Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes alerta dos plans do PP para deixar a Pontevedra fóra da conexión de AVE con Madrid e crear unha liña directa con Vigo: «É un ataque frontal á nosa cidade e imos loitar contra todo e contra todos para que a alta velocidade pare en Pontevedra»

  • O portavoz do PSOE reclama unha rectificación pública das declaracións nas que a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, presidenta do Partido Popular vigués, lle solicita ao Goberno de España un AVE directo entre Vigo e Madrid «sen paradas intermedias» e deixando fóra da ecuación a Pontevedra e Vilagarcía
  • Puentes esíxelle ao presidente provincial, Luis López, «que actúe, poña orde na súa casa e, de non darse a rectificación, cese directamente a Sánchez»; ademais solicítalle ao ‘popular’ Rafa Domínguez que se pronuncie publicamente «e diga se defende os intereses dos pontevedreses ou os da súa candidata en Vigo»

Pontevedra, martes 27 de maio de 2025.- O PP de Galicia e o de Pontevedra levan xa máis dunha semana calados e facendo oídos xordos ante as gravísimas manifestacións nas que a vicepresidenta da Deputación provincial, a ‘popular’ Luisa Sánchez, lle solicitaba ao Goberno de España un AVE directo entre Vigo e Madrid, «sen paradas intermedias» e deixando fóra da ecuación á nosa cidade e a Vilagarcía de Arousa. Un mutismo que indigna ao portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, quen hoxe lle reclamou ao presidente provincial, o ‘popular’ Luis López, «que esixa a rectificación pública» de Sánchez e «defenda os intereses da cidade de Pontevedra como vicepresidenta que é do organismo provincial e «no caso de que non rectifique publicamente as súas palabras, a cese e deixe de exercer como vicepresidenta desta provincia».

«Pedímoslle tamén a Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación, que se pronuncie publicamente e que non deixe ningún lugar a dúbidas: que diga se defende os intereses de Pontevedra e dos pontevedreses, ou defende á súa candidata en Vigo, a unha aspirante máis a inmolarse ante o Partido Socialista de Vigo e ante Abel Caballero. Que pesa máis na súa acción política, defender que o AVE pare en Pontevedra ou defender os intereses da candidata do PP en Vigo? Polo tanto, se quere que o AVE pare ou non pare en Pontevedra», esixiu Puentes.

O portavoz do PSOE advertiu de que «se isto non se cumpre, se o presidente da Deputación non toma medidas coa súa vicepresidenta e se o vicepresidente Rafa Domínguez non aclara publicamente cal é a súa postura e lle esixe tamén a Luisa Sánchez que rectifique, nós obrigaremos a que o Pleno de Pontevedra se pronuncie sobre este asunto e a que Rafa Domínguez se teña que pronunciar tamén».

Para Puentes, as declaracións de Luisa Sánchez «pedindo que o tren de alta velocidade pare en Vigo e non pare en Pontevedra» resultan «especialmente graves» porque, alén de tratarse da presidenta do Partido Popular de Vigo, foron pronunciadas pola vicepresidenta «de tódolos pontevedreses e pontevedresas», é dicir, «a persoa que debería estar representando non só os intereses de Vigo, senón os intereses de toda a cidadanía da provincia de Pontevedra». «A señora Luisa Sánchez pide que se nos reduzan servizos e se nos deixe á marxe dos novos servizos de AVE que se poidan crear aos veciños e veciñas da capital da provincia e de Vilagarcía de Arousa», sinalou esta mañá o socialista durante unha comparecencia celebrada na Sala de Prensa do Concello.

A presidenta do PP vigués dixo literalmente, nas súas manifestacións, que «esta solución do AVE directo Vigo-Madrid beneficiaría enormemente á cidade e non prexudicaría a ningún outro territorio». Tal e como afirmou Iván Puentes, «non sei que nos considera a señora Luisa Sánchez aos veciños e veciñas de Pontevedra ou aos de Vilagarcía, se para ela non formamos parte do territorio da provincia que ela vicepreside ou directamente non merecemos atención nin ter servizos de alta velocidade para conectarnos con Madrid». «Resulta ademais curioso -apuntou- que queiran atacar a Abel Caballero con supostos conflitos artificiais de Vigo con Castela e León e, sen embargo, lles resulte tan natural menoscabar a Pontevedra».

O portavoz do PSOE lamentou que, ante «este ataque frontal á nosa cidade», nos atopemos cun Partido Popular de Galicia e de Pontevedra «que leva unha semana enmudecido, absolutamente calado, como se nada tivese acontecido». «Oito días despois -reprochou- non sabemos nada do que pensan o presidente da Deputación, Luis López, veciño de Vilagarcía de Arousa, nin o vicepresidente Rafa Domínguez, veciño de Pontevedra, que quere ser alcalde desta cidade e que non ten nada que dicir ante un ataque desta gravidade. Deste xeito, desde logo, non vai poder nunca gobernala».

Segundo expresou, «Rueda, López e Domínguez levan unha semana enmudecidos, como xa o estiveron ante as reiteradas declaracións de dirixentes do PP de Castela e Léon, cando Renfe modificou con bo criterio as paradas dos trens e implementou novos servizos que conectan dun xeito máis directo Galicia con Madrid; non tiñan nada que dicir, pero isto é máis grave, xa que o Partido Popular de Vigo está a atacar ao resto da provincia de Pontevedra e ataca tan directamente aos pontevedreses e pontevedresas».

Propostas atolondradas e absolutamente irracionais

Iván Puentes asegurou que os socialistas defenden que «tódolos servizos de alta velocidade que saian do sur da provincia cara a Madrid teñen que parar na cidade de Pontevedra, como non podería ser doutro xeito». O líder do PSOE advertiu que o seu partido vai «loitar contra todo e contra todos para que a alta velocidade pare na nosa cidade, como merece unha capital de provincia e como merece unha área urbana tan importante e tan numerosa en poboación como é Pontevedra».

En todo caso, Puentes amosou a súa confianza no Goberno de España, no ministro de Transportes, Óscar Puente, na dirección de Renfe e en que impere o sentido común «para que estas propostas atolondradas e sen base algunha da vicepresidenta provincial non sexan escoitadas nin tidas en conta». «O problema -matizou- é que o PP é o partido que está a gobernar en Galicia e na provincia de Pontevedra e que, obviamente, sempre é aspirante ao Goberno de España. Afortunadamente, que o Partido Socialista estea agora mesmo no Goberno de España danos toda a tranquilidade do mundo de que isto non se vaia producir, pero o PP, como partido de goberno, ten que deixar clara cal é a súa postura en relación á conexión de Pontevedra a través da alta velocidade».

Do contrario, indicou Puentes, «estaremos sempre suxeitos a propostas absolutamente irracionais dunha persoa que non é calquera dirixente do PP, é a vicepresidenta e responsable de Economía da Deputación, que se atreve a pedir que se nos prexudique ao resto de cidades da provincia e que o AVE non pare en Pontevedra nin en Vilagarcía… A nós parécenos escandaloso e por iso lle solicitamos ao presidente que actúe, que poña orde na súa casa, que esixa unha rectificación e, se non o fai, que a cese directamente».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes