Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE alerta da «manifesta complicidade» de Rafa Domínguez co plan do PP vigués para deixar a Pontevedra «marxinada da alta velocidade»: os socialistas levarán a Pleno unha moción para esixir que as novas conexións de AVE con Madrid paren na nosa cidade

  • Ante o «sepulcral silencio» dos ‘populares’ Luis López e Rafa Domínguez, a iniciativa dos socialistas propón que a Corporación Municipal reprobe as palabras e a petición de Luisa Sánchez, vicepresidenta segunda da Deputación, de habilitar frecuencias de alta velocidade entre Vigo e Madrid que non paren en Pontevedra
  • O portavoz socialista, Iván Puentes, incide na necesidade de que o Goberno de España continúe a reducir os tempos de viaxe «mediante diversas opcións, como a maximización de uso do baipás de Conxo (Santiago de Compostela) ou a racionalización de paradas fóra do territorio galego»

Pontevedra, mércores 11 de xuño de 2025.- O PSOE considera que existe unha «manifesta complicidade» do presidente provincial, Luis López, e o vicepresidente e portavoz ‘popular’ Rafa Domínguez co plan do PP vigués para deixar a Pontevedra «marxinada das futuras conexións de alta velocidade con Madrid». Os socialistas decidiron tomar cartas ante a absoluta pasividade e o «sepulcral silencio» mantidos por López e Domínguez en relación á polémica solicitude da vicepresidenta segunda da Deputación, Luisa Sánchez (presidenta do partido en Vigo), de que se habiliten frecuencias de AVE entre Vigo e Madrid sen parada na nosa cidade. Tal e como advertiran, levarán ao vindeiro Pleno unha moción para pedirlle ao Goberno de España que as novas conexións da provincia con Madrid teñan parada asegurada en Pontevedra e, tamén, para que o líder do PP pontevedrés ‘se molle’ «e diga publicamente se defende os intereses dos seus veciños ou intereses partidistas»: proporán que a Corporación Municipal reprobe de xeito unánime as palabras, «sumamente graves», de Luisa Sánchez.

A iniciativa, que incide na necesidade de seguir «reducindo os tempos de viaxe mediante diversas opcións, como a maximización de uso do baipás de Conxo (Santiago de Compostela) ou a racionalización de paradas fóra do territorio galego», foi dada a coñecer esta mañá nunha comparecencia protagonizada polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, quen insistiu na «gravidade» da petición efectuada «por quen supostamente exerce como vicepresidenta de tódolos veciños e veciñas da provincia de Pontevedra, non só dunha parte». «O que defende a vicepresidenta da Deputación -lembrou- é que se poña en servizo unha frecuencia de AVE directa entre Vigo e Madrid, sen paradas intermedias, é dicir, sen que pare na nosa cidade. Para máis esperpento, Luisa Sánchez, máis preocupada polo enfado do PP de Castela e León e as frecuencias de alta velocidade que reclama esa comunidade autónoma que pola cidadanía da súa provincia, engade que a súa ocorrencia ‘beneficiaría enormemente a la ciudad’, ao mesmo tempo que ‘no perjudicaría a ningún otro territorio del país’; palabras das que non resulta difícil deducir que unicamente lle preocupa beneficiar a unha cidade, a súa, e que non considera á capital da provincia que vicepreside ‘otro territorio del país'».

Puentes subliñou a importancia que supuxo a conexión de Pontevedra coa rede ferroviaria de alta velocidade a través do denominado Eixo Atlántico, traducida en récord de viaxeiros/as na nosa estación (1.701.783 en 2024), e asegurou que «aínda quedan moitos retos por diante, como a chegada de novas compañías de transporte de pasaxeiros/as, a conexión coa alta velocidade de Portugal, o desdobre dos catro tramos de vía única que aínda quedan entre Medina del Campo e Ourense, o incremento de frecuencias nos servizos de AVE, a integración de Pontevedra na Rede Transeuropea de Transportes (TEN-T) a través do Corredor Atlántico ferroviario ou unha conexión máis directa da nosa cidade con Madrid». «Retos todos eles -apuntou- nos que o Goberno de España está xa a traballar, co recente anuncio do incremento de conexións entre Pontevedra e Madrid por alta velocidade a partir do 9 de xuño: traxecto que contará con catro conexións directas por sentido cada día, ampliables a cinco en breve tempo, case duplicando o número de prazas ofertadas ata agora e cunha redución considerable dos tempos de viaxe, que se sitúan xa nas 3 horas e 33 minutos no servizo máis rápido. Dos catro trens directos, ademais, dous deles en cada sentido xa non paran en Santiago de Compostela, senón que circulan directamente cara a Ourense a través do baipás de Conxo, o que significa reducir entre 10 e 15 minutos a duración da viaxe».

Segundo criticou o líder socialista, «lonxe de se alegrar por estes importantes avances ou de poñerse a traballar en positivo para acadar entre tódolos restos aínda pendentes, a reacción do Partido Popular de Pontevedra quedou sintetizada nunha petición de discriminación contra a nosa cidade, tanto nos novos coma nos futuros servizos de alta velocidade que partan das Rías Baixas cara a Madrid»; unha postura do PP que verbalizou a vicepresidenta da Deputación e presidenta do partido en Vigo. 

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes