Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes urxe ao Goberno Local a recoller a luva da Zona Franca para xerar novas bolsas de chan empresarial en Pontevedra: «Temos unha oportunidade inmellorable de facer o que Rueda, a Xunta e o PP non quixeron facer, estudar a viabilidade do Porto Seco de Leborei e crear novas áreas industriais»

  • O portavoz municipal do PSOE insta ao alcalde a aceptar «con carácter inmediato» a proposta de David Regades de asinar un convenio de colaboración para darlle cobertura legal «tanto á elaboración do estudo como á execución material e urbanización desas novas bolsas industriais que o Consorcio ten vontade de asumir»

Pontevedra, mércores 8 de outubro de 2025.- Froito dunha reunión de traballo mantida polo Grupo Municipal do PSOE con representantes e técnicos do Consorcio Zona Franca de Vigo, o delegado especial do Estado neste organismo, David Regades, formalizou o pasado 6 de xuño, a través dunha carta remitida ao alcalde, o seu ofrecemento a colaborar co Concello para delimitar e estudar a viabilidade do Porto Seco de Leborei (Cerponzóns), así como para localizar novas bolsas de chan industrial dentro no noso municipio. Co obxectivo de que o Goberno Local recolla a luva desta inmellorable oportunidade de «facer o que a Xunta, o PP e Alfonso Rueda non quixeron facer», os socialistas de Pontevedra urxen a Miguel Anxo Fernández Lores a aceptar «con carácter inmediato» a proposta da Zona Franca, materializándoa coa sinatura dun convenio de colaboración «que lle dea cobertura legal tanto á elaboración do estudo como á execución material e urbanización desas novas áreas industriais (actuacións que o Consorcio tamén ten vontade de asumir unha vez realizado o devandito estudo)». 

A demanda do PSOE trasladarase ao Pleno da Corporación a través dunha proposición que o portavoz municipal do partido, Iván Puentes, vén de rexistrar, e que esta mañá deu a coñecer nunha comparecencia ante os medios de comunicación. Tal e como lembrou, trátase dunha petición que o Concello de Pontevedra xa lle reclamou en decembro de 2024 á administración competente, a Xunta de Galicia, mediante a aprobación plenaria, por unanimidade, doutra moción socialista na que se lle esixía ao Executivo de Alfonso Rueda a execución inmediata da comprometida ampliación do polígono do Campiño e a localización e estudo de viabilidade de novas áreas susceptibles de se converter en chan industrial dentro do municipio (en particular, do proxecto do Porto Seco de Leborei).

«Unha solicitude -lamentou Puentes-, que caeu en saco roto. Despois de case un ano, a situación, lonxe de mellorar, tense agravado. No caso do Campiño, tras anos de incumprimentos, negativas a amplialo primeiro, promesas eternamente alongadas no tempo despois e dilacións varias, a Consellería de Industria acaba de comunicarlle ao Concello que a ampliación comprometida de 340.000 metros cadrados, que xa era insuficiente de inicio, quedará reducida finalmente a menos da metade, a tan só 160.000 metros cadrados: unha superficie ridícula que non satisface nin as nosas necesidades máis inmediatas».

Segundo criticou, «durante anos a Xunta de Galicia mareou coa posibilidade ampliación do polígono do Campiño, incluíndoo primeiro nas Áreas de Industrialización de Galicia e, cos gobernos de Feijóo, nunca se volveu saber nada desta ampliación, quedando metida nun caixón; despois, cando o PSOE e os empresarios reclamamos a ampliación, a súa resposta foi que non, que non se ía ampliar; e posteriormente, nunha nova viraxe de timón, dixeron que o ían ampliar en 340.000 m2». «Tras tres anos de informes e contrainformes, perdemos un montón de tempo, para que agora descubramos que a ampliación vai quedar reducida a uns 160.000 m2, unha superficie que non palia nin de lonxe as necesidades de chan industrial que debe ter unha capital de provincia como Pontevedra. Existe un abandono absoluto e totalmente vergoñento do Goberno galego con respecto á dotación de chan industrial no noso concello», afirmou.

Unha «gangrena» que deixou a Pontevedra con 0 metros cadrados dispoñibles

Ademais da «gangrena» que provocou nas posibilidades de ampliación presente e futura do Campiño, o líder do PSOE tamén criticou «a absoluta inacción de Alfonso Rueda e da Xunta no que atinxe á procura de novo chan industrial noutras zonas do termo municipal», posto que «non se deu nin un só paso nesa dirección, condenando a Pontevedra a seguir, a medio e longo prazo, sen terreo no que asentar novas empresas que poidan xerar emprego e oportunidades». Segundo apuntou Iván Puentes, os empresarios e empresarias da cidade, así como diversos colectivos sociais, «levan anos advertindo de que a falta de chan industrial no noso termo municipal é un dos principais déficits que padece a competitividade económica de Pontevedra en relación co resto de urbes galegas e do Estado, até o punto de que a disposición de solo libre deste tipo é, agora mesmo, de practicamente 0 metros cadrados». «O único polígono que está en desenvolvemento -matizou- é o polígono comercial do Vao, que naceu xa con toda a superficie vendida e, por tanto, sen dispoñibilidade de novos asentamentos empresariais».

En opinión de Puentes, «temos a obriga de corrixir canto antes un problema que resulta especialmente grave se temos en conta que, desde que se inician os estudos para a dotación de novo chan industrial ata que este se atopa plenamente operativo, son necesarios varios anos de traballos e trámites administrativos». «É preciso poñer en marcha eses traballos de xeito urxente para reducir o tempo no que Pontevedra, si ou si, seguirá sen chan industrial; non podemos permitirnos o luxo de desaproveitar a oportunidade, extraordinaria, que nos brindan David Regades e o Consorcio Zona Franca de Vigo», advertiu.

Iván Puentes sostén que «só os países e as cidades que teñen unha sólida base industrial se poden converter en territorios fortes desde o punto de vista económico, liderar a xeración de emprego e riqueza, incrementar poboación e dotarse de mellores servizos públicos grazas a esa riqueza xerada».

«Sorprendentemente, o PP votou en contra na Comisión: non sabemos se Domínguez e Pardo non queren que se faga novo chan industrial ou non queren que o faga o Goberno de España para non descubrir as vergoñas de Rueda»

Aínda que ten a esperanza de que a moción acade un apoio unánime do Pleno, o portavoz do PSOE explicou que, despois de ser tratada este pasado martes na correspondente Comisión de Urbanismo, «sorprendentemente, o Partido Popular, que ten á empresa, a industria, o emprego e a economía sempre na súa boca, votou en contra (o BNG abstívose)». «Non sabemos o que Rafa Domínguez e Pepa Pardo lle ven de malo a esta proposta: si é que non queren que se faga novo chan industrial en Pontevedra; ou non queren que sexa o Goberno de España o que faga novo chan industrial para non descubrir as vergoñas de Alfonso Rueda e do PP; ou que directamente non se decatan do que acontece en Pontevedra e das necesidades que ten esta cidade. Ou unha combinación das tres cousas -aseverou-, que é o que caracteriza ao PP de Pontevedra».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes