Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE desbloquea as obras que permitirán conectar as vivendas de Pontemuíños á rede de saneamento e acabar cos recorrentes asolagamentos de fecais que se producen no barrio

  • Os socialistas Iván Puentes e Marcos Rey realizan xestións para que as comunidades veciñais afectadas, unhas 96 vivendas situadas nas avenidas das Camelias e Matos, poidan cederlle ao Concello de Pontevedra os terreos privados polos que deben pasar as tubaxes para realizar o ‘enganche’
  • «É un trámite exactamente igual ao que se fai noutras zonas de Pontevedra, en especial nas áreas rurais. Con isto, o problema estaría solucionado e cumpriríase cun compromiso acadado polo PSOE para a aprobación do orzamento municipal», asegura Puentes

Pontevedra, martes 4 de novembro de 2025.- No marco do acordo alcanzado entre o Partido Socialista e o Goberno Local para a aprobación do orzamento de Pontevedra para 2025, os socialistas lograron introducir o compromiso de finalizar, con cargo á partida da empresa concesionaria Viaqua, o ‘enganche’ das vivendas do poboado de Pontemuíños á rede de sumidoiros, en especial daqueles edificios situados na parte máis baixa do barrio, que levan anos padecendo recorrentes asolagamentos de augas fecais polos desbordamentos das vellas e obsoletas arquetas. Ao longo dos pasados días, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e o concelleiro Marcos Rey realizaron unha serie de xestións destinadas a desbloquear o único obstáculo pendente para a execución dos traballos: os trámites necesarios para que as comunidades de propietarios dos inmobles afectados (que suman unhas 96 vivendas) lle cedan ao Concello o uso duns terreos privados polos que deben pasar as tubaxes para conectarse á rede xeral.

Así llo transmitiron Puentes e Rey a representantes veciñais de Pontemuíños no marco dun encontro que serviu para analizar sobre o terreo as obras que Viaqua deberá acometer para ‘enganchar’ as arquetas á rede municipal. Tal e como sinalou o portavoz socialista, «as comunidades veciñais dos edificios situados nas avenidas das Camelias e Matos están a padecer unha situación insostible, con frecuentes e graves inundacións que enchen de verteduras de fecais os baixos, os trasteiros e as partes máis baixas destas vivendas».

«Transcorrido un tempo prudencial desde a aprobación do orzamento, sendo unha obra que tampouco ten unha complexidade excesiva e estando os cartos dotados cunha partida específica -explicou-, decidimos reunirnos cos veciños para examinar con eles o estado de cumprimento deste compromiso. Atopámonos cunha certa dificultade, xa que o Concello lles estaba a dicir que as actuacións de conexión ao sumidoiro non podían avanzar ante a necesidade de que as tubaxes atravesaran uns terreos privados, que son os xardíns existentes entre os edificios e a vía principal de Pontemuíños».

A raíz da preocupación comunicada pola veciñanza, os socialistas ofrecéronse a mediar e a realizar as xestións pertinentes para desatascar este trámite e permitir a execución das obras. Iván Puentes considera que, como se fai noutras moitas zonas do municipio, especialmente no rural, «a solución ten que vir da man dunha cesión do uso deses terreos privados ao Concello de Pontevedra e, polo tanto, de que as comunidades de propietarios autoricen o paso da rede de sumidoiros por eses terreos». «Exactamente igual -insistiu- que se fai noutras zonas rurais de Pontevedra. Con isto, o problema estaría solucionado».

Non obstante, tralas consultas efectuadas aos técnicos municipais, Puentes advertiu que o seu partido estará «vixilante» durante as vindeiras semanas «para ver que pasos se van dando e, en definitiva, para axudar e mediar co obxectivo de que este vello problema se poida solucionar e os veciños e veciñas de Pontemuíños dispoñan dalgo tan básico como a conexión a un servizo de saneamento decente, cando ademais xa está construída a rede por diante das súas casas desde hai máis dunha década». «Agardamos que esta reivindicación, que as comunidades de propietarios das avenidas Camelias e Matos veñen reclamando desde 2019 e que afectan a unhas 96 vivendas, poida facerse realidade canto antes», asegurou.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes