Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE impulsará no Pleno a creación dunha Oficina Municipal de Apoio ao Emprendemento Local e a activación dunha bolsa de alugueiro e venda de establecementos comerciais

  • O paquete de medidas deseñado polos socialistas Iván Puentes e Yoya Blanco é froito de diversas reunións con colectivos de comerciantes e empresarios, pon o acento na aposta polo emprendemento feminino e a incorporación da muller ao mundo empresarial do noso municipio e contempla: a posta en marcha dun viveiro/aceleradora de iniciativas empresarias con sede no barrio da Parda, o desenvolvemento de formacións específicas en competencias dixitais e comercio online, a potenciación das campañas promocionais estacionais ou a activación dun Bono Comercio para gastar en establecementos locais, ao tempo que solicita a implicación económica da Deputación Provincial nas distintas accións formuladas

Pontevedra, martes 11 de novembro de 2025.- A posta en marcha dun viveiro ou aceleradora de iniciativas empresariais, aproveitando as sinerxías do futuro convenio de colaboración asinen Concello e Consorcio Zona Franca de Vigo para desenvolver novas bolsas de chan industrial en Pontevedra e con sede preferente no barrio da Parda, é unha das principais propostas incluídas no ambicioso paquete de medidas de dinamización do comercio local que os socialistas queren aprobar no vindeiro Pleno ordinario. Entre outras novidades, o PSOE plantexa a creación, dentro dese viveiro, dunha Oficina Municipal de Apoio ao Emprendemento Local, encargada de funcións como informar e asesorar sobre liñas de axudas ao comercio e á pequena e mediana empresa, así como a habilitación dunha bolsa municipal de alugueiro e venda de establecementos comerciais para poder ofertalos a emprendedores/as que desexen crear ou reformular o seu negocio na nosa cidade.

Nun paquete de medidas froito de diversas reunións con colectivos comerciais e empresariais de Pontevedra e que pon o acento no emprendemento local, especialmente no emprendemento feminino, os socialistas queren ofertar desde o propio Concello formacións específicas en competencias dixitais e comercio online para os comerciantes e apostan por retomar e potenciar as campañas promocionais estacionais, ademais de desenvolver outras que o propio sector poida suxerir. As campañas de acción directa, cun Bono Comercio para gastar en establecementos locais (incluíndo para tal fin unha partida específica nos orzamentos), forman parte das demandas recollidas nunha moción na que o partido que lidera Iván Puentes tamén solicita a colaboración económica da Deputación Provincial coas distintas accións de dinamización formuladas.

A proposición que o PSOE defenderá no Pleno foi desgranada esta mañá nunha comparecencia conxunta do propio Puentes e maila concelleira Yoya Blanco, que fixo fincapé nunha «crise do pequeno comercio que vén golpeando á actividade económica desde hai anos, cun repunte acentuado pola crise sanitaria da Covid e a tendencia ás compras por Internet, con especial incidencia entre as xeracións máis novas». Tal e como salientou, «a falta de formación específica dos/as comerciantes en materias como o financiamento, o deseño de plans de negocio, o uso das redes sociais con fins comerciais, a venda por Internet ou márketing dixital, fai moi complicado inverter esa inercia». «Por iso, desde as institucións públicas -asegurou- debemos prestar atención a estes problemas, así como ao do relevo xeracional e á preferencia en xeral, da xente nova, polo comercio dixital».

Os socialistas teñen claro que o éxito futuro dependerá dunha axeitada coordinación institucional, con medidas de apoio reais e sostibles, acceso a financiamento e unha aposta decidida por dixitalizar e modernizar os negocios de proximidade. En opinión de Yoya Blanco, «os concellos debemos converternos en axentes determinantes no impulso do emprendemento, a través de campañas de acción directa e de campañas de comercio estacionais e puntuais, algo que nos últimos meses, exceptuando a campaña do Nadal, non se está a facer, nin desde o Concello nin desde a Deputación Provincial». «É preciso seguir a liña marcada por eventos como o Pont Up Store e apostar ademais, dun xeito claro, polo emprendemento feminino e pola incorporación da muller ao mundo empresarial do noso municipio», sostén.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes