Iván Puentes celebra a sinatura do convenio para a renovación da herba artificial dos campos do Manolo Barreiro: «Os votos do PSOE fan posible que os compromisos adquiridos, neste caso cos clubs deportivos de Pontevedra, se poidan facer realidade»
- Entre as esixencias dos socialistas para a aprobación da última modificación de crédito atópase a inclusión dunha partida de 425.000 euros para renovar a herba dos dous campos de fútbol 8 e tamén do de fútbol 11 número 2 do complexo deportivo Manolo Barreiro, así como os compromisos para a cobertura das bancadas nestes terreos e no de Gatomorto (Xeve) e a instalación de herba artificial nos campos do CEIP Xunqueira 2 e o IES A Xunqueira I
- «Fronte aos discursos catastrofistas do PP, que non vota nin apoia proxectos para Pontevedra e aínda por riba, cando outros o facemos, pretenden ridiculizarnos, hoxe amósase que os cinco votos do PSOE pesan moito neste Pleno», asegura Puentes
Pontevedra, martes 15 de xullo de 2025.- «Quero expresar a satisfacción do Grupo Socialista polo feito de que se vaian cumprindo os acordos e esixencias que plantexamos para a aprobación do Orzamento de 2025 e, en particular, da última modificación de crédito, a piques de estar xa dispoñible para ser investida en tódalas actuacións alí contempladas. O PSOE incluíra nesa modificación de crédito 425.000 euros para renovar a herba dos dous campos de fútbol 8 e do de fútbol 11 número 2 do complexo deportivo Manolo Barreiro». Deste xeito celebrou esta mañá o portavoz municipal dos socialistas de Pontevedra, Iván Puentes, a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación Provincial para levar a cabo unha parte importante deste acordo, en concreto, a renovación do céspede artificial dos terreos de fútbol 8.
Tal e como salientou Puentes, no compromiso pechado co BNG para a aprobación da última modificación de crédito «tamén se incluían outras actuacións, como a cobertura, tanto das bancadas dos campos de fútbol 8 do Manolo Barreiro como do campo de Gatomorto (na parroquia de Xeve), e sobre todo unha liña na que temos que avanzar, que é ese acordo coa Xunta para poder instalar herba artificial nos campos do CEIP Xunqueira 2 e do IES A Xunqueira I, sumando esas dúas instalacións á oferta do Manolo Barreiro, fóra do horario lectivo (ampliando así a superficie dispoñible para competición e adestramentos) e optimizando a dotación deportiva dos centros educativos».
«Non só nos gusta celebrar os acordos cando os asinamos, cando facemos máis gobernable esta cidade e cando se incorporan propostas do PSOE aos orzamentos e ás modificacións de crédito -asegurou Iván Puentes-, senón que tamén sabemos poñelas en valor cando eses acordos se cumpren e se transforman en realidades que melloran a calidade de vida dos veciños e veciñas; fronte a outros discursos catastrofistas do PP, que non vota nin apoia proxectos para Pontevedra, pero aínda por riba, cando outros o facemos, pretenden ridiculizarnos dicindo que prestamos os nosos votos a cambio de nada».
Na súa opinión, «hoxe amósase que os cinco votos do PSOE pesan moito neste Pleno, fan posible eses investimentos e que os compromisos adquiridos coa cidadanía, neste caso cos clubs deportivos, se poidan facer realidade».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS