O PSOE esíxelle ao Goberno Local que rectifique «o absurdo e cutre paso de Shibuya» pintado no Campo da Torre e execute as obras de humanización comprometidas en San Roque
- O portavoz socialista, Iván Puentes, denuncia «o cabreo e perplexidade da veciñanza do barrio» ante un paso de peóns «que cruza de ningún sitio a ningún sitio e só serve para eliminar algunhas prazas de estacionamento»
- Para o concelleiro Manuel Fariña, esta «incomprensible chapuza só pon de manifesto a desidia, a deixadez e os agravios comparativos sistemáticos que padecen os veciños e veciñas de San Roque por parte do BNG»
- «Agardamos que rectifiquen -afirma Puentes-, que falen cos veciños e que cumpran o que todos acordamos e votamos no Pleno do Concello: pedir a declaración de todo este contorno como Área de Rehabilitación Integral (ARI) e humanizar de verdade o barrio de San Roque, integrándoo plenamente na cidade»
Pontevedra, 28 de marzo de 2025.- O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, impulsou no anterior mandato un proxecto que permitiu renovar, humanizar e ampliar a zona verde e área de xogos e lecer do Campo da Torre, dotándoa dun espectacular parque con estruturas de madeira. Despois de que o concelleiro Demetrio Gómez anunciara hai un par de anos a intención do Goberno Local de humanizar todo o ámbito das rúas Almirante Matos, O Cruceiro, Monteleón e Fonte do Corvo, os veciños e veciñas de San Roque agardaban con anhelo que o BNG executase esta reforma e acabase con anos e anos de abandono deste barrio… Para a sorpresa e monumental enfado de moitos deles, os nacionalistas decidiron, de xeito absolutamente unilateral, pintar un enorme e chamativo paso de peóns, unha sorte de versión cutre do emblemático cruce de Shibuya, en Tokio.
En opinión de Iván Puentes, «o que onte se fixo no Campo da Torre é simplemente unha chapuza, un paso de peóns que cruza de ningún sitio a ningún sitio e unicamente serviu para eliminar algunhas prazas de estacionamento, sen dar resposta ao que de verdade necesita San Roque». «Agardamos que rectifiquen -afirma Puentes-, que falen cos veciños e que cumpran o que todos acordamos e votamos hai uns meses no Pleno do Concello: pedir a declaración de todo este contorno como Área de Rehabilitación Integral (ARI) e humanizar de verdade o barrio de San Roque, integrándoo plenamente na cidade».
Tal e como sostén o líder do PSOE, «Pontevedra foi durante moitos anos referente en urbanismo e mobilidade para outras cidades, pero esta versión absurda e cutre do cruce de Shibuya que se se pintou no Campo da Torre non ten xustificación, é unha verdadeira chafallada». «O cabreo e perplexidade da veciñanza do barrio está totalmente xustificado -subliña- e, para a súa desgraza, San Roque convértese nun exemplo paradigmático dalgo que o propio alcalde admitiu: cando o PSOE goberna as cousas fanse mellor. Os socialistas renovamos todo o parque e a zona de xogos e lecer do Campo da Torre e este BNG, en 26 anos, o único que fixo foi pintar un paso de peóns absurdo».
Indignación veciñal: «Isto parece de chiste»
A indignación da veciñanza foille trasladada ao concelleiro socialista Manuel Fariña cando o polémico paso peonil ando estaba en pleno proceso de pintado. Para Fariña, esta «incomprensible chapuza só pon de manifesto a desidia, a deixadez e os agravios comparativos sistemáticos que padecen os veciños e veciñas de San Roque por parte do BNG».
Segundo lle transmitiron, «á marxe de que haxa diversos pasos peonís pegados a poucos metros, o que acaban de pintar dá a un muro, non vai a ningures, carece de sentido». «Todos intuímos, ou máis ben, temos clarísimo, que esta actuación só resposta a unha directriz política de ir eliminando prazas de estacionamento de xeito progresivo. Pouco a pouco, en menos dun ano -denuncia Manuel Fariña- desapareceron entre 10 e 15 prazas neste contorno».
Algúns veciños amosaban onte o seu cabreo e estupefacción asegurando que «isto parece un chiste», e mesmo comezaban a estudar xa accións como unha recollida de sinaturas. Están convencidos de que, lonxe de reducir a circulación de vehículos, esta inusitada densidade de pasos de peóns, «o único que reduce son as prazas para estacionar».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS