O PSOE esíxelle á Xunta que cumpra co seu compromiso de concertar as prazas da residencia Amencer para persoas con parálise cerebral
- O portavoz socialista Iván Puentes vén de rexistrar unha iniciativa na que lle esixe á Administración autonómica que concerte de xeito urxente as 21 prazas que se comprometeu a financiar xa neste 2025 e que, nos orzamentos de 2026, se contemplen tanto a actualización do prezo de concertación das prazas (cubrindo o déficit actual de 300 euros que está a asumir Amencer) como un incremento que permita chegar ás 30 prazas ofertadas
Pontevedra, mércores 1 de outubro de 2025.- A residencia inaugurada o pasado ano por Amencer-Aspace na nosa cidade supón, para moitos veciños e veciñas con parálise cerebral e outros trastornos neuromotores, a única oportunidade que teñen para poder desenvolver unha vida digna e con tódalas súas necesidades cubertas. Non obstante, a pesar de dispoñer de capacidade para 32 prazas, os incumprimentos da Xunta á hora de financiar o seu funcionamento están a provocarlle á asociación que a xestiona mesmo serias dificultades para sufragar o coidado dos 12 usuarios aos que lles dá servizo nestes momentos.
Ante esta crítica situación, o portavoz do PSOE de Pontevedra, Iván Puentes, acusa ao Goberno do ‘popular’ Alfonso Rueda de «racanear co coidado deste colectivo» e de someter a Amencer-Aspace a «unha asfixia económica que lle impide ofertar 20 das 32 prazas dispoñibles na súa residencia». A denuncia trasladarase á vindeira Comisión de Benestar do Concello e ao Pleno da Corporación a través dunha iniciativa que os socialistas veñen de rexistrar para o seu conseguinte debate e votación. Tal e como lembrou Iván Puentes, que hoxe presentou a proposta nunha comparecencia na que estivo acompañado polos concelleiros Yoya Blanco e Marcos Rey, a nova residencia de Amencer-Aspace inaugurouse en setembro de 2024, «hai xa por tanto, un ano», froito dunha colaboración entre Concello e Xunta «para ubicala no Centro Sur».
A residencia acolle nas súas instalacións a diversas persoas maiores de idade con parálise cerebral e outros trastornos motores, ofrecéndolles un fogar seguro e axeitado a usuarios que teñen dificultades para desenvolver a súa vida diaria en vivendas familiares e ordinarias. Puentes explicou que «desde un primeiro momento, a viabilidade da residencia, como acontece en practicamente tódolos centros deste tipo impulsados por asociacións, está ligada ao convenio de prazas coa Xunta de Galicia». «Cando se inaugurou, coa presenza do presidente autonómico, Alfonso Rueda, a Xunta comprometérase a concertar inicialmente 12 das 32 prazas que ten dispoñibles esta residencia -apuntou-, e posteriormente, nun prazo de seis meses, incrementalas ata 21 prazas, cubrindo máis da metade das prazas dispoñibles e dándolle así á asociación a viabilidade económica que precisa para poder manter o funcionamento da residencia».
O portavoz do PSOE criticou que «pasados, non seis meses, senón un ano, desde a apertura desta residencia de Amencer-Aspace, o número de prazas concertadas seguen a ser esas 12 iniciais, e nada se sabe desas 9 a maiores que a Xunta se comprometera a sufragar para chegar até as 21». Ao seu xeito de entender, «a verdade é que a asociacións agardou xa o suficiente tempo, o dobre que a Administración autonómica lle prometera inicialmente, e a consecuencia diso é que, a día de hoxe, Amencer está a atravesar unha situación económica complicada froito desas prazas que non están cubertas».
Unha situación agravada pola actualización do convenio do persoal: a Xunta non está a asumir o déficit de 300 euros que supuxo en cada un dos 12 usuarios
Unha complicada circunstancia que se agrava aínda máis a raíz da actualización, en 2024, do convenio colectivo dos traballadores de atención a persoas con discapacidade, o que supuxo un incremento do 10% no salario base destes profesionais. Un aumento salarial, como matizou Iván Puentes, «que levaba tempo sendo reclamado e que é absolutamente merecido, pero que a Xunta non incorporou á aportación que lle fai a este tipo de centros no custe por praza de cada persoa acollida nos mesmos».
«Isto tradúcese en que, entre o que a Xunta lle paga a Amencer-Aspace por cada persoa que está nunha praza concertada nunha residencia e o custe real desa praza, hai unha diferencia de 300 euros por persoa, que está tamén a asumir a asociación. Por tanto, 300 euros de déficit por cada unha das 12 persoas que teñen concertadas nestes momentos, máis 9 prazas que non están cubertas e que deixan de supoñer un ingreso de fondos», apuntou Puentes.
Para o líder dos socialistas, tendo en conta as «especialmente numerosas listas de agarda» existentes e que «hai xente que leva moitos anos demandando o acceso a este tipo de servizo», estase a producir «non só un prexuízo económico para Amencer-Aspace, senón tamén un importante prexuízo para moitas familias e persoas dependentes que están á espera de ser aloxadas nunha residencia como esta» (en toda a provincia, hai unicamente dúas residencias deste tipo, a de Amencer en Pontevedra e outra que funciona en Vigo e que está completamente ocupada, polo que as únicas prazas dispoñibles son as 20 da nosa cidade).
«Esta residencia é a única oportunidade que teñen moitos veciños e veciñas para poder desenvolver unha vida digna e con tódalas necesidades cubertas»
A moción impulsada polo PSOE esíxelle á Xunta que cumpra o seu compromiso de cubrir as 9 prazas a maiores das 12 iniciais, chegando ás 21 que deberían estar concertadas xa neste 2025, e que, nos orzamentos autonómicos para 2026, se contemplen a actualización urxente do prezo de concertación das prazas ofertadas nas residencias (cubrindo o déficit de 300 euros existente entre o custe real e os cartos que a Xunta lles ingresa ás asociacións), e a maiores, un novo incremento de 9 prazas, cubrindo así 30 das 32 prazas das que dispón a residencia de Amencer (quedarían dúas baleiras para poder acoller situacións de emerxencia).
Iván Puentes agarda que a iniciativa atope o consenso dos tres grupos políticos da Corporación, xa que «non ten outras finalidades que a de velar polo interese e o benestar de moitos veciños e veciñas de Pontevedra e de fóra de Pontevedra que teñen nesta residencia a súa única oportunidade para poder desenvolver unha vida digna e con tódalas necesidades cubertas; e protexer a unha entidade como Amencer-Aspace, que leva tantos anos traballando de xeito voluntario e desinteresado no coidado dun sector de poboación tan importante e con tantas necesidades de atención como é o das persoas con parálise cerebral e trastornos neuromotores».
A denuncia tamén chegará ao Parlamento Galego a través dunha proposición non de lei rexistrada pola deputada socialista Paloma Castro.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS