE pídelle á Xunta de Galicia que non se limite a facer anuncios, «poña xa, inmediatamente, a traballar as máquinas para efectuar unha obra que leva atrasando durante máis de dez anos» e que, en paralelo, inicie ademais os trámites «para dragar tamén o treito comprendido entre as pontes das Correntes e Os Tirantes», de xeito que «poidamos ter un Lérez absolutamente rexenerado no centro da cidade».
«É unha boa noticia, que chega tarde, ao igual que chegaron tarde o Hospital de Montecelo e outras infraestruturas vitais, pola obstinación da Xunta en turrar permanentemente contra o Goberno central e en empregar a dragaxe como arma arroxadiza, pero afortunadamente parece que impera o sentido común e que a obra se vai desenvolver», asegurou.
Puentes bota ademais en falta na proposta autonómica que «unha parte dos lodos que se retiren se poidan tratar en terra», ao entender que se trata «da solución máis acaída a nivel ecolóxico para evitarlles problemas á xente que vive do mar». «Veremos o que acontece unha vez que comecen a retirarse eses lodos. En todo caso, o que nos parece fundamental é que se amplíe esa zona de dragaxe -sostén o líder socialista- e que non teñamos que agardar outra vez 10 ou 15 anos para ver o río nas condicións nas que debe estar».
Así, tal e como expresou esta mañá no marco dunha comparecencia ante os medios, ao tempo que «dicimos ‘Por fin!’ e nos alegramos do anuncio para que se drague o Lérez (dándolles solución aos problemas que padecen as persoas que viven do mar, a actividade vencellada ao Club Naval e, en xeral, a un río nunha situación medioambiental moi mellorable), botamos en falta que a actuación sexa de maior calado». Segundo indicou, o proxecto da Xunta plantexa «a dragaxe da zona máis necesaria, que é a situada entre As Corbaceiras e o Club Naval, ata aproximadamente a ponte das Correntes», mentres que o PSOE solicita que a intervención se amplíe «como mínimo, ata a ponte dos Tirantes, para librar de lodos tamén ese tramo central do río, sacar de aí unha boa parte dos residuos de Tafisa aínda depositados no fondo e, polo tanto, para poder rexenerar de verdade o Lérez no centro de Pontevedra».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS