Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE eleva ao Parlamento Galego a presión para que Ence manteña tódolos postos de traballo na factoría de Pontevedra

  • Os socialistas rexistran ante a Cámara autonómica, a través da deputada Paloma Castro, unha proposición para instar á Xunta a «reclamar de xeito firme que a empresa retire calquera pretensión de despedimentos colectivos» e a empregar «todos os instrumentos de mediación e presión administrativa e normativa ao seu alcance»
  • Ademais, a parlamentaria tamén presentou unha interpelación ao respecto ao Goberno de Alfonso Rueda, ao que interroga tanto sobre os mecanismos que prevé activar para garantir que Ence cumpra os compromisos de investimento e incremento de emprego que tiña adquiridos, como sobre a posible adquisición da factoría de Pontevedra por parte de Altri

Pontevedra, xoves 18 de decembro de 2025.- O PSOE decidiu elevar ao Parlamento Galego a presión política para que Ence manteña tódolos postos de traballo na súa factoría de Pontevedra. A través da deputada Paloma Castro, os socialistas veñen de rexistrar ante a Cámara autonómica unha proposición non de lei e na que instan á Xunta «a facer valer os compromisos públicos asumidos» por Ence en materia de emprego e investimentos, reclamar de xeito firme «que a empresa retire calquera pretensión de despedimentos colectivos no marco do expediente de regulación de emprego actualmente e negociación» e utilizar «todos os instrumentos de mediación e presión administrativa e normativa ao seu alcance», incluída «a intervención das consellerías competentes en Industria, Emprego e Facenda».

Ademais desta iniciativa, que será debatida polo Pleno do Parlamento, Paloma Castro tamén presentou unha interpelación cunha batería de preguntas (para as que solicita resposta por escrito), nas que interroga ao Goberno de Alfonso Rueda sobre as actuacións concretas que levou a cabo desde que Ence anunciou o Expediente de Regulación de Emprego (ERE), a decisión de non intervir de maneira efectiva para evitar os despedimentos ou os mecanismos que ten previsto activar para garantir o cumprimento dos compromisos de investimento e incremento de emprego que a empresa asumiu no pasado. Segundo explica o portavoz municipal do partido, Iván Puentes, «entre outras cuestións, queremos saber se a Xunta considera aceptable que Ence, despois de beneficiarse do apoio político e institucional do Goberno Galego para supostamente garantir a súa permanencia en Pontevedra, pretenda agora aplicar un ERE que destrúe emprego; e tamén, que medidas de presión administrativa, mediación ou supervisión laboral pretende aplicar de xeito inmediato para obrigala a reconsiderar a súa postura (e por que non foron empregadas antes)».

Entre as interrogantes plantexadas polo Grupo Parlamentario Socialista inclúese unha pregunta sobre o futuro de Ence en Pontevedra: «Ten coñecemento a Xunta sobre a posible adquisición da factoría por parte de Altri».

«É moi preocupante a conivencia da Xunta e do PP coa destrución de postos de traballo e co incumprimento sistemático dos plans de emprego e de investimentos»

Tal e como apunta Paloma Castro no escrito rexistrado, o ERE anunciado por Ence, «logo de mobilizacións, paros e iniciativas de protesta dos traballadores e traballadoras (entre elas, folgas coa participación do 100% do persoal e concentracións en San Caetano para reclamar unha reunión con responsables autonómicos que os ignoraron por completo)», afectaría a 39 postos de traballo en Pontevedra e a máis dun cento noutras plantas. «Recentemente, delegados e delegadas sindicais -lamenta Castro- manifestaron o seu malestar ante a Consellería de Industria e o director territorial de Ence durante un acto en Santiago, o que evidencia o profundo descontento dos traballadores e o sentimento de traizón por parte da Xunta e da empresa».

A deputada do PSdeG tamén subliña «a nula vontade de acordo amosada por Ence e a falta de avances significativos nas mesas de negociación celebradas ata a data, así como a percepción de que o Goberno galego permanece de perfil, actuando máis como un directivo/a de Ence que como un goberno que defende os intereses e necesidades da súa cidadanía». Un comportamento que, en opinión de Castro, resulta aínda máis incomprensible «se temos en conta os compromisos públicos asumidos en materia de emprego, investimento e continuidade industrial vinculados no seu día á permanencia da fábrica en Pontevedra».

Unha postura de sobra coñecida desde hai anos: fóra da Ría, pero na comarca de Pontevedra

A este respecto, Iván Puentes lembra que «a postura do PSOE é de sobra coñecida desde hai anos: sempre favorable á saída de Ence de Lourizán, pero tamén ao seu traslado e mantemento noutro punto da comarca de Pontevedra, fóra da Ría, mantendo sempre, por tanto, na capital provincial ou na súa área de influencia os postos de traballo xerados por esta empresa». En coherencia con isto, os socialistas consideran «moi preocupante a conivencia da Xunta e do PP coa empresa pasteira, tanto no que ten que ver coa destrución de postos de traballo (non consensuada cos sindicatos), como co incumprimento sistemático dos seus plans de emprego e de investimentos na factoría de Pontevedra». «Un problema que é laboral, pero tamén de saúde e de seguridade cidadá, dada a obsolescencia actual da fábrica», engade o secretario xeral e portavoz do PSOE pontevedrés.Tendo en conta a relevancia social e económica deste conflito para a comarca de Pontevedra e para o conxunto de Galicia, o PSOE considera «urxente» que o Goberno de Rueda «asuma un papel activo e determinado para impedir, por tódolos medios posibles, un ERE que suporía un golpe severo para o emprego, a economía local e a industria galega». Un Expediente de Regulación de Emprego sobre o que, ademais, existen serias dúbidas a nivel legal «conforme á conta real de resultados económicos da empresa».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes